fbpx
Castro Valente / Cedida

Unha muralla altomedieval de once hectáreas e trinta torres reescriben o pasado de Padrón

Tempo de lectura: 2 min.

A terceira campaña de escavación en Castro Valente, un enclave situado entre os concellos de Padrón e A Estrada, está a achegar novas probas que refirman a súa interpretación como fortaleza altomedieval e non como castro da Idade do Ferro, como tradicionalmente se cría. O proxecto, liderado polos investigadores Mario Pereiro Fernández e José Carlos Sánchez Pardo no marco de Castelos no Aire, conta co apoio da Universidade de Santiago (USC) e da Comunidade de Montes de Confurco.

O sitio presenta unha muralla de máis de 1,5 km de perímetro, con tramos que acadan os tres metros de altura e ata trinta torres, das cales só sete foron identificadas con precisión. “Estamos a falar dunha estrutura defensiva impoñente, que pecha unhas once hectáreas de terreo no cume do monte”, explica Pereiro. Nas últimas semanas, o equipo —no que tamén participan alumnas do Máster en Arqueoloxía da USC— identificou un novo edificio interior e seguen a documentar partes internas da muralla, o que alimenta a hipótese dunha ocupación importante durante os séculos finais do Imperio Romano e os comezos do Reino Suevo.

Os indicios atopados, incluíndo estruturas de pedra, materiais cerámicos e restos de tégula romana, apuntan a unha continuidade ou reaproveitamento construtivo. Segundo o arqueólogo, podería tratarse dunha fortaleza promovida dende Iria Flavia, situada a menos de dez quilómetros, como resposta á chegada de poboacións xermanas no século V. “Non sabemos aínda con certeza cal era a súa función, pero o tamaño e o esforzo construtivo implican unha vontade de control territorial”, afirma Pereiro.

Estruturas soterradas

A intervención inclúe prospeccións con técnicas como teledetección LIDAR ou o uso de gradiómetros, que permitiron delimitar zonas con restos soterrados. As tarefas de desbroce tamén son clave, xa que a vexetación —especialmente piñeiros e acacias invasoras— compromete a conservación do sitio.

Non obstante, o futuro deste enclave patrimonial está ameazado por proxectos de infraestrutura. A instalación dun parque eólico con tres aeroxeneradores e a liña eléctrica Lousame-Tibo supoñen unha alteración visual e física da contorna. Un dos muíños, segundo o equipo, afectaría directamente unha das murallas descubertas, o que levou á presentación de alegacións por parte de organizacións ecoloxistas e mesmo á paralización temporal do proxecto.

Pereiro insiste na necesidade de protexer un dos xacementos “máis singulares e mellor conservados” das fortificacións da Alta Idade Media en Galicia. O investigador sinala que a veciñanza, especialmente na zona de Padrón, amosa un crecente interese e implicación. Proba diso foi a visita guiada organizada para esta tarde e que buscou reforzar o coñecemento e a valorización deste enclave como patrimonio colectivo.

Pode que che interese...