Do Kiosko Alfonso á Casa Rey: o esplendor oculto do modernismo coruñés
A comezos do século XX, a cidade da Coruña viviu un dos momentos de maior transformación arquitectónica da súa historia. O ensanche da cidade, deseñado para acoller a unha nova clase burguesa enriquecida polo comercio ultramarino, converteuse no escenario dunha explosión artística que importou o Art Nouveau europeo e o adaptou á realidade galega. Edificios con formas ondulantes, rostros femininos esculpidos en pedra, flores autóctonas representadas en mosaicos e elementos en ferro forxado son hoxe testemuñas dun estilo que, malia a súa potencia estética, continúa sendo pouco reivindicado pola sociedade local.
O arquitecto Alberto Fuentes Valcárcel, fundador do proxecto Art-Nouveau Coruña, leva anos traballando na divulgación deste patrimonio esquecido. “Cando comecei a investigar decateime de que a cidade tiña moitísimos máis edificios modernistas dos que imaxinaba. A cifra achégase ao centenar”, explica. O seu labor levou ao recoñecemento do Colexio de Arquitectos como un dos 30 proxectos de Nova Arquitectura Galega en 2024, grazas a unha iniciativa que combina visitas guiadas, deseño gráfico, investigación histórica e defensa do patrimonio.
A arquitectura do progreso
O modernismo chegou á Coruña a través das mans da burguesía mercantil e das influencias europeas. Tal e como relata Fuentes, “todo comeza cun momento de expansión económica ligado á apertura do porto exterior a finais do século XVIII, que propicia a chegada de profesionais de toda Europa”. Ao longo do século XIX, a cidade convértese nun foco de atracción para arquitectos que traballan tanto en obra pública como privada. Moitos deles, como Julio Galán, Antonio López Hernández ou Ricardo Boán Callejas, incorporan os estilos que ven en viaxes por Viena, Bruxelas ou París, ou a través das revistas especializadas que chegan da man das elites viaxeiras.
Mentres a nobreza apostaba por estilos históricos para reforzar o seu peso simbólico, a nova burguesía escolle o modernismo como expresión da súa modernidade e riqueza. “Mostrábase nas fachadas quen eras, que tiñas viaxado, que tiñas cartos”, resume Fuentes. A cidade, que desde a súa refundación no século XIII foi unha vila de realengo afastada da influencia da Igrexa e da aristocracia, favoreceu historicamente o medre dun tecido comercial forte que agora se converte en motor do cambio estético.
O Ensanche e os seus símbolos
O corazón do modernismo coruñés localízase no Ensanche, entre as actuais rúas Juana de Vega, Feijoo, Picavia, a praza de Lugo e a praza de Pontevedra. O plan urbano do século XIX prevía bloques rectangulares, espazos abertos e boa ventilación. As novas edificacións destacan pola súa decoración: galerías curvas, forxados ornamentais, azulexos, escalinatas de mármore, cariátides, e por suposto, os omnipresentes rostros femininos.
Contrariamente á crenza popular que os identifica coa poetisa inglesa Elisabeth Siddal, “esas caras simbolizan a primavera, a alegría e a protección do fogar”, explica o arquitecto. “É un recurso alegórico, herdado en parte do barroco, que aparece en todo o modernismo europeo”.
En moitos destes edificios tamén se pode apreciar unha adaptación ao contexto galego: “Hai flores de camelias, loureiros, follas de carballo… elementos vexetais propios da contorna”, afirma Fuentes. Exemplos disto son o número 22 da praza de Lugo ou o 22 da rúa Real. Tamén se aproveita a tradición local, como as galerías coruñesas, que arquitectos como Galán reinterpretan con curvas e mosaicos de inspiración vienesa, como na Casa Rey, un dos edificios máis emblemáticos.
Espazos emblemáticos e historias ocultas
Alén do Ensanche, outros espazos tamén conservan a pegada do modernismo. Os Xardíns de Méndez Núñez acollían aguaduchos que foron convertidos en xoias arquitectónicas, como o Kiosko Alfonso, con dragóns en ferro forxado da fundición Wonenburger, ou o edificio coñecido como La Terraza, cuxa versión orixinal está en Sada. Precisamente, segundo o arquitecto, vilas como Sada ou cidades como Ferrol están a facer un aproveitamento turístico moito maior do seu patrimonio modernista.
Outros casos curiosos inclúen o Chalet Escudero, na rúa Juan Flórez, construído como casa de verán e posteriormente reconvertido en cárcere da Falange. Ou o edificio de Hijos de Rivera, na rúa Ferrol, promovido polo fundador de Estrella Galicia en 1906 e deseñado tamén por Julio Galán.
Modernismo fóra da Coruña
A cidade herculina non foi a única en Galicia en abrazar esta estética. Santiago de Compostela, por exemplo, conta cunhas 30 edificacións modernistas, aínda que moitas delas son discretas. O arquitecto Jesús López de Rego foi un dos pioneiros na cidade, cun estilo que mesturaba elementos vieneses e bruxelenses, pero “a sociedade compostelá era moito máis conservadora e o modernismo tentou integrarse na paisaxe preexistente”, apunta Fuentes. A maioría das edificacións, agás algunhas destacadas como as das rúas do Pombal ou Preguntoiro, presentan decoracións discretas, integradas no granito tradicional.
En Ferrol, pola contra, a estética modernista destaca pola súa cor e pola densidade de exemplos. “Tanto Ferrol como Zamora están promovendo de forma activa o seu modernismo como reclamo turístico. A Coruña, en cambio, parece máis reticente a poñelo en valor”, lamenta.
Entre o rexeitamento e o redescubrimento
O modernismo sufriu un longo período de esquecemento. “Durante décadas, entre os anos 50 e 80, foi considerado hortera e excesivo. Apenas aparecía nos libros de historia da arte”, explica Fuentes. Hoxe, porén, o interese está renacendo, tanto entre a cidadanía como entre investigadores. As redes sociais xogan un papel clave nesta revalorización: “Hai contas dedicadas ao modernismo en practicamente todas as cidades do mundo”.
Proxectos como Art-Nouveau Coruña contribúen a esa recuperación da memoria. A través das súas visitas guiadas e materiais divulgativos, Alberto Fuentes e o seu equipo traballan para devolver ao modernismo coruñés o lugar que merece na historia urbana de Galicia. “Non só é beleza. É unha forma de entender o mundo, de expresar identidade, de construír cidade”.

