Xosé M. Sánchez Sánchez explora a experiencia do tempo na Idade Media a través da Compostela xacobea
O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago acolleu este venres a presentación da obra Tiempo y viaje en la Compostela medieval: estudios sobre tiempo, individuo y peregrinación en la Edad Media, do historiador Xosé M. Sánchez Sánchez. O volume forma parte da colección Biblioteca Científica Compostelana do Consorcio de Santiago e afonda nas concepcións do tempo e da viaxe no contexto da Compostela medieval.
O acto contou coa participación de Antonio Míguez Macho, decano da Facultade de Xeografía e Historia; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; e os responsables dos departamentos de publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco Valdés e Juan Conde Roa, respectivamente.
A monografía analiza, desde distintas fontes documentais e materiais —arquivos, edificios, obxectos e ritos—, como se configuraba a percepción do tempo entre os individuos que emprendían o Camiño de Santiago durante a Idade Media. Segundo expón o autor, o século XII representou un punto de inflexión nas formas de entender e medir o tempo, cunha profunda incidencia na vida relixiosa, social e simbólica da cidade compostelá.
O proxecto que deu orixe a esta publicación foi seleccionado na IV Convocatoria de axudas da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións (2021), dependente da USC, e contou coa colaboración da Fundación Catedral e do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago. A obra constitúe así un novo resultado de investigación vinculado ao estudo da peregrinación xacobea e da súa influencia cultural e mental no Occidente medieval.
Xosé M. Sánchez Sánchez, doutor e profesor de Historia Medieval na USC, conta cunha ampla traxectoria investigadora arredor da sociedade, a mentalidade e o poder na Galicia medieval. Foi técnico medievalista no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago e realizou estancias na Universidade RomaTre e no Arquivo Apostólico Vaticano. É tamén autor de La iglesia de Santiago de Compostela y el pontificado en la Edad Media (2011) e Iglesia, mentalidad y vida cotidiana en la Compostela medieval (2019), ambas editadas igualmente polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago.

