fbpx
Fraga Raxada / Apatrigal

Fraga Raxada: o segredo medieval sen páxinas escritas que agroma grazas aos testemuños orais

Tempo de lectura: 4 min.

Un outeiro granítico, abrupto, elevado sobre os vales do Salas, Limia e Arauxo, e oculto durante séculos entre xestas e penedos. Así é a Fraga Raxada, un lugar no que a tradición oral falaba da Casa dos Mouros, e onde unha intervención arqueolóxica recente descubriu non só unha fortificación medieval, senón tamén unha aldea esquecida de arredor de seis hectáreas, sen nome coñecido e sen mención documental coñecida.

Este espazo da parroquia da Cela (Lobios) foi escavado polos arqueólogos Eduardo Breogán Nieto (Breogán Arqueoloxía) e Juan Manuel Galiña Lorenzo (Universidade de Vigo), no marco dunha investigación máis ampla sobre as fortalezas do val do Salas, fronteira natural e histórica entre Galicia e Portugal. “O que pensabamos que era só unha torre, resultou ser moito máis. Unha aldea enteira agochada baixo a vexetación”, explica Breogán Nieto.

Juan Manuel Galiña Lorenzo durante unha visita á Fraga Raxada / Ateneo de Ourense

Un achado inesperado nun día de invernada

Todo comezou cunha simple observación documental. Galiña, que prepara a súa tese sobre a evolución histórica do poboamento na raia galego-portuguesa, atopou unha referencia no catálogo patrimonial da Xunta que mencionaba unha torre medieval na Fraga Raxada. Decidiu visitala con Breogán Nieto. Aquel día chovía. Buscando acubillo nun dos penedos, deron cunha concentración inesperada de fragmentos de cerámica e tellas. A sorpresa foi maiúscula.

“Pensabamos que iamos ver unha torre arruinada e atopamos estruturas moito máis extensas, aliñamentos de pedras, restos tallados na rocha…”, lembra Galiña. O que Patrimonio tiña rexistrado como un “castelo roqueiro” resultou ser a punta dun iceberg moito máis complexo.

A fortificación da Fraga Raxada non aparece en ningunha fonte escrita coñecida. Non hai referencias no Tombo de Celanova, nin en documentos de ningún momento da Idade Media. A aldea tampouco figura nos censos históricos, malia ocupar unha extensión que a faría relevante.

A intervención permitiu identificar o lugar como un asentamento fortificado de grande extensión, estruturado en varias terrazas ao longo do outeiro. A zona máis alta acolle os restos da que posiblemente foi unha torre con patio de armas e recinto defensivo. Ao redor, aparecen múltiples evidencias de vivendas ou recintos funcionais, aliñamentos de pedras e muros integrados entre os bolos graníticos.

“O lugar é naturalmente defensivo. Non fixeron grandes construcións monumentais, porque non facía falta. Con catro pedras ben postas xa tiñas un castelo”, explican os arqueólogos. A torre si puido ter unha entidade construtiva superior, e foi datada por carbono 14 ao redor do final do século X.

Eduardo Breogán Nieto / Concello de Verín

Breve, pero intensa ocupación no século X

A cerámica atopada e os restos documentados permiten situar a ocupación principal únicamente no século X, un momento de grande inestabilidade na zona. Os investigadores manexan varias hipóteses sobre quen puido habitar alí e por que escolleron un lugar tan abrupto. “Era unha época de tensións: os normandos viñan polo norte, os árabes polo sur, e Galicia aínda estaba en formación. Pode que subiran ao monte para defenderse temporalmente”, explica Nieto.

A ocupación, segundo parece, foi curta no tempo, de apenas 100 anos, pero non necesariamente a primeira. Algunhas tellas atopadas remiten á época romana ou mesmo a unha fabricación continuada de tipo artesanal ata épocas medievais. A presenza de cerámica prehistórica, ainda que moi rodada e descontextualizada, suxire tamén ocupacións moito máis antigas.

As tégulas ou tellas atopadas son de varias tipoloxías. Algunhas, estandarizadas e ben feitas, semellan romanas; outras, máis rústicas, poderían ter sido fabricadas localmente en séculos posteriores, segundo detallaron os investigadores. A cerámica propiamente medieval é escasa, pero clarificadora: apunta con forza ao século X como momento central da ocupación.

A tipoloxía das estruturas habitacionais da Fraga Raxada é simple e funcional: muros de pedra seca, aliñamentos básicos e técnicas construtivas que non requiren argamasa. Esta arquitectura ten paralelos claros coa da aldea da Pena (Calvos de Randín), outro xacemento escavado por Breogán Arqueoloxía.

“Son construcións que non mudaron practicamente dende o século X ata o século XVIII ou incluso ata o XX. Iso danos unha continuidade moi interesante para o estudo do hábitat rural de montaña”, explica Nieto.

A memoria dos veciños como fío condutor

A tradición oral foi clave nesta ocasión para orientar a intervención. Os veciños falaban da Casa dos Mouros, dunha capela, das moas para os muíños, das pías escavadas na pedra… Non sabían con certeza que había, pero sabían que algo había. “A tradición oral levounos ao sitio. Logo a arqueoloxía revelou que había moito máis do que se lembraba”, recoñecen os arqueólogos.

De feito, algúns dos poucos habitantes actuais da Cela quedaron sorprendidos ao ver a magnitude do que emerxía baixo a vexetación. “Pensaban que eran catro pedras, e resultou ser unha vila enteira”.

Un roteiro para visitar a historia

A campaña de escavación foi posible grazas ao financiamento do GDR Limia-Arnoia, á colaboración do Concello de Lobios e ao apoio da comunidade de montes da Cela, todo elo financiado con fondos europeos. Como resultado, xa se está a instalar un roteiro interpretativo con paneis explicativos, balizas e acceso dende a estrada que une A Cela con Alvite.

O val do Salas, no que se atopa a Fraga Raxada, forma parte do histórico espazo de raia seca entre Galicia e Portugal. Durante séculos, foi escenario de conflitos, desprazamentos e desaparición de aldeas. Galiña leva anos documentando estas desaparicións e sinala que moitas destas comunidades foron afectadas polas tensións fronteirizas a partir do século XII.

“Ás veces aparecen referencias vagas, pero esta aldea non está nin mencionada. E iso é moi estraño para a súa dimensión”, explica.

As sondaxes feitas ata o momento foron limitadas. Hai estruturas localizadas por dron que aínda non foron escavadas. Hai muros, vivendas, e ata muíños de pedra e ósos que esperan a súa análise. Un óso e restos de carbón foron enviados a Vilnius (Lituania) para datación radiocarbónica. “Sabemos moito, pero falta moito máis. Só escavamos unha parte pequena da aldea. O resto está aí, esperando”, conclúen.

Pode que che interese...