fbpx

As Xornadas de Patrimonio de O Rosal poñen en valor a memoria viva do municipio entre outubro e novembro

Tempo de lectura: < 1 min.

A historia volve cobrar vida no Rosal coa celebración dunha nova edición das Xornadas de Patrimonio, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio e que busca achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a riqueza patrimonial —material e inmaterial— da vila.

O programa inclúe tres sesións gratuítas e abertas ao público, que se desenvolverán entre outubro e novembro, con intervencións de especialistas galegos en historia, arte e lingua.

A primeira das citas terá lugar este sábado 11 de outubro, ás 11:30 horas, no Centro Social Polivalente, cunha charla titulada ‘Instalacións industriais e cultura en Galicia’, a cargo de Manuel Lara Coira, presidente da asociación Buxa, Patrimonio Industrial Galego. O enxeñeiro e profesor universitario abordará a importancia das instalacións industriais como parte do patrimonio cultural e presentará o libro Tierra y fuego en la ría del Ferrol’, no que se recolle a figura do rosaleiro Manuel Arzúa Vila.

A segunda xornada celebrarase o venres 7 de novembro, ás 20:00 horas, na igrexa de Santa Mariña do Rosal, coa conferencia ‘Orixe e xenealoxías artísticas do retablo barroco de Santa Mariña do Rosal’, impartida pola historiadora da arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Noa Rodríguez Rodríguez. A especialista ofrecerá unha nova ollada ao patrimonio artístico local e ás relacións entre Galicia e o norte de Portugal no século XVIII.

O ciclo pecharase o venres 28 de novembro, tamén ás 20:00 horas, no Centro Social Polivalente, coa intervención ‘A vida e a fala do Rosal hai 40 anos’ do catedrático emérito Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega. Nesta sesión compartirase parte das gravacións e testemuños recompilados no municipio en 1981 para o Arquivo do Galego Oral, unha valiosa reconstrución da lingua, da vida cotiá e das tradicións locais da época.

Pode que che interese...