fbpx
Castelo da Rocha Forte / Concello de Santiago

(VÍDEO) Cando Compostela tiña o seu castelo: a Rocha Forte volve emerxer da memoria e do solo

Tempo de lectura: 3 min.

O emprazamento que hoxe ocupa a Rocha Vella, no límite sur da cidade de Santiago, agocha baixo a terra as ruínas dun dos enclaves máis relevantes do poder relixioso e militar da Idade Media galega. Trátase do Castelo da Rocha Forte, tamén coñecido como Castelo dos Churruchaos, unha fortaleza erguida a mediados do século XIII polo arcebispo Xoán Arias e que permaneceu activa até a súa destrución total no ano 1467, durante a revolta irmandiña.

Situado a 185 metros de altitude, xunto á vía do ferrocarril e preto da saída cara a Pontevedra, o castelo ocupaba un punto estratéxico que permitía controlar os accesos a Santiago desde o sur. Ao contrario doutras fortalezas da época, situadas en puntos elevados, a Rocha construíuse nun val, para vixiar o tránsito de peregrinos e mercadorías no Camiño Portugués e nas rutas comerciais de Padrón, Muros ou Noia.

Unha fortaleza singular

A descrición que chegou até os nosos días, grazas ao Preito Tabera-Fonseca e a fontes documentais da Catedral de Santiago, indica que a Rocha era unha das maiores fortalezas do reino. A estrutura incluía tres liñas de murallas, nove torreóns, capela, barbacás, foxos, almacéns, cabalarizas e mesmo unha mina subterránea cara ao río. Nunha das testemuñas dese preito do século XVI recóllese que “heran muchas las casas e aposentos que abia en ella e paresçía una ciudad”.

Entre os elementos destacados figura a Torre da Homenaxe, o principal núcleo de residencia e defensa, e unha capela dedicada a Santa Eufemia, que formaban o centro dunha construción en pedra de granito unida con cal e argamasa.

Refuxio de arcebispos e símbolo de conflito

O castelo tivo un papel protagonista nas loitas polo control de Compostela entre os arcebispos e os cidadáns. En 1320 vivíronse algúns dos episodios máis dramáticos da súa historia. A cidade, enfrontada co arcebispo Berenguel de Landoria, tentou forzar a súa saída. Este refuxiouse na Rocha e, tras meses de tensión, mandou asasinar once representantes do concello, que acudiran ao castelo para negociar. O feito pasou á historia como o día da Ira’.

Máis tarde, durante os anos 1450 e 1460, rexistráronse denuncias de abusos cometidos polos soldados do castelo: roubos, violacións e extorsións que alimentaron o descontento popular e motivaron que, en 1467, a Rocha fose un dos primeiros obxectivos da revolta irmandiña. Un exército de miles de persoas asaltou e arrasou completamente a fortaleza, que nunca foi reconstruída.

Os feitos históricos entrecrúzanse coa tradición popular. Unha das lendas máis coñecidas relata que o castelo estaba habitado por os Churruchaos, ladróns e asasinos protexidos polo arcebispo. Un capitán, ao regresar da guerra, atopou que a súa filla fora raptada e encerrada na Rocha. Matou o arcebispo durante a procesión do Corpus e arrasou o castelo, dando lugar ao dito popular que fala dunha galiña cos pitos de ouro —a pita dos Churruchaos’que aparece e desaparece entre as ruínas.

A realidade histórica que subxace baixo a lenda apunta a un asesinato político do arcebispo Suero Gómez de Toledo en 1366, en pleno contexto das loitas polo trono entre Pedro I e Henrique II de Trastámara.

Escavacións e investigación

Desde 2001, a Universidade de Santiago e o Concello impulsan campañas de escavación co obxectivo de recuperar, consolidar e divulgar o sitio arqueolóxico. Grazas aos traballos de arqueólogos como Raquel Casal García e Fernando Acuña Castroviejo, púidose delimitar boa parte da planta da fortaleza e recuperar centos de pezas: moedas, cerámicas, ferraduras, armas, restos de estrutura arquitectónica e municións.

Entre os achados máis significativos están proxectís de catapulta, algunhas puntas de frecha de tipo bodkin, espadas e moedas de distintas épocas, así como elementos arquitectónicos góticos, como capiteis, celosías ou molduras.

As campañas tamén confirmaron a existencia dun complexo sistema hidráulico, incluíndo un pozo e canles de canalización da auga. Segundo os investigadores, trátase dunha construción que introduce modelos de fortificación gótica moi pouco frecuentes na Península durante o século XIII, o que leva a pensar que o seu deseño podería estar influenciado por enxeñeiros franceses.

Aínda que hoxe os restos da Rocha Forte están semiocultos pola vexetación e a vía férrea, o obxectivo final do proxecto é crear un parque arqueolóxico accesible ao público, que permita comprender mellor a historia da cidade e o papel do poder eclesiástico no seu desenvolvemento.

Pode que che interese...