Que vai pasar co lote de moedas únicas do Reino Suevo de Galicia que se van vender en Madrid?
Ademais, vaise a solicitar ao Goberno central que as declare “inexportables” tendo en conta a súa relevancia para o patrimonio cultural de Galicia. Á hora de proceder a incoar este expediente, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron as pezas que forman parte da colección numimástica privada do galego Antonio Orol e atoparon cinco exemplares únicos, que supoñen unha testemuña material e documental da presenza do Reino suevo en Galicia, así como do medievo renacentista.
Consecuentemente, a avaliación dos técnicos determina que teñen a categoría tanto para a historia da Península, como para a Comunidade en particular, de obxecto moble singular. Deste xeito, a declaración de Ben de Interese Cultural suporalles a protección patrimonial esixida polos seus valores históricos, artísticos, culturais e tamén identitarios e territoriais, “xa que plasman con singular relevancia o seu vinculado coa Gallaecia histórica e a existencia do Reino Suevo dentro do período alto medieval”.
Debido a relevancia destas moedas para o patrimonio cultural de Galicia, a Xunta vaille a solicitar de maneira inmediata ao Ministerio de Cultura que emita a Orde que as declare inexportables, como medida cautelar previa ata que se incoe o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural. Deste xeito, trátase de evitar a súa posible saída do país e “unha perda artística e documental inestimable”. No momento en que se publique a incoación no Diario Oficial de Galicia, a Administración autonómica disporá dun prazo de 24 meses para completar o expediente.

