O xornalista Juan de Sola devolve a memoria a Ramón García, o marido da leiteira de Campañó
O xornalista pontevedrés Juan de Sola Vollbrecht presenta este venres, 31 de outubro, ás 19.00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, o seu novo libro Entre os muros do esquecemento, unha obra que recupera a vida de Ramón García Martínez, un home de orixe andaluza que sobreviviu ao campo de concentración de Mauthausen e mantivo un forte vínculo coa parroquia pontevedresa de Campañó.
O autor explica que o proxecto naceu a partir dun pequeno recorte de xornal que lle facilitou un amigo, hoxe o seu editor: “Díxome: ‘Creo que esta historia é túa’”. O que comezou como unha simple curiosidade acabou converténdose nun proceso de anos de investigación e entrevistas coas fillas do protagonista, Silvana e María Teresa García, quen lle trasladaron a última vontade do seu pai: que alguén contase a súa historia. “O problema foi que Ramón quixo contar moitas veces o que vivira, pero ninguén o escoitou”, relata De Sola.
O resultado é un relato de 286 páxinas, publicado en edición rústica, que combina a crónica histórica e a narrativa humana, reconstruíndo un percorrido vital marcado pola pobreza, o exilio, a represión e a loita pola supervivencia. Nacido en Purchena (Almería), Ramón García viviu unha infancia de miseria que o empurrou a emigrar a Barcelona, onde o sorprendeu a Guerra Civil. Incorporado ao exército republicano, acabou perdendo a guerra e fuxindo a Francia, onde foi internado nun campo de traballo. A fame e o desamparo levárono a alistarse na Lexión Estranxeira, decisión que o conduciría finalmente á deportación a Austria, primeiro ao campo de Krems e despois ao complexo de Mauthausen, onde permanecería cinco anos, parte deles traballando na canteira do campo e na subdependencia de Ebensee, onde o réxime nazi fabricaba misís baixo terra.
De Sola subliña que durante o proceso de documentación, grazas á labor de Luis Bará e Montse Fajardo, Ramón García foi finalmente recoñecido en 2018 como vítima do nazismo, tras décadas de silencio e invisibilidade. “Era un home que non figuraba en ningunha lista oficial, nin estaba identificado como deportado. Ese recoñecemento supuxo un acto de reparación para a súa familia”, explica o autor.
Superada a liberación, García regresou a Francia, onde traballou como obreiro, ata que decidiu emigrar a Arxentina, buscando unha nova oportunidade lonxe da Europa devastada. Foi alí onde coñeceu á muller que marcaría a súa vida, a leiteira de Campañó, coa que formou unha familia e tivo dúas fillas. Elas estarán presentes na presentación desta tarde no Museo de Pontevedra, nun acto que se prevé especialmente emotivo.
Entre os muros do esquecemento é, nas palabras de De Sola, “unha crónica de memoria e dignidade, unha maneira de cumprir o desexo dun home que quixo que o mundo soubese que sobrevivir tamén é unha forma de resistencia”. O autor, cunha traxectoria de case tres décadas en Onda Cero, está especializado en dereitos humanos, inmigración e xustiza social, e mantén desde 2007 un compromiso activo con proxectos de cooperación internacional en América Latina e África. É tamén fundador das ONGs Big Radio e Agareso, e foi distinguido coa Medalla ao Mérito Penitenciario pola creación dunha emisora de radio no centro penitenciario da Lama.

