O Museo do Mar incorporará unha antiga vila romana descuberta pola Universidade de Vigo
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou esta fin de semana en Vigo os proxectos que o Goberno galego inclúe nos orzamentos de 2026 para a cidade, entre os que destacan a ampliación do Museo do Mar de Galicia, a construción dunha nova residencia xuvenil no ámbito do Ofimático e a continuidade das obras de rehabilitación do Teatro Cine Fraga e do Nova Olimpia.
O conselleiro José López Campos explicou que a Xunta iniciará o vindeiro ano o procedemento para integrar no Museo do Mar un xacemento romano de máis de 7.000 metros cadrados situado en Alcabre, estudado nas últimas campañas pola Universidade de Vigo. Segundo detallou, “nos últimos anos este xacemento foi obxecto de estudo sacando á luz numerosos achados que o sitúan como unha antiga vila romana”.
Para definir o proxecto de integración deste espazo, a Consellería convocará en 2026 un concurso de ideas, co obxectivo de escoitar propostas e escoller a mellor opción para poñer en valor o xacemento, considerado polo titular de Cultura como “de grande potencial cultural, científico e turístico”. A intención é abrir un proceso de participación pública, como xa se fixo no caso do Fraga e do Nova Olimpia, “para crear un proxecto que sexa realmente de interese para os vigueses e viguesas”.
Ademais, o conselleiro anunciou o inicio dos trámites técnicos e administrativos para a futura residencia xuvenil, que se levantará nunha parcela de máis de 3.500 metros cadrados reservada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no desenvolvemento do solo do Ofimático. “Comezaremos a traballar xa en 2026 cos pregos e os traballos técnicos”, indicou López Campos. O novo equipamento complementará a actual residencia da rúa Cesáreo González, ampliando as opcións de aloxamento para mozos e mozas que se desprazan a Vigo por motivos de estudo ou traballo.
López Campos subliñou que estas actuacións “reflicten o compromiso da Xunta con Vigo, situando aos seus habitantes no centro das políticas culturais e xuvenís”. Segundo afirmou, as novas partidas dos orzamentos “confirman a vontade de seguir investindo na cidade con proxectos que melloran os recursos culturais, potencian o patrimonio e crean novas oportunidades para a mocidade”.

