fbpx
Arquivo histórica da USC / remitida

Queres coñecer os tesouros ocultos dos arquivos históricos?

Tempo de lectura: 2 min.

Un ano máis, Galicia súmase á Semana Internacional dos Arquivos que, baixo o lema (#IAW2025)! #Arquivos Accesibles – Arquivos para tod@s, se desenvolve entre o 9 e o 13 de xuño,  Preténdese así destacar a necesidade de superar barreiras sociais, técnicas, físicas, lingüísticas ou culturais para favorecer a súa accesibilidade, de aproveitar as oportunidades que ofrece a tecnoloxía para mellorar o acceso á información e de recoñecer os arquivos como axentes clave na configuración da identidade cultural, da memoria da sociedade, así como da gobernanza e a rendición de contas.

E, entre as institucións que abren as súas portas para amosar os seus tesouros ocultos están o Arquivo Histórico da USC (AHUS) ou o Arquivo Histórico de Tui. O Arquivo da USC súmase así a esta iniciativa global coa proposta #AHUS_VIP, para favorecer o acceso ás súas instalacións e coñecer, mediante unha experiencia personalizada, todo o traballo que está a realizar para a preservación do patrimonio documental.

Para iso, o propio Día Internacional dos Arquivos, o luns 9 de xuño, de 12.00 a 13.15 h, as primeiras 8 persoas que formalicen a súa inscrición na visita guiada poderán percorrer o edificio, visitar depósitos de acceso vedado ao público e asistir a unha demostración do traballo que realiza a restauradora Cristina Doral Brun no taller de restauración, un dos poucos existentes en Galicia especializados na conservación de documentos en papel e pergameo. Esta experiencia, para que poida chegar ao maior número de persoas interesadas, repetirase o xoves 12 de xuño no mesmo horario, de 12.00 a 13.15 h. para outras 8 persoas.

Tui

Tamén o Arquivo Municipal de Tui promove unha visita as súas instalacións. Esta actividade celebrarase o vindeiro xoves, 12 de xuño, ás 12 h. Para participar é preciso realizar inscrición previa no correo electrónico: arquivo@tui.gal

A medida que os arquivos evolucionan na era dixital, a capacidade de proporcionar un maior acceso aos contidos arquivísticos vólvese máis crucial que nunca. O tema deste ano celebrará as formas en que os arquivos de todo o mundo están a adoptar as novas tecnoloxías para abrir as súas coleccións, facilitando o acceso á historia, a cultura e o coñecemento para todos. Desde plataformas dixitais e interfaces de usuario melloradas ata técnicas de preservación innovadoras, o obxectivo é garantir que os arquivos estean ao alcance de todos, independentemente da súa localización xeográfica ou limitacións físicas e creando un futuro no que o acceso aos documentos históricos sexa equitativo e universal.

Pode que che interese...