A memoria de Che de Pedro volve a Mazaricos como símbolo da loita pola terra e contra a represión franquista
O salón de actos da Delegación do Goberno en Galicia acolleu este luns o acto de entrega da Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal en memoria de José Esperante París, coñecido como Che de Pedro, labrego de Eirón (Mazaricos) asasinado o 22 de xaneiro de 1963 por disparos da Garda Civil cando defendía, xunto con outros veciños, o monte veciñal fronte á incautación imposta polo réxime franquista para destinalo a repoboación forestal.
O acto contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e de representantes do Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), entidade promotora da solicitude de recoñecemento, encabezados polo seu presidente, Claudio Quintillán. Tamén asistiron tres dos catro fillos de Che de Pedro, que agradeceron a sensibilidade do Goberno coas vítimas da ditadura e subliñaron a importancia de manter viva a memoria daqueles que sufriron pola defensa das súas terras.
Pedro Blanco destacou o labor de INGATECO “na defensa da memoria colectiva, da dignidade labrega e da loita dos comuneiros galegos pola súa terra”, sinalando que “o seu traballo mantén viva a lembranza daqueles que se enfrontaron á represión para defender o que era de todos”.
A traxedia de José Esperante París, cuxos compañeiros tamén resultaron feridos naquela xornada, converteuse nun símbolo da resistencia labrega e da defensa do monte común en Galicia durante o franquismo. Desde hai anos, a comunidade local e INGATECO celebran cada xaneiro o Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, unha xornada que honra a súa memoria e reivindica o valor do territorio compartido.
Este recoñecemento chega ao abeiro da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, que establece o dereito á reparación moral e á recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da Guerra Civil e da ditadura. A Declaración, emitida polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, non implica efectos económicos nin patrimoniais, pero supón un acto simbólico de xustiza e dignidade, co que se honra a quen padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas, relixiosas ou culturais.
Con este xesto, o Estado recoñece oficialmente a quen, como Che de Pedro, pagaron coa vida a defensa do común, converténdose en referentes da memoria democrática e da identidade labrega de Galicia.

