fbpx
Debuxo de recreación do Castelo de Lorbazán / Víctor Vázquez Collazo

A terceira campaña en Lobarzán busca recuperar os accesos históricos ao castelo e á muralla

Tempo de lectura: 2 min.

O conxunto arqueolóxico de A Ceada das Chás–Castelo de Lobarzán, situado entre as parroquias de Vilaza (Monterrei) e As Chás (Oímbra), iniciou esta semana a súa terceira campaña de escavacións, logo das realizadas en 2019 e 2024, esta última dividida en dúas fases. Durante quince días, o equipo de arqueólogos traballa para definir os antigos accesos ao recinto amurallado e, en particular, ao Castelo de Lobarzán, co obxectivo de habilitar no futuro rutas interpretativas e camiños de visita dentro do xacemento.

A intervención está dirixida polo arqueólogo e profesor da Universidade de Vigo Víctor Muñiz, responsable tamén das campañas anteriores e profundo coñecedor do lugar, e conta este ano coa financiación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo. O traballo técnico corre a cargo da empresa especializada Breogán Arqueoloxía.

Segundo explica Muñiz, o equipo comezou polos sectores do acceso actual, aberto nos anos setenta por maquinaria forestal para crear un cortalumes: “Aproveitamos esa gabia para estudar a cimentación da muralla e a súa técnica construtiva, e así deixar á vista parte da estrutura, devolvéndolle a súa monumentalidade”. A limpeza desta zona permitirá tamén que os visitantes identifiquen claramente que están a entrar nun recinto fortificado de gran tamaño.

Un dos puntos centrais da campaña será a delimitación e limpeza das portas coñecidas no outeiro de A Ceada, unha principal en dirección a As Chás e outra lateral en forma de codo. Esta última, que os lumes de agosto volveron deixar visible, fora identificada na primeira campaña de 2019 e quedara desfigurada pola vexetación. No horizonte do proxecto está recuperar o antigo camiño de acceso dende As Chás, percorrido tradicional ao castelo.

No interior do recinto, os arqueólogos abordan un sondeo para localizar o acceso principal á fortaleza, situado na valgada entre os dous outeiros. “Entre o depósito e a torre hai unha liña de muralla que obriga a un paso en forma de L, o que reforzaba a defensa ao obrigar os atacantes a rodear a entrada”, indica Muñiz. Nesta mesma zona identificarase tamén o sector da fonte, xa que dispor dun punto de auga resultaba esencial para a supervivencia da guarnición. Ademais, analizaranse varias estruturas emerxidas tras os incendios, entre elas unha construción circular colapsada, coa intención de determinar a súa cronoloxía e función.

Esta nova campaña dá continuidade aos “resultados extraordinarios” obtidos en 2024, cando se documentaron indicios dunha ocupación prehistórica do Calcolítico na plataforma norte do recinto, con restos dunha cabana, cerámica e industria lítica en sílex e cristal de rocha que apuntan a contactos co val do Támega e a Meseta.

Da etapa medieval confirmouse a fundación da fortaleza de Lobarzán no último cuarto do século X, coincidindo co proceso de repoboación do val. A súa importancia defensiva testemúñase en achados como unha placa de bronce con escena de cetraría, de estilo andalusí, atopada a uns 500 metros do recinto e relacionada cunha posible incursión musulmá a finais dese século.

O castelo foi reformado no XIII, xa baixo a dependencia do señorío de Monterrei, e abandonado na centuria seguinte, quedando como un dos enclaves medievais máis destacados do suroeste ourensán, chave para comprender a defensa histórica do val do Támega.

Pode que che interese...