fbpx
Exposición 'Vikingos. Unha ollada desde Galicia', no Museo do Mar de Vigo / Xunta de Galicia

De Jakobsland ás rías galegas: revisando a pegada dos viquingos entre os séculos IX e XII

Tempo de lectura: 4 min.

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acolle a exposición Vikingos. Una mirada desde Galicia, unha proposta que busca achegar unha visión renovada da presenza nórdica nas costas galegas. A mostra, composta por 75 pezas procedentes de institucións galegas, suecas e andaluzas, aborda as incursións viquingas entre os séculos IX e XII, pero tamén os vínculos culturais e comerciais que conectaron dous pobos afastados xeograficamente e que, con todo, compartiron episodios decisivos.

Segundo explican desde o Departamento de Conservación do Museo do Mar, Galicia non formaba parte do núcleo central do interese viquingo, que se concentraba nas Illas Británicas ou na costa atlántica francesa. Porén, tras o descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago a comezos do século IX e o crecemento económico das sedes de Iria e Compostela, o territorio pasou a converterse nun obxectivo atractivo. Ademais, a súa situación nas rutas cara ao Mediterráneo e a orografía costeira, con rías semellantes a fiordos, fixeron que Galicia se integrase nos mapas de navegación dos nórdicos.

Das primeiras incursións á resposta eclesiástica

A primeira incursión documentada data do ano 844, cando unha frota danesa, tras saquear a Garona, chegou ás costas galegas e foi rexeitada nas inmediacións da Torre de Hércules, coñecida polos viquingos como Fár. Catorce anos despois, no 858, unha nova frota atacou a ría de Arousa e cercou Santiago de Compostela, que conseguiu evitar o saqueo tras o pagamento dun tributo e a intervención das tropas dirixidas polo conde Pedro.

As fontes recollen tamén episodios lendarios, como a intervención do bispo Gonzalo de Bretoña, quen, segundo a tradición, provocou unha tormenta milagrosa que afundiu parte da frota inimiga na ría de Foz. Estas narracións mesturan historia e mito, reflectindo a pegada que os ataques deixaron na memoria popular.

Ao longo dos séculos IX e X, as incursións repetíronse, e as fontes destacan o protagonismo crecente da Igrexa na defensa do territorio. “Os prelados asumirán a supremacía no caudillaxe militar ante a presenza nórdica”, sinalan dende o museo. A morte do bispo Sisnando II na batalla de Fornelos no 968, cando intentaba deter unha expedición que remontara o río Ulla, simboliza esa implicación directa.

Fortificacións e reconfiguración do territorio

12 º Encontro de Embarcacións Tradicionais en Cabo de Cruz Drakkar de Catoira – Xurxo Lobato – Fundación Carlos Casares

A ameaza viquinga tivo como consecuencia o reforzo das defensas. O bispo Sisnando II impulsou a construción da cerca de Santiago, consciente de que a cidade era un dos principais obxectivos das incursións. Os drakkars utilizaban os ríos como vías naturais de penetración, como o Ulla cara a Compostela ou o Miño nos ataques do século XI.

Tamén se levantaron fortificacións estratéxicas como as Torres do Oeste en Catoira, coñecidas como Castellum Honesti, ou a reconstrución da catedral de Tui con apariencia de fortaleza. Estes episodios contribuíron a unha nova configuración defensiva, aínda que, a diferenza doutros lugares da Europa atlántica, en Galicia os viquingos non chegaron a establecer asentamentos prolongados nin a alterar de forma profunda a estrutura política ou social.

Ata ben entrado o século XX, as invasións viquingas en Galicia apenas tiveron unha presenza destacada na historiografía, alén de referencias puntuais en autores como Murguía ou López Ferreiro. Foi a partir dos anos oitenta cando os estudos de investigadores como Dozy ou Almazán impulsaron novas investigacións, ás que se sumaron nos últimos tempos traballos arqueolóxicos en busca de evidencias materiais.

Un dos grandes catalizadores da memoria popular foi a creación en 1960 da Festa Viquinga de Catoira, promovida polo Ateneo Ullán e intelectuais como Álvaro Cunqueiro, Plácido Castro ou Rey Romero. A celebración, inspirada nas lendas e na historia medieval, converteuse nun símbolo do reencontro cultural con este episodio.

Unha nova ollada dende o Museo do Mar

A exposición do museo vigués propón superar a imaxe tópica do viquingo como guerreiro feroz. “A sociedade viquinga era moito máis rica e complexa, cunha economía baseada no comercio e unha gran capacidade técnica e artística”, destacan dende o museo. O drakkar, embarcación lixeira e versátil, foi clave no seu dominio marítimo desde Vinland ata Estambul, e permitiu tanto razias puntuais como o desenvolvemento de amplas redes de intercambio.

Entre as pezas expostas salientan un colar de ámbar atopado nun enterramento baixo-romano en Vigo, que evidencia contactos comerciais co norte de Europa xa no século V; o báculo de San Gonzalo, ligado á lenda do afundimento dunha frota viquinga en Foz, e unha maqueta dunha dorna, considerada herdeira da técnica construtiva a tingladillo dos drakkars.

A mostra é unha continuación da celebrada en 2024 na Cidade da Cultura en Santiago, pero agora cunha atención especial á sociedade galega da época. “Trátase de mirar con ollos escandinavos a nosa propia realidade histórica”, explican os responsables.

Para o Museo do Mar, a exposición, que poderá visitarse ata este domingo, 28 de setembro, supón “unha necesidade de país”, xa que nunca antes se abordara en Galicia un proxecto específico sobre as incursións viquingas. As aprendizaxes principais que ofrece ao público son tres: desmontar mitos sobre os nórdicos, comprender mellor a sociedade galega que se enfrontou a eles e poñer en valor os avances da investigación histórica e arqueolóxica.

Pode que che interese...