Na procura do camiño primitivo ao Sarridal, o castro con sauna castrexa que perviviu ata os suevos
A península do Sarridal, en Cedeira, acolle dende hai uns días a oitava campaña arqueolóxica no seu castro, un dos máis relevantes do noroeste peninsular. A intervención, que se estenderá durante catro semanas, está promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, cun orzamento de 17.303 euros. O proxecto está dirixido polo arqueólogo Emilio Ramil, da empresa AXA Arqueoloxía, responsable tamén das anteriores actuacións neste enclave.
Nesta oitava campaña de escavación, os traballos céntranse nunha zona clave: o antigo camiño de acceso ao castro, entre os dous fosos e próximo á muralla interior. Segundo explicou o arqueólogo Emilio Ramil, “o que estamos facendo nesta campaña é escavar o camiño actual de acceso, que coincide co trazado orixinal de entrada ao recinto habitacional”. A intervención permitiu xa identificar varias fases superpostas de empedrado, entre elas un tramo da época galaico-romana e outro do século XVII, posiblemente vinculado á antiga batería costeira. “Debaixo do camiño moderno atopamos un empedrado anterior, reforzado con varamentos, que seguramente foi feito para trasladar os elementos pesados da batería antes da construción do castelo”, precisou o director da escavación. Ademais, apareceu unha estrutura da que só se coñecía o paramento exterior, e que podería corresponderse cun forno ou outro tipo de construción. “O noso obxectivo é recuperar esa estrutura que amortizou o foso en época galaico-romana e, ao mesmo tempo, documentar o camiño orixinal de acceso ao castro”, indicou. Estes achados permitirán, ademais, a futura substitución do camiño actual por unha pasarela de madeira, un proxecto municipal que, segundo Ramil, busca “un acceso menos agresivo, que non afecte os restos arqueolóxicos e que permita seguir investigando sen interferencias”.
A intervención non só ten como obxectivo a documentación arqueolóxica, senón que está ligada á futura substitución do acceso actual por unha pasarela de madeira, deseñada para minimizar o impacto sobre os restos históricos. Esta nova infraestrutura permitirá tamén unha mellor observación do xacemento por parte do público visitante, mantendo protexidos os niveis soterrados.

Imaxe aérea do Castro Sarridal / Castro Sarridal
Un xacemento excepcional
O Castro Sarridal, tamén coñecido como Campo do Castro, forma parte do sistema de asentamentos costeiros da comarca de Ortegal e representa un exemplo singular pola súa posición estratéxica e sistema defensivo. Accesible só por terra e protexido por altos cantís, conta cun dobre sistema de murallas e fosos, así como torres defensivas.
A historia de ocupación do castro abrangue dende o século V a.C. ata o século IV d.C., cunha continuidade que abrangue a etapa castrexa, a galaico-romana e mesmo a suévica. Esta longa cronoloxía queda reflectida na complexidade arquitectónica das estruturas exhumadas nas sucesivas campañas: vivendas, muros, empedrados e, sobre todo, o Monumento con Forno, unha antiga sauna de vapor castrexa.
Este elemento, escavado de forma intensiva nas primeiras campañas, destaca pola súa arquitectura complexa e ben conservada, cun sistema de cámaras, antecámara, piscina de auga fría e forno de pedras quentes. A súa datación por carbono 14 sitúa a construción arredor do ano 230 a.C., converténdoo nun dos cinco exemplos coñecidos en Galicia deste tipo de estrutura.
“Unha sauna como esta, construída antes da chegada dos romanos, rompe o paradigma tradicional sobre a influencia romana nas prácticas de hixiene e lecer”, apunta Ramil. “Este tipo de estruturas demostran que existía xa unha vida social complexa nos castros, con espazos especializados e técnicas construtivas avanzadas”.

Sauna do castro / Castro Sarridal
Un proxecto sostido no tempo
Dende o ano 2017, o Castro Sarridal foi obxecto de sete campañas arqueolóxicas financiadas alternativamente polo Concello de Cedeira e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O impulso da administración local, propietario dunha parte substancial do terreo, foi clave para garantir a continuidade do proxecto.
“É moi difícil que se poidan facer campañas de posta en valor sen o compromiso das administracións”, sinala o arqueólogo. “No caso de Cedeira, o feito de que o castro sexa parcialmente público permitiu avanzar en investigación e consolidación”.
As campañas realizadas permitiron recuperar elementos coma a sauna, o bastión norte da muralla interior, empedrados de distintas fases, unha posíbel forxa, muros circulares e restos dunha canle de recollida de auga de choiva. Todo isto reforza a idea de que o castro foi un centro de ocupación estable e autosuficiente, cunha economía baseada na pesca, a agricultura e a artesanía.
Divulgación e visitas comentadas
A escavación actual conta tamén cunha dimensión divulgativa, con visitas comentadas polo equipo de arqueoloxía os días 22 e 29 de maio, e 5 de xuño, ás 12 do mediodía, sen necesidade de inscrición previa. Estas actividades permiten achegar á cidadanía o traballo arqueolóxico e poñer en valor o pasado da vila.
“A aposta pola divulgación é fundamental”, sostén Ramil. “Non se trata só de escavar e documentar, senón de compartir os coñecementos coa sociedade, facer que a xente entenda a riqueza do que temos aquí ao lado”.
O Castro Sarridal segue así a consolidarse como un referente arqueolóxico e patrimonial de Galicia, tanto pola súa relevancia histórica como polo modelo de intervención sostida, colaborativa e divulgativa que o sustenta. A campaña deste ano supón un novo paso na recuperación da súa historia, pero tamén na construción dunha relación máis viva entre o pasado e o presente da comunidade.