fbpx
Asedio irmandiño ao Castelo de Naraío en 1465 / @navoltadafolla

A historia de Galicia cobra vida: Manuel Gago explora as posibilidades divulgativas da intelixencia artificial

Tempo de lectura: 3 min.

O divulgador, historiador e xornalista Manuel Gago volveu sorprender coa publicación dun novo vídeo no que escenas destacadas da historia de Galicia cobran vida a través da intelixencia artificial. A peza, composta por diversas imaxes e secuencias xeradas con distintas ferramentas, reconstrúe momentos como o aspecto do Castro de Baroña no século I a.C., o asedio irmandiño ao castelo de Naraío en 1465, a Batalla de Rande ou un torneo no Castelo de Monterrei, ademais da reforma da Torre de Hércules en 1790. O resultado ofrece un percorrido visual polo pasado galego que, segundo o autor, busca achegar este patrimonio ao público a través dunha estética cinematográfica.

A iniciativa chega apenas unhas semanas despois do vídeo no que Gago experimentaba coa animación das figuras do Pórtico da Gloria, empregando o modelo Grok de intelixencia artificial. Aquel traballo, difundido nas súas redes sociais, acadou unha resposta inesperada, con máis dun millón de reproducións. “Sigo abraiado coas capacidades de Grok, e a cantidade de tecnoloxía que hai aí dentro para comprender que é o que ten que animar”, recoñece o profesor da Universidade de Santiago. O vídeo mostraba a apóstolos, profetas ou músicos movéndose como se adquirisen vida séculos despois da súa creación, nun exercicio que tamén lle serviu para explorar as posibilidades técnicas da ferramenta.

Co novo proxecto, Gago dá un paso máis e aposta por un conxunto de escenas que funcionan como pequenas píldoras audiovisuais sobre o pasado galego. Explica que o seu propósito é “xogar un pouco” cunha linguaxe visual á que o público está afeito cando se trata doutras tradicións históricas, pero que raramente se aplica a Galicia. “As imaxes que xerei son moi cinematográficas. Nós estamos acostumados a ver ese tipo de escenas en Inglaterra, Francia ou nos Estados Unidos, pero non temos a cabeza pensada para velas aquí”, comenta.

O divulgador subliña a capacidade da IA para provocar ese efecto de sorpresa que permite reconsiderar os feitos históricos coñecidos e reivindicar novas miradas. “As historias que nós temos son tan válidas para contar con esa linguaxe visual, poderosa, como as de fóra”, afirma. Para el, a espectacularidade tecnolóxica serve como medio para reforzar unha idea central: Galicia precisa construír unha cultura visual do seu propio pasado.

Gago sostén que na comunidade existe un déficit histórico de imaxes que representen acontecementos do pasado, máis alá de escenas de romarías ou mariñeiroas. “Unha das claves que busco é desenvolver unha cultura visual do pasado”, indica, motivo polo que estas primeiras pezas forman parte dun proxecto máis amplo co que aspira a contribuír a que “Galicia se conecte máis co seu pasado”.

Para elaborar estas recreacións, combina diferentes ferramentas, entre elas Nano Banana Pro, o xerador de imaxes por IA de Google Gemini, que destaca —di— pola súa capacidade para interpretar fotografías, investigacións e topografías. O obxectivo non é lograr unha precisión histórica absoluta, senón lograr imaxes “como se estiveras vendo unha peli” que axuden a activar a imaxinación colectiva e abrir novos camiños para a divulgación patrimonial.

No caso do Pórtico da Gloria, a experimentación buscaba comprobar se Grok era capaz de distinguir formas complexas, illar movementos posibles, simular efectos de cámara e manter a coherencia das figuras. “Fixen coma se fose un director de cine”, comenta, destacando escenas como a do profeta Daniel, cun xesto desconfiado, ou o xiro final da figura do Apóstolo no parteluz, que mira directamente á cámara mantendo o nimbo sagrado. “É unha das escenas que amosa como o sistema logrou entender moi ben as formas”, engade.

Gago adianta que este traballo terá continuidade. Entre as súas ideas, figura explorar como os peregrinos medievais entendían a mensaxe teolóxica do Pórtico da Gloria, unha obra clave na iconografía románica europea. Asume tamén as reservas que esperta o uso da IA, sinalando que esta tecnoloxía “transforma dalgunha forma a nosa relación co mundo real, e co noso pasado”. Aínda así, defende o seu uso prudente e contextualizado: “Non podemos perder o tren”.

Pode que che interese...