fbpx
Castro de Cabo Blanco (El Franco, Asturias) / Fanjul Mosteirín and Villa Valdés 2019

Os castros eran moito máis ca murallas: estudos co LiDAR e xeofísica reescriben a Idade do Ferro en Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Unha grella de sensores sobre o país comeza a dar resposta a unha vella pregunta da arqueoloxía galega: que pasaba fóra das murallas dos castros? Un equipo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) acaba de presentar, nun artigo en Archaeological Prospection, resultados que obrigarán a repensar a dimensión real dos asentamentos da Idade do Ferro no noroeste peninsular. A partir dunha combinación de imaxes aéreas históricas, satélite, LiDAR, voos con dron e prospección xeofísica (magnetometría e georradar), os investigadores demostraron que aqueles poboados non remataban no parapeto: estendíanse por un hinterland intensamente transformado, con defensas máis extensas, camiños empedrados, áreas produtivas e, nalgúns casos, posibles zonas de enterramento. No seu propio resumo, o equipo sinala que estas técnicas permiten “ver bajo la superficie actual” e identificar evidencias antes invisibles.

O estudo lembra dous atrancos históricos para esta investigación no caso galego: por unha banda, a antiga escaseza de voos e modelos de terreo de calidade; pola outra, a opacidade do territorio, cunha paisaxe dominada por bosque e matogueira (máis do 70%) e un minifundio extremo (parcelas de arredor de 0,25 ha) que fragmenta usos e dificulta seguir patróns amplos. A chegada do PNOA e, sobre todo, dos datos LiDAR, cambiou as regras do xogo.

Co proxecto HINTERLAND, o equipo deseñou un procedemento en dúas fases. Primeiro, unha prospección extensiva en tres áreas de 2.000 km² cada unha, explotando fontes abertas: ortofotos históricas —incluído o voo de 1956-57—, imaxe satelital e visualizacións LiDAR. A lóxica foi sinxela e potente: seguindo un principio de autocorrelación espacial, intensificouse a busca nos arredores dos castros coñecidos, supoñendo que alí se concentrarían máis indicios de actividade da Idade do Ferro. Foi, din, en boa medida unha “búsqueda a ciegas”… con resultados contundentes: máis de 2.000 trazas arqueolóxicas potenciais, uns 200 posibles novos xacementos e 30 castros ata agora descoñecidos, só en dúas das tres áreas analizadas.

Na segunda fase, a prospección pasou a ser de detalle: drones con sensores LiDAR e multiespectrais para captar anomalías vexetais, e campañas xeofísicas con magnetómetros e GPR para “mapear” o subsolo sen abrir un só metro de sondaxe. Tres casos exemplares —Coto das Medorras, Montes Claros e Alobre— permiten ver como cambia a interpretación cando se mira máis alá do parapeto.

Coto das Medorras (A Coruña): o recinto que non era só un recinto

A simple vista, Coto das Medorras parecía un anel aplanado polos labores agrícolas recentes. O cruce de fotografía aérea histórica e rexistros actuais revelou un abanico de marcas de cultivo asociadas a estruturas negativas —fosos e zanxas—, moitas delas concéntricas ao antigo recinto, hoxe case desaparecido. O novo mapa multiplica a complexidade do sistema defensivo e exemplifica como o perímetro visible adoita subestimar a entidade real dos xacementos.

Montes Claros (A Coruña): un segundo recinto e indicios funerarios extramuros

Con 1,7 ha no recinto principal, Montes Claros xa tiña documentado un camiño empedrado, un foso e construcións externas —probablemente metalúrxicas— no sector oriental. O equipo do CSIC ampliou o foco: multiespectral (procesado co índice TTVI) e, sobre todo, unha prospección magnética de grande escala —a máis ampla nun xacemento galego, segundo os autores— que cuadriplicou a área murada. O magnetómetro debuxou un segundo recinto adosado cara ao sueste e, ao oeste, dous grandes fosos concéntricos acompañados dunha densa nube de pequenas anomalías que poderían corresponder a covas ou fosas. A hipótese máis chamativa é a dun espazo de enterramento delimitado por un gran foso, unha pista crave para entender os ritos funerarios nun tempo do que apenas había probas.

O efecto de conxunto é claro: o asentamento non se limitaba a un recinto habitado con “periferias abertas”, senón que se expandía nun complexo fortificado ata 2,5 ha.

Alobre (Vilagarcía de Arousa): fosos monumentais onde hoxe parece todo plano

No castro de Alobre, a canteira e o urbanismo alteraron a súa morfoloxía. Malia a topografía homoxénea e a contaminación por entullos modernos, a combinación de magnetometría e GPR identificou polo menos tres grandes fosos imperceptibles na superficie actual. Entre eles, o georradar sinalou trazas rectangulares enfrontadas —aprox. 12 x 6 m— en posición insólita entre fosos, o que suxire edificacións que reconfiguran a lectura do acceso principal e a complexidade funcional do sitio, coñecido ademais polas importacións púnicas e romanas que o sitúan como nó redistribuidor costeiro.

Os autores propoñen dúas conclusións de fondo. A primeira, que os sistemas defensivos eran máis extensos e monumentais do que dan a entender os restos visibles. Exemplos como Castromaior (Lugo), con nove recintos e sete murallas, ou Cabo Blanco (Asturias), con cinco fosos sucesivos, deixan de ser excepcións para converterse en tendencias cando se aplica a detección remota de forma sistemática. A isto engádense casos como Oirós ou Doade (Lalín), onde se identificaron cinco ou seis fosos concéntricos; en Doade, a escavación dun deles —case invisible en superficie— revelou dimensións monumentais: 8 m de ancho e máis de 5,30 m de profundidade.

Segunda conclusión: mesmo nun paisaxe opaco, fragmentado e intensamente transformado como o galego actual, o extramuros conserva abundantes pegadas de actividades antigas: camiños, áreas produtivas, posibles zonas de enterramento e, talvez, campiñas. Todo isto, en conxunto coa alta densidade de castrosuns 3.000 só en Galicia—, suxire que a inversión de traballo social en movementos de terras (fosos, murallas, aterrazamentos) foi estrutural na cosmovisión das comunidades da Idade do Ferro, alén de separar o doméstico do “silvestre”.

O equipo mantén a cautela: non se coñece aínda a orixe, función nin cronoloxía exactas de moitas trazas. A vindeira etapa prevé escavacións selectivas para caracterizar as anomalías identificadas. Con todo, subliñan que o simple feito de telos localizados xa implica un salto cualitativo. Nas súas palabras, “La prospección arqueológica es un método valioso” porque amplía a densidade e diversidade de rasgos coñecidos e permite debuxar imaxes máis integrais das transformacións do territorio.

Un catálogo aberto máis alá das murallas

A síntese publicada inclúe unha listaxe extensa de sitios abertos ou periféricos —de ámbitos domésticos, produtivos, cerimoniais e funerarios— con graos de certeza e cronoloxías diferenciadas, dende Devesa do Rei ou O Cepo (Hierro I) ata A Lanzada, Río Barbanza ou Vale do Ave (Hierro II/Romano). O panorama que debuxan é o dun val de longa duración cada vez máis ocupado a partir do Hierro II, mentres que os espazos de monte permanecen, polo de agora, menos representados no rexistro.

O traballo insírese no proxecto HINTERLAND (PID2021-122434NB-I00), financiado por MCIN/AEI e FEDER, con apoios Juan de la Cierva e Ramón y Cajal para parte do equipo, e con datos procedentes do convenio Deputación de Pontevedra – CSIC. A investigación reclama maior integración entre xestión e academia: moitas destas evidencias emerxen en contextos de arqueoloxía preventiva, capaces de “desafiar modelos asumidos” e buscar o que non se sabía que existía.

Pode que che interese...