As obras dos Cantóns da Coruña sacan á luz restos do antigo porto da cidade
Os traballos de remodelación dos Cantóns da Coruña, na contorna do Obelisco, deixaron ao descuberto este venres uns restos arqueolóxicos que, segundo apuntan fontes municipais, corresponderían á antiga liña de fronte do porto histórico da cidade.
Dende o Concello da Coruña explican que o achado entraba dentro do previsto, xa que durante intervencións anteriores na zona da Mariña tamén se localizaran estruturas similares. A aparición produciuse no marco da nova fase da obra iniciada a mediados de outubro, que abrangue o treito entre a rúa Santa Catalina e o entorno do Obelisco.
Os restos foron documentados e cubertos con xeotéxtil e unha lámina de caucho co obxectivo de garantir a súa conservación. Ademais, o Concello remitiu un informe á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, notificando o achado e o procedemento seguido para a súa protección.
As obras de reconfiguración dos Cantóns continúan o seu curso, despois das actuacións previas na Mariña e no contorno de Palexco. Esta nova etapa implica afectacións na mobilidade, ao quedar pechado ao tráfico o acceso dende Durán Loriga por Santa Catalina, tramo que pasa a ser de uso exclusivamente peonil para conectar a praza de Mina coa rúa Real.
Durante o desenvolvemento dos traballos, os servizos de táxis, transporte urbano e BiciCoruña trasláronse de forma temporal ás paradas de Cantón Pequeno e Carreiro da Estacada, mentres que as operacións de carga e descarga se realizan tamén de maneira provisional neste ámbito.

