Tempo de lectura: 3 min.A exposición VigoMuras Serigrafía Galega 1971, inaugurada na sede do Legado Activo Beiras Cal nas Aguias-Muras, a mediados de xullo, clausurarase o 19 de outubro despois dunha moi satisfactoria exhibición. Nesta etapa final de 4 semanas que aínda restan, os protagonistas serán os grupos que xa teñen as visitas concertadas.
Este sábado 27 de setembro un grupo de 60 persoas pertencentes ao colectivo Rutas da Historia, procedentes de distintos lugares de Galicia achegaraonse á pequena aldea de As Aguias para disfrutar da primeira colección de Serigrafía artística que se fixo na arte galega do século XX. A mostra recolle 44 serigrafías pertencentes a 19 do artistas máis senlleiros do panorama artístico galego do momento: Seoane, Díaz Pardo, Laxeiro, Prego, os irmáns Quessada, Virxilio, De Dios, Vidal Souto, X. Maside, Ventura Cores, María Antonia Dans, Pérez Bellas, Älberto Datas, Sevillano, Rafael Alonso, Mercedes Ruibal, Bofill e Sesto Novás. E xunto a esta ampla mostra da arte contemporánea case100 libros, saídos das factorías editoriais vencelladas aos irmáns Álvarez Blázquez, completan a mostra cun percorrido bibliográfico que ilusra o panoramo da edición en galego nas decádas dos 50, 60 e 70 do pasado século.

O grupo de máis de 60 persoas de Rutas de Historia visitando o Legado Activo Beiras Cal en Muras / X.S.
A divulgadora e escritora Carme Varela foi a encargada de guiar ao grupo polo entorno familiar e emotivo de Antía Cal. Unha andaina polo Concello de Muras cheo de afectividade, historia e patrimonio. Entre os grupos que nos vindeiros días se achegarán a Muras cóntanse tamén grupos xa concertados da asociación Roxín-Roxal de Paderne, da asociación Instituto de Estudios Chairegos, da asociación de amigos do Museo Marco de Vigo ou da Asociación de Socios do Museo do Pobo Galego, ademais de grupos de estudantes de centros educativos da provincia de Lugo.
A valoración dos primeiros dous meses de exhibición en Muras é avaliado moi positivamente polos responsables do Legado Activo que ven como o espazo das Aguias se consolida como un punto de encontro dentro do mapa das citas da cultura luguesa. Os visitantes que ata agora se achegaron á mostra procedían ademais da comarca da Terra Cha, dos entornos urbanos de todas as cidades galegas, ademais de persoas procedentes de fóra de Galicia e que estaban veraneando en localidades como Viveiro, Vilalba ou Mondoñedo. Indica isto que o vello prexuízo sobre as potencialidades do mundo rural á hora de servir de polo de atracción para este tipo de turismo están rachadas e a xente está disposta a desprazarse moitos quilómetros se a oferta é de calidade.

A divulgadora e escritora Carme Varela guía ao grupo Rutas de Historia pola memoria emotiva da pedagoga Antía Cal / I.A.
A mostra VigoMuras Serigrafía Galega 1971 tamén contou coa visita do director da Axencia de Turismo de Galicia quen manifestara no seu día que atopara no Legado Activo Beiras Cal “unha iniciativa que sorprende e contribúe a transmitir dun xeito especial a herdanza dunha figura exemplar no eido da pedagoxía en Galicia á vez que lle dá pulo á contorna rural e o relaciona co urbano a través da arte”