fbpx
Lectura vertical das estruturas / A Citania Arqueoloxía S.L.

Do Ferro á Idade Media: case un milenio de explotación mariña entre a porta do Alobre e a factoría romana de salga

Tempo de lectura: 4 min.

O xacemento do Castro de Alobre (Vilagarcía de Arousa) afronta esta campaña cun salto cualitativo: a combinación dunha porta mariña da Idade do Ferro —con muralla de gran sección e rampla de varado— e a factoría romana de salga, situada uns 3 metros máis ao interior, permite seguir, nun mesmo ámbito, un fío temporal continuo de ocupación costeira que se estendería en torno a un milenio. O proxecto, dirixido por Israel Picón Platas (A Citania Arqueoloxía), está financiado este ano 2025 por Mercadona, que ademais cedeu ao Concello de Vilagarcía unha superficie de 1.016 m² para a súa futura musealización e integración co parque Valdés Bermejo.

A intervención actual céntrase no corredor que enche o baleiro histórico entre a porta mariña (datada de xeito aproximado nos séculos III–II a.C.) e a cetaria (século IV d.C.), coa vista posta en entender como se encadearon as funcións comerciais e marítimas do enclave a través do tempo. Segundo Platas, a novidade non reside só no impacto visual dos aparellos, senón na escala e coordinación analítica: “Estamos a facer unha intervención moi ambiciosa, sempre coordinada coa Dirección Xeral de Patrimonio”, sinala, agradecendo o seguimento técnico de Carmen Gómez-Nistal.

Porta mariña e factoría de salga no Castro de Alobre / A Citania Arqueoloxía

Nos traballos destes días saíu á luz un tramo de 4–5 metros do amurallamento que sostén a entrada polo mar, ben cimentado con grandes bolos sobre o substrato. A estrutura intégrase nun declive con escalóns e rampla, o que suxire un punto de carga e descarga asociado á actividade marítima. Sobre oesta peza, Platas matiza que “non hai moitas” portas mariñas documentadas en castros do noroeste, aínda que esta non é a única e que a relevancia do Alobre radica, sobre todo, en reavaliar a dimensión e o alcance costeiro do asentamento: “O máis importante é que se descoñecía absolutamente que o castro tivese as dimensións que estamos a coñecer agora”.

Do salgado ás cunchas: o laboratorio aberto do Alobre

A poucos metros da beira, a factoría romana de salga achega o contrapunto altoimperial. A súa lectura complétase co rexistro de vivendas castrexas e co achado dunha estrutura de combustión de pedra seca —“un muro… totalmente cuberto de berberechos”— que a dirección considera inédita no noroeste pola súa configuración e polo selado masivo de cunchas. A isto súmanse materiais de consumo (ósos, cunchas), morteros empregados na construción e depósitos antrópicos que, xunto con foxas e fragmentos cerámicos de cronoloxía castrexa e romana, amplían a Necrópole de Arealonga máis alá do recollido nos inventarios oficiais.

Co obxectivo de datación fina e de reconstrución de dietas e prácticas de explotación, a campaña incorpora unha macrotoma de mostras a cargo dun equipo do CSIC–Incipit, baixo a coordinación da doutora María Martín Seijo (quen xa dirixira os traballos de 2019). “Recollerán dende mostras óseas de posibles restos de consumo animal até conchas e mostras edafolóxicas… para obter unha cronoloxía o máis aproximada posible dos momentos de uso”, explica Platas. A estratexia inclúe malacofauna, microfauna, sementes e análises dendro‐carbo‐cronolóxicas segundo os casos, cun procesamento centralizado e posterior reparto entre especialistas.

As intervencións dos últimos anos desprazaron cara ao mar a imaxe do Alobre. En 2019 localizouse en bo estado a cetaria soterrada baixo antigas naves; en 2021 Luis Cordeiro rexistrou unha cabana castrexa con indicios de fundición e dous enterramentos “sen axuar, directos no substrato”, agora en estudo; e dende finais de 2023 e comezos de 2024 documentouse a muralla, as escalas de acceso e a propia porta mariña. O resultado é un perímetro maior do esperado, con chegada ao litoral e capacidade demográfica superior á que se manexaba, en diálogo coa Necrópole de Arealonga e coa rede de explotacións mariñas da ría (berberecho, bivalvos e peixe salgado).

Platas resume así a continuidade de usos: “En torno a un milenio de explotación do mar nesta zona”, dende os momentos finais da Idade do Ferro, pasando pola etapa romana e con pegadas que chegan aos séculos VI–VII. A lectura económica do conxunto —marisqueo, salga e abastecemento— encaixa co perfil histórico dunha vila “totalmente unida ao mar”, integrada na ría de Arousa e no Salmés.

Intervención arqueolóxica do Castro de Alobre / A Citania Arqueoloxía, S.L.

Un marco de colaboración pública e privada

O proxecto actual nace dun convenio (outubro de 2024) polo que Mercadona financia a escavación (cun orzamento arredor de 65.000 €) e cede ao Concello o uso da parcela por 50 anos. Nesta fase, un equipo de oito arqueólogos traballa nun prazo previsto de tres meses, con posibilidade de ampliación se aparecen novidades de relevancia. A musealización e a creación dunha entrada dende o parque Valdés Bermejo están programadas para 2026, de xeito que o espazo funcione como parque arqueolóxico integrado nun entorno verde municipal.

En paralelo á obra, A Citania iniciou un programa de divulgación escolar: “Estamos facendo charlas con todos os nenos de 5º e 6º de Primaria de Vilagarcía. Esta semana viñeron uns 200”, sinala Platas. As visitas xerais ficaron restrinxidas por razóns de seguridade laboral, mais agárdase un salto na apertura pública coincidindo co ciclo de consolidación e posta en valor.

A Citania Arqueoloxía lidera a escavación e a xestión de campo. Os mostreos e análises especializadas desenvólvense baixo convenio co CSIC–Incipit, coordinados por María Martín Seijo. A dirección insiste en que todo o proceso se executa “sempre” co control da Dirección Xeral de Patrimonio, incluíndo as órdenes de tapado parcial de estruturas especialmente fráxiles para garantir a súa estabilidade a medio prazo.

Pode que che interese...