O COAG convida a descubrir o Vigo histórico cunha ruta guiada por Pedro Feijoo
A Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza este sábado, 1 de novembro, unha ruta polo Vigo histórico guiada polo escritor Pedro Feijoo, baixo o título Persiguiendo la historia de la ciudad a través de su arquitectura. A actividade forma parte das accións complementarias do 1º Congreso Ibérico de Educación pola Arquitectura, que se celebrará na cidade os días 7, 8 e 9 de novembro coincidindo co 25º aniversario do Proxecto Terra.
O percorrido comezará ás 11:00 horas co punto de encontro no miradoiro das ruínas do Castelo de San Sebastián, situado detrás da torre do Concello. A proposta, explican desde o COAG, pretende revisitar o Vigo Vello a través da súa arquitectura, entendéndoa “desde un punto de vista sociolóxico e histórico, contando que eramos e que cousas sucederon como sociedade e que provocaron inevitablemente o deseño da cidade que coñecemos hoxe”.
Feijoo acepta así o convite do colexio para “saír camiñar polo Vigo Vello” e “coñecelo de primeira man” nun paseo sen présas, “deixando que os pasos se perdan polo mar de anécdotas e historias que conforman a memoria da cidade”. Segundo o escritor, “nada máis hai que saber onde observar con atención para descubrir que entre as luces e sombras da cidade vella aínda permanecen visibles os vestixios das moitas vidas que amalgamaron o Vigo Vello”.
O autor de Coñecer o Vigo Vello recupera así, da man do COAG, as rutas que durante anos organizou a través das redes sociais seguindo o seu libro homónimo. A actividade é de asistencia libre, aínda que require inscrición previa a través da ligazón facilitada polo colexio.

