(Vídeo) A tradición titiriteira galega recoñecida pola Unesco
A Asociación Cultural Morreu o Demo participará do Congreso que a Unión Internacional da Marioneta (UNIMA) celebra en Chuncheon, Corea do Sur, entre o 26 e o 30 de maio. A entidade galega recollerá neste encontro o Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro co que este organismo asociado á UNESCO recoñece o seu traballo a prol da recuperación do títere tradicional galego.
A sede do Museo do Pobo en Santiago de Compostela acollía na mañá deste 23 de maio a presentación da delegación galega no evento. Ao encontro internacional acudirán Comba Campoi, presidenta de Morreu o Demo, acompañada de Larraitz Urruzola, unha das profesionais dos títeres que aposta por esta forma escénica. As dúas representantes galegas darán a coñecer no principal encontro mundial dedicado aos títeres a tradición galega neste campo, que ten no personaxe de Barriga Verde o seu principal representante.
Na rolda de presentación, Comba Campoi detallou as actividades que a delegación galega desenvolverá no encontro e presentou o vídeo realizado expresamente para a ocasión no que se explica de xeito didáctico a actividade da Asociación e se introduce o patrimonio titiriteiro do país. Segundo destacou a presidenta de Morreu o Demo “a nosa presenza nesta cita sitúa por vez primeira o patrimonio titiriteiro galego en pé de igualdade con tradicións cun grande recoñecemento internacional, como son o Pulcinella napolitano, o Punch inglés ou o Guignol francés, todos eles parentes do noso Barriga Verde”.
Canda a ela, participou na presentación Anxo García, membro de Morreu o Demo e de Viravolta Títeres e un dos principais investigadores das formas tradicionais desta forma escénica no país. García, que é un dos nomeados no recoñecemento de UNIMA, lembrou que “cando comezamos a investigar sobre Barriga Verde só quedaba a memoria oral do espectáculo e o material que a familia Silvent gardaba no seu domicilio”. Desde entón “desenvolvemos publicacións, exposicións, proxectos didácticos e diferentes compañías apostaron por recrear o espectáculo orixinal e mantéñeno en cartel”, aínda que advirte que “aínda queda moito traballo por facer na recuperación deste patrimonio”.
A participación galega no encontro de Corea permitirá intercambiar experiencias con outros proxectos internacionais de recuperación do patrimonio titiriteiro e dar a coñecer a historia desta tradición en Galicia, así como a actividade actual das compañías de monicreques galegas. A viaxe realízase co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, que fai posible a presenza galega nesta cita de alcance internacional. O director da entidade, Jacobo Sutil, participou tamén no acto de presentación desta iniciativa. A Deputación de Pontevedra colabora tamén neste proxecto coa impresión dos dossiers en inglés que se distribuirán no encontro de Corea.