“Desleixo total ” do petróglifo da serpe no Castro de Troña
Tempo de lectura: < 1 min.
Por Xoán R. Carnero Fernández, “Perico”, divulgador
Existe no Castro de Troña (Pías-Ponteareas) un petróglifo que xa descubrira eu alá polo ano 1991, segundo a data que consta nas miñas fotos/diapositivas da época. Din aviso a Patrimonio por aqueles anos pero nunca recibín resposta nin amosaron interese polo achado. Despois dos incendios do 2018 visitei o lugar para coñecer o efecto do lume sobre a gravura. O castro ardeu case todo: árbores e herba. Por sorte divina (palabra de ateo) puiden paralizar unha queima de ramallos e árbores que se pensaba facer sobre o propio petróglifo naquel día. Menos mal que a concelleira de Cultura escoitoume e acudiu comigo a ver a desfeita que se ía a producir. Na web historiadegalicia.gal apareceu esta nova no día 14-09-2018.
Casualmente andaba eu por aquela zona facendo fotos de cogumelos no día 4-11-23, e dado o perigo que sentía polos refachos de vento e chuvia, deixei o monte e volvín a visitar o petróglifo. Unha árbore de mimosa, arraigada nas pedras da casa castrexa facía de vela e comezaba a tirar a construción polo chan. Din aviso a tódalas administracións públicas implicadas na conservación do patrimonio. Ninguén me contestou a día de hoxe. Desleixo total.

A ex concelleira de Cultura de Ponteareas e Xoán Carnero, “Perico” ante o petróglifo da serpe, redescuberto 80 anos despois / Concello da Ponteareas

