fbpx
Croa do castro de Elviña / Historia de Galicia

O Castro de Elviña: un xacemento que revela a monumentalidade e complexidade urbana milenaria

Tempo de lectura: 6 min.

A escasos quilómetros do centro da cidade da Coruña, na parroquia de San Vicenzo de Elviña, atópase un dos xacementos arqueolóxicos máis impresionantes do noroeste peninsular: o Castro de Elviña. Situado nunha elevación dende a que se dominan amplamente os vales de Elviña e Mesoiro, este poboado fortificado da Idade do Ferro está considerado un dos máis extensos de Galicia, cunha superficie estimada de máis de 12 hectáreas. A súa importancia non reside só nas súas dimensións, senón tamén na complexidade das súas estruturas, na antigüidade das súas murallas e nos sorprendentes achados que teñen saído á luz nas últimas décadas, moitos deles absolutamente únicos no contexto da cultura castrexa.

Durante moito tempo, os especialistas pensaban que as defensas monumentais como as do Castro de Elviña eran froito da romanización ou da influencia directa das técnicas construtivas imperiais. Porén, unha das datacións máis recentes, realizada a través de análises de carbono 14, vén poñer en dúbida esa hipótese. Os restos dunha torre arrasada no acceso suroeste do recinto principal, cuxa desaparición aínda é un misterio sen resolver, datan do século V a.C., dous séculos antes do que se cría.

Segundo o arqueólogo Samuel Nión Álvarez, coordinador das escavacións realizadas en 2024, este dato é fundamental para entender o grao de desenvolvemento urbanístico que acadaron algunhas comunidades galaicas antes mesmo da chegada de Roma. A planificación do castro, coa súa complexa estrutura defensiva, os accesos múltiples, os torreóns e as rúas empedradas, non pode explicarse como unha mera copia de modelos foráneos. Todo parece indicar que estamos ante unha sociedade con capacidade propia para formular proxectos arquitectónicos e urbanísticos ambiciosos, moito antes de ser absorbida pola órbita romana.

Castro de Elviña / Historia de Galicia

Unha vida entre murallas: arquitectura e usos

Ancho da muralla do Castro de Elviña / Historia de Galicia

O Castro de Elviña presenta unha estrutura baseada en recintos concéntricos separados por murallas, cunha croa situada na parte máis alta que funcionaría como centro político, relixioso e simbólico da comunidade. A croa está delimitada por unha impresionante muralla con torreóns semicirculares e unha entrada monumental con escaleiras empedradas, á que se accede por unha rampla que conserva restos significativos da súa pavimentación orixinal.

As vivendas documentadas presentan formas diversas segundo a época. Nas fases máis antigas predominan as construcións circulares, con cubertas de palla impermeable e muros de pedra sen ventás, características da cultura castrexa prerromana. Estas estruturas eran de planta aberta e acollían familias extensas que compartían o espazo arredor dunha lareira central. O tamaño reducido das casas obriga a imaxinar un modo de vida adaptado, no que a xente durmía sobre leitos comúns de palla, aproveitando a calor do grupo humano. As persoas que habitaron este castro tiñan, ademais, unha estatura media inferior á actual, arredor do metro cincuenta.

No castro tamén se identificaron edificios de uso específico, como almacéns para ferramentas, alimentos ou animais, obradoiros para actividades artesanais, e mesmo espazos vinculados a prácticas relixiosas. Un exemplo salientable é o Templo do Ídolo Fálico, situado dentro da croa, o que indica o prestixio ou a confianza que o pobo castrexo depositou no grupo que o construíu: os púnicos, posiblemente cartaxineses. A guía Nina, que realiza visitas interpretativas no castro, destaca a excepcionalidade do feito de que se lles permitise construír en pedra un templo nun espazo tan protexido, proba dunha relación comercial e diplomática intensa entre Elviña e o mundo mediterráneo.

Outro elemento singular é o alxibe rectangular, cunha profundidade de máis de cinco metros, que aseguraba o subministro de auga dentro das murallas en caso de asedio. A estrutura está conectada cun manancial natural que aínda proporciona auga hoxe en día. Esta solución hidráulica revela unha intelixencia estratéxica notable por parte da comunidade castrexa, que comprendía a importancia de garantir a autosuficiencia en períodos de cerco militar.

Alxibe do Castro de Elviña / Historia de Galicia

Achados extraordinarios: cerámica, xoias e técnicas artesás

A escasa superficie escavada —menos dun 10% do total— non impediu a aparición de obxectos de grande valor arqueolóxico. Entre os máis coñecidos atópase o chamado Tesouro de Elviña, composto por un conxunto de xoias de ouro do século I a.C., localizadas no que se denomina hoxe Casa do Tesouro. As pezas inclúen unha gargantilla decorada, unha pulseira rota, láminas finísimas de ouro e un colgante elaborado coa técnica da filigrana, que consiste en entrelazar fíos de ouro para formar motivos ornamentais.

Estes obxectos, que requiren hoxe o uso de microscopios para apreciar os seus detalles, foron feitos sen lentes nin luz artificial, o que evidencia un nivel técnico e artesanal altamente desenvolvido. A presenza de trisqueis e tetrasqueis nas decoracións, símbolos característicos da cultura castrexa, permite asociar claramente a súa autoría a poboacións locais.

Ademais das xoias, tamén se identificaron restos de cerámica diversa, tanto feita a man como elaborada con torno. A cerámica de uso diario contrasta coa cerámica de luxo, reservada para rituais ou banquetes, o que permite distinguir clases sociais e usos funcionais dentro do mesmo castro. A presenza de fragmentos procedentes do Mediterráneo —como pezas de cerámica grega ou púnica— confirman a integración de Elviña nunha rede comercial atlántica e mediterránea.

No campo do téxtil, atopáronse obxectos como fusaiolas e restos de telares que indican o dominio da tecelaxe con materias primas naturais como a la, o liño, o coiro ou mesmo a palla. Existían tintes naturais que permitían dar cor ás vestimentas, e hoxe sábese que as roupas dos castrexos podían estar decoradas ou adaptadas segundo a función ou o rango social.

Fragmento de cerámica castrenxe / Historia de Galicia

Fusaiola / Historia de Galicia

Unha sociedade funcional e estratificada

Elviña era máis que un lugar de residencia. Os datos arqueolóxicos e etnográficos permiten reconstruír unha sociedade complexa e estratificada, con funcións especializadas: ferreiros, ceramistas, tecedeiras, curandeiros, guerreiros, comerciantes, sacerdotes e mesmo instrutores, aínda que non existise un sistema educativo formal como no mundo romano.

A organización defensiva suxire tamén unha estrutura militar eficiente. A disposición en altura do castro, cun acceso fatigoso para os inimigos e un descenso áxil para os defensores, ofrecía unha clara vantaxe estratéxica. Ademais, a existencia de elementos simbólicos como os torques, colares metálicos que producían son ao moverse, podería ter servido como marca de identidade sonora en combate, facilitando o recoñecemento entre aliados e sementando o medo nos inimigos.

Vista panorámica da cidade da Coruña dende o Castro de Elviña / Historia de Galicia

Abandono, redescubrimento e estado actual

A última fase de ocupación coñecida remóntase aos séculos II-III d.C., momento no que a cidade romana de Brigantium, situada no que hoxe é a Coruña, substitúe a función urbana dos castros circundantes. Co abandono progresivo, a natureza foi ocultando as estruturas ata que o lugar pasou a ser utilizado como terreo agrícola e de pasto. Non foi ata mediados do século XX cando, tras un accidente dun neno nun antigo alxibe, comezou o redescubrimento sistemático do castro.

Dende entón, Elviña foi obxecto de distintas campañas arqueolóxicas e forma parte dun proxecto de posta en valor impulsado polo Concello da Coruña, co apoio da Xunta de Galicia. O chamado Proxecto Artabria pretende converter o castro e a súa contorna nun parque arqueolóxico de 65 hectáreas, combinando protección patrimonial, divulgación científica e uso público. Xa se realizaron expropiacións e limpezas de terreo que permitiron descubrir novas murallas e indicios dunha ocupación aínda máis extensa da que se coñecía.

A pesar disto, Elviña segue fóra das principais liñas de axudas estatais, e o seu potencial turístico e educativo segue infrautilizado. Os traballos de escavación son intermitentes e dependentes da vontade política local, malia o crecente interese que desperta entre o público e a comunidade investigadora.

O Castro de Elviña continúa a agochar baixo terra moitas respostas por descubrir. A destrución dunha das súas torres, aínda sen datación precisa, podería estar relacionada cun episodio de violencia no contexto das guerras de conquista romana. A monumentalidade das súas defensas, a calidade dos seus obxectos, a diversidade das súas relacións comerciais e a súa antigüidade obrigan a reconsiderar o nivel de desenvolvemento das sociedades castrexas, que durante moito tempo foron tratadas como grupos illados e pouco organizados.

Pode que che interese...