O Museo Gaiás acolle a mostra ‘Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria’, a maior retrospectiva sobre o escultor cambadés
por David M. Sobrino Platas · 30 Out, 2025
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia inaugurou este martes a exposición ‘Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria’, unha ampla retrospectiva que reúne arredor dun centenar de pezas entre esculturas, debuxos, fotografías, documentos e ferramentas de traballo do artista cambadés (Cambados, 1889 – Santiago, 1961). A mostra poderá visitarse ata o 5 de abril de 2026, con entrada libre.
Comisariada por Miguel Fernández-Cid e coordinada por Carmen Asorey, neta do escultor, a exposición coincide coa celebración do Día das Artes Galegas 2025, dedicado este ano a Francisco Asorey, e pretende ofrecer unha mirada renovada sobre un dos grandes nomes da escultura galega e española do século XX.
Segundo explicou o comisario, o percorrido está concibido como “un paseo para descubrir quen era Asorey”, de modo que o visitante “poida ver de preto detalles que nas súas localizacións orixinais pasan desapercibidos”. Fernández-Cid describiuno como “un escultor eminentemente relixioso, no sentido de que concibía cada obra como un reto e unha forma de emoción”, influído polo Mestre Mateo e pola Catedral de Santiago, que consideraba referencias esenciais.
A exposición presenta retratos institucionais en mármore e granito, esculturas en madeira policromada, escaiolas empregadas como modelos previos e fotografías de Ksado que mostran ao artista no seu obradoiro. Tamén se exhiben ferramentas orixinais, monografías e un conxunto de cerámicas populares que reproducen algunhas das súas obras máis coñecidas, testemuño da gran difusión social que acadou o escultor.
Entre as pezas máis destacadas figuran Naiciña (1921), Ofrenda a San Ramón (1923) e O tesouro (1924), obras nas que Asorey representa a identidade galega a través da figura feminina, combinando a madeira policromada con elementos metálicos. O itinerario inclúe tamén imaxes dos monumentos públicos que realizou por toda Galicia, que amosan a dimensión monumental e o recoñecemento que obtivo en vida.
O proxecto conta coa colaboración de institucións como o Museo Reina Sofía, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo, o Museo de Belas Artes da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, ademais de coleccións privadas de distintas cidades de España.
Un creador total, entre o popular e o universal
Na inauguración, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que esta exposición “invita a mirar a Asorey cos ollos de hoxe para entender o seu legado”, destacando que o escultor “foi moito máis que un artista brillante: foi un creador total, capaz de combinar a tradición popular, a imaxinación relixiosa e as vangardas”. Engadiu que “en cada golpe que daba, Asorey era un galego con identidade e un artista universal”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou que Asorey “non só creou en Compostela, senón que se mimetizou coa cidade, respirou con ela e uniu historia e contemporaneidade”. Para Sanmartín, nesa harmonía entre tradición e modernidade reside “boa parte da súa grandeza”, e animou a visitar a cidade “con calma” para descubrir as esculturas que o artista deixou nos espazos públicos composteláns.
Un dos aspectos máis singulares da mostra é a recreación da biblioteca persoal de Asorey, que revela o seu método de traballo e a súa curiosidade intelectual. A pesar de non ter viaxado fóra de España, o escultor posuía unha ampla colección de libros sobre arte clásico, teoloxía e mitoloxía, o que lle permitía incorporar influencias da escultura europea, romana ou mesopotámica ao seu propio estilo.
Segundo Fernández-Cid, “a documentación era esencial para el: lía, analizaba e reinterpretaba. A súa biblioteca era o seu pasaporte”. Esa procura de coñecemento, unida ao dominio técnico e á forza expresiva, fixeron de Asorey “un investigador da emoción e da materia”.
Unha recuperación necesaria para a arte galega
‘Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria’ constitúe a maior retrospectiva dedicada ao escultor nas últimas décadas e continúa a liña do Museo Gaiás de reivindicar figuras clave do arte contemporáneo galego. A mostra propón un percorrido temático pola súa traxectoria, desde os primeiros traballos ata as obras de madurez, e inclúe tamén o célebre Cristo de Moià (1952), exemplo da súa reinterpretación do románico.

