Localizan en Pontevedra o expediente xudicial de herdeiros de Castelao, gardado durante décadas
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra acollerá este xoves, 16 de outubro, o acto oficial de entrega ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra do expediente de declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha peza documental de grande relevancia para a historia e a cultura galegas.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o documento foi localizado por un funcionario durante un proceso de reordenación dos fondos antigos do Arquivo Xudicial de Xestión deste mesmo xulgado. Ata o de agora, permanecía custodiado nas dependencias xudiciais sen que existise constancia pública da súa presenza.
Unha vez identificado o expediente, o órgano xudicial acordou a súa cesión ao Arquivo Histórico Provincial, considerando o seu “notorio interese histórico, social e cultural”. A decisión formalizouse a través dun acordo gobernativo, que subliña ademais que o Arquivo Histórico xa conserva outros expedientes antigos de diferentes xulgados de Pontevedra, polo que reúne as condicións máis axeitadas para a súa conservación e consulta investigadora.
O acto de entrega celebrarase na sala de vistas habitual do xulgado, situada no edificio xudicial da Parda, e marcará o paso dun documento xurídico á categoría de testemuño histórico de primeira orde sobre unha das figuras máis emblemáticas da Galicia contemporánea.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950) foi narrador, ensaísta, debuxante, médico, dramaturgo e político, ademais dun dos principais referentes do nacionalismo galego. Casado con Virxinia Pereira Renda, tivo un fillo, Afonso Xesús Castelao Pereira, e dúas irmás, Teresa e Joaquina Rodríguez Castelao. O expediente agora recuperado recolle precisamente a tramitación legal para o recoñecemento dos seus herdeiros, elaborada tras o falecemento do autor de Sempre en Galiza.

