fbpx
Arquivo - Xosé Lois Armada / Rubén Vuelta Santín

Xosé Lois Armada, novo director do INCIPIT: “Temos que demostrar a utilidade da investigación patrimonial para os retos do presente”

Tempo de lectura: 3 min.

O arqueólogo Xosé Lois Armada Pita (Cariño, 1977) vén de asumir a dirección do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, substituíndo a Felipe Criado Boado, quen liderou o centro dende a súa creación en 2010. O nomeamento chega nun momento de consolidación do instituto, que conta xa con 91 persoas no seu equipo e unha intensa actividade científica tanto en Galicia como no ámbito internacional. Armada sinala que se trata dun reto importante, pola dimensión e complexidade da institución, e tamén pola responsabilidade que implica compatibilizar a xestión coa súa propia investigación.

O novo director lembra que o INCIPIT viviu un “punto de inflexión co traslado ao Edificio Fontán”, na Cidade da Cultura, en 2022. Ese cambio, di, permitiu “un crecemento notable en persoal e en capacidade investigadora”, fortalecendo a estrutura do instituto e consolidando o seu modelo organizativo. Considera fundamental dar continuidade ao traballo desenvolvido na última década, mantendo a orientación interdisciplinar e o enfoque transnacional que caracteriza o centro.

Armada presentou tamén o equipo directivo que o acompañará nesta nova etapa: María Martín Seijo asumirá a vicedirección técnica, Ximena Senatore a vicedirección científica e César González García ocupará a xefatura de departamento. O director asegura que o propósito é fortalecer a coordinación interna e mellorar a comunicación entre as distintas áreas de investigación, apostando pola transparencia e pola cooperación como eixos da nova dirección.

Proxectos do INCIPIT

Entre os proxectos que exemplifican as liñas de traballo do INCIPIT, Armada destacou dúas iniciativas con forte conexión co territorio galego. Por unha banda, o proxecto HINTERLAND, desenvolvido entre 2022 e 2025, que analizou a actividade dos habitantes dos castros da Idade do Ferro máis alá das murallas. Os resultados, presentados recentemente en Santiago, ofrecen novas perspectivas sobre a vida nas comunidades castrexas grazas ao uso de metodoloxías non invasivas e á colaboración entre equipos internacionais. Por outra, mencionou a instalación multimodal ‘Arqueoloxía da festa, en marcha na Cidade da Cultura, que explora a memoria sonora e simbólica dos espazos de celebración rural a través dunha investigación artística e etnográfica. O proxecto, di, reflicte a aposta do INCIPIT por novas formas de coñecemento que unen arte, tecnoloxía e arqueoloxía.

O director recoñece que, tras quince anos de traxectoria, o INCIPIT conta xa cunha reputación consolidada tanto no ámbito científico como social. Subliña a colaboración constante con administracións, centros educativos e colectivos patrimoniais, así como a participación en iniciativas de divulgación como a ‘Noite Europea das Persoas Investigadoras ou Xenér@ Ciencia’. A visibilidade pública do instituto, di, aumentou coa súa presenza no Gaiás e coa organización de exposicións e actividades abertas á cidadanía. Con todo, considera que “é necesario seguir traballando para reforzar esa conexión coa sociedade galega” e facer máis visible o impacto real da investigación no patrimonio e na cultura.

Preguntado sobre o contexto actual da ciencia en España, Armada admite que a financiación segue a ser un desafío. Aínda que recoñece avances nos últimos anos, advirte da importancia de manter o apoio institucional á investigación pública e de defender a relevancia social da ciencia fronte a discursos que a poñen en cuestión. Desde o campo das humanidades e as ciencias sociais, asegura, o INCIPIT pode achegar respostas a problemas cruciais, como o cambio climático, o despoboamento rural ou a conservación do patrimonio en zonas de conflito. “O noso labor —explica— é demostrar que o coñecemento sobre o pasado e o patrimonio é esencial para comprender e afrontar os desafíos do presente”.

Para Armada, o futuro do INCIPIT pasa por fortalecer a cooperación internacional, abrir novos espazos de diálogo coa sociedade e seguir integrando diferentes disciplinas e linguaxes. A nova dirección, afirma, pretende manter o equilibrio entre a excelencia científica e o compromiso público, facendo do instituto un referente europeo na investigación patrimonial e un espazo de reflexión sobre o papel da ciencia na construción dunha sociedade máis consciente do seu pasado e máis preparada para o seu futuro.

Pode que che interese...