fbpx
Mapa da antiga Provincia de Tui entre Douro e Miño onde veñen sinaladas as garitas e fachos D. Alexandro de Anglés, 1762 @Centro Geográfico del Ejército

Así é Fortalezas da Fronteira, o proxecto que involucra ás comunidades locais no coñecemento do seu patrimonio

Tempo de lectura: 4 min.

Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia. Ese é o obxectivo de Fortalezas da Fronteira, un proxecto cultural que pretende poñer en valor o rico patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño.

Este ano, Fortalezas da Fronteira vai actuar no xacemento de ‘As Torres’, en Taborda, desde o 8 ata o 16 de setembro, nun proxecto no que participan arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que formarán parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta. O equipo actuará sobre unha bateria militar da guerra que no século XVII enfrontou a Galicia e Portugal.

Unha parte importante deste proxecto é a divulgación cultural. Por iso, durante unha semana terán lugar “barferencias”; conferencias, charlas e proxeccións en distintos bares do concello de Tomiño nos que participarán destacados arqueólogos, divulgadores e biólogos. Ademais, as persoas interesadas poden acudir á excavación e realizar unha visita guiada co equipo de arqueólogos que alí traballa. Tamén, e a través da web do proxecto, www.fortalezasdafronteira.com, e das súas redes sociais, realizarase un estenso seguimento do campo de traballo con vídeos, noticias e podcasts con entrevistas aos participantes.

Escenarios bélicos da guerra do século XVII en Galicia e Portugal

O proxecto

O proxecto integra unha serie de traballos arqueolóxicos encamiñados á caracterización do sitio de ‘As Torres’, identificado en 2020 por Xurxo Salgado Tejido, xornalista, editor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e caracterizado pola arqueóloga, investigadora do Lab2PT e profesora da Universidade do Minho Rebeca Blanco-Rotea. Precisamente, son estes dous profesionais os encargados de dirixir as actuacións que terán lugar neste xacemento.

Tras varios anos de investigacións identificouse nunha antiga explotación mineira romana -xa estudada por Brais Currás (2014)-. Trataríase dunha batería fortificada que, en torno a 1666, durante a Guerra da Restauración, aproveitaría o emprazamento elevado e outras estruturas anteriores, como as trincheiras da explotación mineira, como punto de control e defensa do territorio nunha zona de paso entre as poboacións de Goián e Tui.

O sitio arqueolóxico atópase en terreos da comunidade de montes de Taborda, que é o promotor deste campo arqueolóxico no que traballa o Grupo de Novos Medios da Facultade de Comunicación da USC e o Lab2PT da Universidade do Minho. Este proxecto arquelóxico está vinculado a un Campo de Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e conta co respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio.

Algunhas das actividades a realizar son unha escavación arqueolóxica na batería, unha prospección do seu entorno e unha limpieza do espazo, nas que participarán con diferentes graos de implicación, mozos e mozas voluntarios, sempre supervisados por un equipo de profesionais. Precisamente, este campo de traballo pretende que mozos e mozas aprendan dos traballos arqueolóxicos, pero tamén participen na recolla de memoria oral, nas actividades de difusión patrimonial e nas charlas que se impartirán do gallo de entender e visibilizar toda esta dinámica económica, cultural e patrimonial tan rica na fronteira miñota.

Mapa lidar de As Torres, fortaleza do XVII, descuberta en Tomiño

Charlas e conferencias

Durante os dez días que dura este proxecto realizaranse diferentes charlas, conferencias e proxeccións documentais en distintos bares e tabernas de Tomiño nun formato denominado “barferencias”, que ten como obxectivo achegar a cultura aos centros de lecer da xente. A primeira destas charlas terá lugar o martes 9 de setembro no bar do Espazo Fortaleza, en Goián, onde a arqueóloga e investigadora Rebeca Blanco-Rotea falará de “Guerra e paisaxe no Baixo Miño no século XVII”.

O xoves será a quenda de Manuel Gago, xornalista e divulgador cultural que falará sobre “O rostro mutante: Galicia na cartografía medieval e moderna” no Bar-Restaurante Florentiña, en Pinzás. Manuel Angel, “Peque”, Pombal, biólogo, profesor na Universidade de Vigo e membro da Asociación Naturalista do Baixo Miño (Aneban): “Espazos e especies protexidas de Tomiño e do Baixo Miño”, que terá lugar no bar La de Maika – centro Tomiñés, en Tomiño.

Xa o sábado a quenda será para Carlos Tejerizo, arqueólogo e impulsor do proxecto Sputnik Labrego coa conferencia “De campesiñado, guerrilleiros e lumes: unha aproximación arqueolóxica ao rural galego” na Taberna Val de Tebra, en Tebra. O domingo terá lugar a proxección de mini documentais de arqueoloxía da fronteira: A festa do Emigrante, O Castelo da Froita e Arqueología del Conflicto, todos eles da directora Sara Traba, e comentados pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea. Será na Casa Sebastián, en Taborda. Finalmente, o luns, Xurxo Ayán, aqueólogo e investigador abordará a “Arqueoloxía dos puticlubs en Galicia” na Social de Estás, en Estás. Todas estas actividades comezarán a partir das 19.30 horas.

Visitas

Ademais, Fortalezas da Fronteira realizará diversas visitas guiadas, tanto para a propia veciñanza de Tomiño como para xente que se queira achegar desde outros puntos de Galicia. De feito, o sábado 13 hai previsto xa un roteiro con máis de 60 persos que virán de todo o país e que partirá do centro de Tomiño. A andaina percorrerá, nunha ruta circular, varias zonas do concello e realizará unha parada na escavación onde haberá unha explicación de todo o que se está realizando alí. Paralelamente, os venres 12 de setembro e luns 15 de setembro, en horario de 12.00 e 18.00 horas haberá visitas abertas á veciñanza, así como o domingo 14, ás 10.00 horas. Os e as que queiran participar só teñen que acudir ao punto de encontro que se atopa aos pés da bateria escavada.

Fortaleza de San Lourenzo, en Tomiño, fundamental durante as guerras con Portugal do século XVII / Tomino.gal

Traballos educativos

Como complemento das actividades arqueolóxicas, planifícase realizar unha serie de actividades encamiñadas a reforzar os coñecementos patrimoniais dos participantes no campo de traballo. Entre eles, recollida da toponimia e da oralidade relacionada co elemento a intervir entre a poboación local, visita ás fortificacións que compoñen o susbsistema Goián-Vila Nova de Cerveira-Medos e explicación do seu papel na Guerra da Restauración, ao Centro de Interpretación de Castelos e Fortalezas de Valença ou á fortaleza de Amorín, en Tomiño.

Pode que che interese...