San Simón, cinema, memoria e historia: a illa que o franquismo converteu en cárcere
O filme San Simón abre unha nova xanela para mirar un dos espazos máis cargados de memoria da Galicia contemporánea. A longametraxe —escrita e dirixida por Miguel Ángel Delgado— sitúase en outubro de 1936, cando o novo réxime comeza a espallar polos territorios controlados unha rede de centros de encerro en lugares “pechados”: conventos, prazas de touros, escolas, mosteiros… e tamén illas. San Simón, no fondo da ría de Vigo, destacou precisamente por esa insularidade que multiplicaba o illamento dos presos: un antigo lazareto transformado en cárcere rodeado dunha beleza que, lonxe de suavizar a dor, a encadraba con cruel contraste. Sete anos despois, a personaxe de Lamas —preso e narrador— reconstrúe as vidas dos homes e das mulleres que sufriron alí a represión.
O proxecto cinematográfico, que pasou pola sección ‘Made in Spain’ do Festival de San Sebastián e continúa o seu percorrido por festivais e salas, foi medrando sobre unha base documental moi sólida. Nese terreo, o papel do grupo de investigación Histagra (USC) resultou determinante. A colaboración non se limitou á revisión puntual dun guión: foi un diálogo de anos entre cinema e investigación, entre memoria familiar e arquivo e entre testemuños e fontes. Como resume Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da USC e investigador principal de proxectos clave sobre a violencia franquista: “A ficción ocupa un lugar; o coñecemento histórico, outro; e a memoria, un terceiro. Están comunicados, pero cómpre interpretalos ben para non converter en ficción o que non o é”. Segundo explica, Histagra actuou como nó de enlace: abriu camiños de acceso á documentación de San Simón, puxo o equipo en contacto con investigadores e arquiveiros que levaban décadas traballando o tema —entre eles Antonio Caeiro e Gonzalo Amoedo— e acompañou o proceso para ordenar e tratar un caudal de información que desbordaba calquera aproximación superficial. “Miguel Ángel rematou por se converter nun auténtico coñecedor da documentación de San Simón”, engade Fernández Prieto, quen subliña tamén a utilidade de crear un espazo web onde vertebrar datos e materiais que, doutro xeito, ficarían dispersos.
A relación entre o filme e as fontes non é ornamental. O director e o equipo asumiron a responsabilidade ética de contar historias reais e documentadas, facendo do cinema un “megáfono” das voces agochadas baixo décadas de silencio. Entre esas voces está a do empresario republicano Dámaso Carrasco —interpretado por Flako Estévez—, que conseguiu fotografías clandestinas do interior do campo; imaxes únicas que o filme incorpora como documento histórico. Tamén aparecen, en varias pasaxes, familiares de presos que acompañaron a estrea con emoción contida: memorias domésticas que, nalgúns casos, romperon por fin o pacto do calar.
A illa antes do cárcere: monxes, ataques corsarios e lazareto
A Illa de San Simón, xunto coa Illa de San Antón, forma un pequeno arquipélago no estreito de Rande, entre Redondela e Vilaboa. A súa posición, nun recuncho abrigo do fondo da ría, fixo que dende a Idade Media fose ocupada por templarios e franciscanos, que levantaron eremitorios e casas de retiro. Séculos despois, os illotes presenciaron razzias de corsarios e resoaron, a comezos do século XVIII, coa batalla de Rande (1702) no contexto da Guerra de Sucesión.
O maior cambio, porén, chegou no século XIX: en 1842 entra en funcionamento o lazareto marítimo de San Simón, pensado para corentenas de buques e pasaxeiros que puidesen portar cólera, febre amarela, tifos ou lepra. Este dispositivo sanitario —un dos máis importantes do Estado no seu tempo— mantívose ata 1927. Daquela quedaron barqueiros, muíños, almacéns, camiños, peiraos e pavillóns que anos despois serían reaproveitados para un uso moito máis sombrizo.
A transformación en campo de concentración (1936–1943)
Co estoupido da Guerra Civil, a illa foi reconvertida en campo de concentración. Entre outubro de 1936 e marzo de 1943, San Simón funcionou como colonia penitenciaria. Máis de 6.000 persoas pasaron polos seus barracóns; unha parte significativa non sobreviviu: as investigacións falan dun porcentaxe arredor do 10% de mortes por asasinatos, enfermidades, fame ou falta de atención.
A procedencia dos presos reflicte o avance da guerra: primeiro chegaron detidos das áreas próximas (Vigo, Pontevedra, Ourense, Vilagarcía), e tras a caída do fronte norte sumáronse asturianos, cántabros, leoneses e vascos. A illa pasou a ser símbolo da represión ideolóxica en Galicia. Por San Simón transitaron intelectuais, sindicalistas e cargos republicanos. O xornalista Manuel Lustres Rivas foi detido e asasinado en 1936; o médico e deputado Celestino Poza Cobas padeceu cadea perpetua tras ver a execución do seu fillo, tamén preso. Historias así multiplican a peaxe humana dun sistema concibido para dobregar e depurar.
As condicións de vida resultaron extremas: hacinamento en pavillóns insalubres, alimentación escasa e deficiente, asistencia médica mínima e traballos forzados. A documentación recollida por historiadores e polos testemuños de superviventes e familias permite hoxe reconstruír as dinámicas do campo e pór nomes ás vítimas. Nese labor, a combinación de fontes xudiciais, militares, parroquiais, de prensa e memorias orais foi decisiva, e proxectos como ‘Nomes e Voces’ ou os estudos de Caeiro e Amoedo achegaron catálogos, listaxes, itinerarios e cronoloxías que hoxe sustentan tanto o relato académico como a narración audiovisual.
Peche, usos posteriores e a lenta reconstrución da memoria
O 15 de marzo de 1943 pechou o campo. A illa pasou despois por usos cambiantes: colonia de verán para a Garda de Franco e, entre 1955 e 1963, fogares para orfos de mariñeiros. Logo chegou un tempo de abandono e desleixo, ata que a sensibilidade patrimonial e memorial foi recuperando o lugar: en xullo de 1999 declarouse Ben de Interese Cultural (BIC) e, xa no século XXI, as políticas públicas e o activismo memorial impulsaron programas educativos, visitas guiadas, exposicións e actos de lembranza. A recoñecemento oficial como Lugar de Memoria Democrática —anunciado a comezos de 2025— reforza ese camiño: protexer, conservar e explicar.
Hoxe, San Simón é paisaxe e arquivo, silencio e palabra. Os pavillóns restaurados, a arboreda e as trazas do lazareto conviven co mapa da represión. As visitas escolares e os programas culturais procuran pedagoxía cívica: entender que non hai democracia sen memoria e que lembrar non é revivir o odio, senón recoñecer ás vítimas e aprender do pasado.
O que achega hoxe o filme San Simón
O filme de Miguel Ángel Delgado suma algo máis que visibilidade. Aporta método: escoitar familias, cruzar testemuños con fontes, non dramatizar a dor para facela espectacular, usar o arquivo como espello e como contraste. “Ao longo do proceso, tivemos noticias de familiares de toda España que descubriron que seus devanceiros estiveran en San Simón. As feridas non se poden tapar con máis silencios”, sinala o equipo. Esa cadea de comunicación foi posible, en boa medida, porque universidade, arquivos, asociacións memorialistas e creadores traballaron xuntos.
Para Histagra, a experiencia é tamén unha transferencia de coñecemento ben entendida: acompañar sen colonizar o relato, orientar sen dirixir a cámara, ofrecer datos e contexto para que, despois, o cinema fale a súa linguaxe. “O pasado ten alteridade”, lembra Fernández Prieto. “Traballar con el esixe rigor, respecto polos restos e polas persoas, e unha vontade de interpretación que non confunda memoria, historia e ficción”.

