fbpx
Presentación do Observatorio do Patrimonio / Xunta de Galicia

Galicia contará cun Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural que recompilará e difundirá proxectos exemplares

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia impulsará a creación do Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural, unha ferramenta destinada a identificar, analizar e difundir as boas prácticas que se desenvolven arredor do patrimonio material e inmaterial galego. Así o anunciou este mércores o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante o acto conmemorativo do Día do Patrimonio Mundial, celebrado na igrexa de San Frutuoso cunha xornada de sensibilización para escolares.

Segundo explicou o titular de Cultura, o obxectivo do novo Observatorio será coñecer e poñer en valor as iniciativas públicas e privadas que aborden o patrimonio desde unha perspectiva innovadora, favorecendo a súa sustentabilidade e difusión. “Temos a sorte de vivir nunha terra de gran riqueza patrimonial, pero o noso deber non é só coidala, senón tamén transmitir todo o que aprendemos en cada restauración ás futuras xeracións”, afirmou Rodríguez, quen puxo como exemplo a intervención na Catedral de Santiago, “unha actuación complexa que xerou un gran coñecemento e que hoxe é referente internacional”.

Este traballo técnico e científico permitiu tamén asentar as bases do Plan Catedrais, unha folla de ruta dotada con 38 millóns de euros para garantir que os templos máis singulares da comunidade cheguen en boas condicións ao Ano Santo de 2027.

O conselleiro destacou que a posta en marcha deste Observatorio enmárcase na liña de acción da Xunta nos últimos anos, que sitúa a Galicia como “a administración que máis inviste no coidado dos bens patrimoniais”. Neste sentido, avanzou que os orzamentos de 2026 incluirán un incremento do 14 % nas partidas destinadas á conservación, restauración, investigación e divulgación do patrimonio cultural.

Educación patrimonial e futuro

O acto institucional deste mércores contou coa participación de máis de 50 alumnos do colexio Pío XII, que asistiron a unha sesión didáctica en San Frutuoso co obxectivo de fomentar entre as novas xeracións a conciencia sobre a protección do patrimonio. Rodríguez animou o alumnado a “ler, investigar e visitar o noso patrimonio para entender por que é tan importante e coidalo para que continúe sendo un legado vivo e útil”.

Galicia e o patrimonio mundial da Unesco

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que Galicia conta con cinco bens declarados Patrimonio Mundial pola Unesco: o casco histórico de Santiago de Compostela, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña, o Camiño Francés e os Camiños do Norte.

Ademais, a Xunta continúa a traballar noutras tres candidaturas en cursoRibeira Sacra, Cíes–Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración— co obxectivo de lograr “o máximo recoñecemento internacional posible”.

O Goberno galego mantén tamén o seu apoio á candidatura transfronteiriza de ‘Ponte… nas Ondas!’, que aspira a ser inscrita no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco, cuxa resolución se coñecerá a finais deste mes.

Pode que che interese...