A Illa de Tambo afronta un plan intensivo de prospección arqueolóxica
A Illa de Tambo, un dos enclaves naturais e históricos máis singulares da ría de Pontevedra, será escenario nas próximas semanas dun programa intensivo de traballos arqueolóxicos impulsado polo Concello de Poio e financiado na súa totalidade pola Xunta de Galicia, cun orzamento próximo aos 30.000 euros.
A actuación foi adxudicada á empresa Tempos Arqueólogos e forma parte dun convenio de colaboración institucionalque, segundo precisou o Concello, dá continuidade ao compromiso adquirido polo conselleiro de Cultura, José López Campos, durante a súa visita á illa. O obxectivo é avanzar na recuperación e posta en valor dun espazo que combina un relevante patrimonio natural con vestixios de grande interese histórico.
O proxecto prevé unha prospección arqueolóxica intensiva en toda a illa, acompañada da documentación de grafitis históricos e da realización de sondaxes valorativas en puntos de especial interese, como o antigo lazareto, a capela e a praia. En función dos resultados que se obteñan, definiranse novas áreas de intervención para futuras fases de investigación.
Ademais, as tarefas inclúen traballos de topografía e fotogrametría en tres dimensións das estruturas conservadas, así como a instalación dun cartel interpretativo que permitirá explicar ao público o valor patrimonial do conxunto. O plan completarase coa elaboración dun proxecto arqueolóxico integral, composto por un informe preliminar e unha memoria técnica final, e con accións de divulgación destinadas a achegar os avances e descubrimentos á cidadanía.
Estas actuacións foron un dos asuntos centrais da sétima reunión da Comisión Mixta de Seguimento da Cesión Demanial da Illa de Tambo, celebrada esta semana, na que participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Tomás Clavijo, xunto con técnicos municipais e representantes da institución militar.
Durante o encontro tamén se fixo balance das actividades realizadas ao longo deste ano e das previstas para os próximos meses, todas orientadas a preservar e difundir un dos grandes tesouros patrimoniais de Poio.
O rexedor, Ángel Moldes, agradeceu a cooperación da Xunta e destacou “a importancia de seguir poñendo en valor toda a riqueza cultural e natural que agocha a Illa de Tambo, un espazo que cada vez esperta máis interese e orgullo entre veciños e visitantes”.
A nova intervención chega meses despois de que se identificasen restos de murallas e tabiques en dúas zonas diferenciadas da illa, achados que poderían corresponder ao antigo Mosteiro de Santa María de Graza, construído no século VII e destruído a finais do XVI, segundo a tradición oral, polas tropas do corsario inglés Francis Drake. Aqueles descubrimentos, divulgados pola Asociación Irmandade Illa de Tambo, reforzaron a súa petición de que o enclave conte cunha protección patrimonial específica como Ben de Interese Cultural (BIC).

