As pinturas ocultas dos dólmenes: o patrimonio que Galicia apenas ve
O ciclo ‘Arqueoloxía en monodose’, impulsado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, continuou en novembro coa conferencia ‘Arte parietal megalítica en Galicia, unha breve presentación’, impartida polo investigador e conservador Fernando Carrera Ramírez. A sesión, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, puxo o foco nun tipo de patrimonio prehistórico pouco visible para o gran público: as pinturas e gravados conservados nas lousas dos dólmenes, unha forma de arte que, segundo explicou, require atención específica pola súa vulnerabilidade e pola complexidade que implica estudala e preservala.
Carrera situou este conxunto dentro das manifestacións de arte prehistórico inmóbil, mais diferenciándoo doutros grupos máis coñecidos. Mentres os petróglifos ou outras expresións rupestres aparecen en espazos naturais —ao aire libre, en covas ou en abrigos—, a arte parietal megalítica está asociado a unha arquitectura creada polo ser humano. “O resto do grupo de arte rupestre son expresións feitas na natureza… pero este é unha especie de cova artificial feita polo ser humano, que é un dolmen”, indicou na entrevista. O soporte non é, por tanto, unha rocha exposta no territorio, senón as propias pedras extraídas e ergueitas para construír o monumento. “É feita nas lousas que o ser humano extraiu da natureza para construír un edificio moi singular”, resumiu.
Dende esa perspectiva, o investigador salientou que a arte megalítica non pode entenderse como un simple engadido ornamental. “O que me gusta dicir da arte megalítica é que… as pedras estaban pintadas”, explicou, insistindo en que a percepción contemporánea dun dolmen como un espazo “limpo” non se corresponde coa realidade orixinal. Segundo defendeu, os construtores do Neolítico creaban recintos completamente decorados, de maneira que a experiencia de entrar no monumento debía estar marcada por unha intensa carga visual e simbólica. “Tes que imaxinarte que entrabas dun espazo completamente decorado… o que transmitía ese monumento era moito máis que, como vemos hoxe, que limpo”, sinalou.
A función desa decoración, na súa interpretación, responde a unha lóxica comunicativa. Carrera falou da arte prehistórica como unha “linguaxe de comunicación” que podía dirixirse tanto ao grupo humano como a entidades sobrenaturais ou a antepasados. Nese marco, a pintura nas lousas podería transformar o sentido das pedras, outorgándolles unha dimensión antropomórfica ou sacra dentro do monumento. “O feito de labrar a pedra, de colocar a pedra e de pintar a pedra… fai que a pedra deixe de ser a pedra natural, agora é outra cousa para a tribo”, afirmou. A construción e decoración dos dólmenes tería tamén un papel territorial: ademais de espazo funerario, actuaría como marca de apropiación simbólica do lugar. “Non só é crear un espazo funerario… é unha apropiación do terreo, do territorio onde se ubica o dolmen”, indicou.
No plano estritamente material, Carrera explicou que a arte megalítico da fachada atlántica ibérica, especialmente en Galicia e no norte de Portugal, destaca polo seu carácter visible e pola súa técnica. “Por facelos en granito… é o máis espectacular dos que coñecemos”, afirmou, nunha idea que tamén aparece nos seus estudos sobre conservación da arte prehistórico megalítico. A clave, engadiu, reside no uso dun revoco preparado sobre o granito, unha capa de arxila ou caolín que funcionaba como “lenzo” previo á pintura. “Dan un revoco moi lucido, con arcilla, con caolín… e iso crea unha especie de lenzo sobre o que pintan”, explicou. Esa técnica permite que as figuras sexan máis evidentes que noutros territorios onde os pigmentos se aplican directamente sobre a pedra.
Porén, a mesma solución técnica converte estas pinturas nun patrimonio extremadamente fráxil. Ao estar feitas sobre revocos delicados, son moi sensibles á chuvia e ás variacións de humidade, o que provocou a perda dunha parte considerable do conxunto ao longo do tempo. “Xa sabemos a día de hoxe que perdimos a maioría delas… todos eses dólmenes que están espoliados dende antigo todos estaban pintados, pero non coñecemos a pintura neles”, afirmou. No artigo que acompaña esta entrevista, Carrera tamén subliña que a arte megalítico en ‘cavidades artificiais’ sofre procesos de alteración relacionados coa disolución e o desprendemento, influídos polo cambio climático e por factores humanos indirectos.
Un dos aspectos máis destacados da súa intervención foi a relación entre excavación arqueolóxica e deterioro. Segundo explicou, en moitos casos a pintura consérvase únicamente nos treitos que permaneceron soterrados, na parte baixa das lousas. Isto significa que destapar un dolmen pode poñer en marcha unha degradación acelerada, ao modificar o microambiente no que se preservou durante milenios. Esta realidade obriga, segundo dixo, a incorporar novos protocolos nas intervencións. “Cada vez que escavemos un dolmen de agora en adiante teremos que ter coidado cos restos de pintura que hai”, sinalou, engadindo que esta sensibilidade non existía en escavacións de décadas anteriores. Puxo como exemplo o uso actual de revisións en dólmenes xa estudados, onde aínda aparecen restos antes pasados por alto.
Na mesma liña, Carrera advertiu de que moitos monumentos non están excavados ata niveis profundos, polo que o catálogo da arte parietal coñecido é aínda parcial. “Incluso os dólmenes que coñecemos nos que sabemos que hai pintura, a pintura está sen descubrir ata a súa totalidade”, afirmou, indicando que nalgúns casos queda máis dun metro de estrato por investigar. Para el, baixo ese volume de sedimento pode existir unha parte relevante da información artística e ritual. “En metro e medio hai milleiros de anos de historia”, resumiu.
A complexidade da conservación leva, ás veces, a decisións drásticas. O arqueólogo explicou que se optou por reenterrar algúns monumentos logo de documentalos, como medida preventiva mentres non existan recursos e sistemas estábeis para exhibilos sen risco. “Mentres non teñamos cartos ou plans para mostrálos adecuadamente, o que non podemos asumir é que esa pintura se perda”, indicou, lembrando que en certos casos o deterioro avanzaba “a toda velocidade”. Esta idea encaixa coas propostas que Carrera vén defendendo dende hai anos: a necesidade de planificación e de políticas integradas de protección, fronte a actuacións improvisadas ou illadas, combinando medidas directas sobre os sitios e accións educativas e de difusión para garantir a súa transmisión.
Finalmente, o investigador chamou a atención sobre o descoñecemento social que aínda rodea este patrimonio. “A xente non é consciente de que os dólmenes estaban decorados”, dixo, e ligou esta falta de percepción a un desapego máis xeral cara á arqueoloxía. Carrera propón reforzar a divulgación para que a cidadanía identifique estes lugares como parte da súa herdanza. Na entrevista recorreu a unha comparación directa: “Isto son os cemiterios dos nosos ancestros; ti non entrarías cunha máquina excavadora nun cemiterio, verdade?” Con esa idea, insistiu en que a protección depende tamén de que a sociedade comprenda o valor do que conserva. “Nunca houbo un plan de divulgación… e iso para min é urxente, moi urxente”, concluíu.

