fbpx
Arquivo - Batería de Corbeiroa / Asociación Española de Amigos de los Castillos

Veciños de Sada e Bergondo denuncian o abandono dun baluarte do século XVIII que protexeu as súas costas

Tempo de lectura: 3 min.

A batería da Corbeiroa, situada entre os concellos de Sada e Bergondo, volve ao foco público tras anos de deterioro e desinterese institucional. A mobilización dos veciños da Asociación da Obra, que ameazaran con unha “toma simbólica” do recinto, obrigou á Xunta de Galicia a reaccionar. A Dirección Xeral de Patrimonio anunciou unha “nova actuación de limpeza e consolidación” para os próximos meses, aínda sen data concreta.

A resposta chega despois de que a Valedora do Pobo admitise a trámite a queixa veciñal polo abandono deste Ben de Interese Cultural (BIC) e instase á Xunta a ofrecer explicacións nun prazo de quince días. O colectivo acusa ás administracións de manter o enclave “sen orzamento, sen mantemento e sen acceso público”, a pesar de que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia garante o dereito de visita a este tipo de bens.

A cidadanía ten dereito a coñecer este patrimonio, que podería ser un referente turístico e histórico da comarca”, reclaman desde a asociación, que propón recuperar o conxunto como espazo cultural e de sendeirismo. Mesmo anunciaron a creación da República Senderista de Corbeiroa, unha iniciativa simbólica coa que pretenden poñer en evidencia “a deixadez burocrática fronte á acción cidadá”.

Unha fortificación esquecida á beira da ría

A batería da Corbeiroa foi construída a comezos do século XVIII para protexer a enseada de Sada fronte a posibles ataques marítimos, especialmente contra as fábricas de salazón, cordoaría e tecidos que florecían na vila grazas ao impulso de empresarios flamengos e cataláns. A súa posición, nun promontorio que domina a entrada da ría, permitía controlar o paso dos buques inimigos xunto coa batería irmá de Fontán, hoxe practicamente desaparecida.

O complexo contaba cunha planta poligonal e sete troneras de artillaría orientadas cara ao mar, un adarve elevado para a vixilancia e un pequeno polvorín abovedado, aínda visible entre a maleza. No seu interior consérvanse restos dun foso defensivo, varias aspilleiras e a base dunha torre de observación circular desde a que se controlaba o tráfico naval.

A Corbeiroa foi protexida pola Coroa Española pola súa relevancia estratéxica, pero en 1762 o rei ordenou trasladar a fábrica militar a Ferrol, máis fortificada. Desde entón, a batería perdeu progresivamente o seu uso e caeu no esquecemento.

Décadas de abandono e unha limpeza que durou dous anos

Declarada Ben de Interese Cultural en 1949, a fortificación permaneceu décadas oculta baixo a vexetación ata que, en 2016, a Xunta realizou unha limpeza e posta en valor parcial. A intervención deixou á vista as súas estruturas, pero, segundo denuncian os veciños, “foi un lavado de cara que non durou nin dous anos”.

O informe arqueolóxico de 2016 recomendaba un plan por fases que incluía a consolidación dos muros, a mellora do acceso e a sinalización patrimonial, mais nada diso se executou. “Dende entón non houbo nin un euro máis nin unha visita técnica”, lamentan desde a Asociación da Obra. “O BIC afúndese mentres as administracións discuten competencias”.

Hoxe, a maleza volveu cubrir as troneras e o foso, os muros amosan fendas e desprendementos e o acceso principal permanece pechado polo Albergue Xuvenil de Gandarío, impedindo as visitas.

Un símbolo patrimonial por recuperar

A batería da Corbeiroa non é só un resto militar: é parte da identidade histórica de Sada, ata o punto de figurar no escudo municipal. Para os veciños, a súa recuperación permitiría crear un itinerario cultural conxunto co porto de Fontán e o paseo marítimo, integrando historia e natureza nun mesmo espazo.

“O abandono institucional non pode ser a última palabra”, insisten desde o colectivo veciñal, que ve nesta actuación da Xunta “un primeiro paso necesario, pero insuficiente”.

A historia do vello baluarte de Corbeiroa, levantado para defender a vila do mar e agora esquecido pola terra, resume a paradoxa de moitos bens patrimoniais galegos: séculos de historia resistindo á erosión e poucos anos de abandono para deixalos caer.

Pode que che interese...