Atopan os restos dos guerrilleiros de ‘Foucellas’ asasinados en Teo en 1948
A historia acaba sempre aboiando. Tamén a dos desterrados e a dos enterrados furtivamente en fosas comúns, a pesar daqueles que queren ocultar parte da nosa historia. Esa historia escrita en sangue de asasinados nas cunetas, ou de loitadores pola liberdade, segue aí agardando ser contada. E grazas ao empeño de investigadoras, arqueólogos e o grupo de Histagra da USC, hoxe podemos contar outra parte desa memoria esquecida… mellor dito, esa memoria conxelada no tempo.
E é que un equipo multidisciplinar do Histagra, o CISPAC e Tempos Arqueólogos semella que acaba de dar cos restos de catro membros da V Agrupación comandada por Benigno Andrade, o “Foucellas”, asasinados nun enfrontamento coa Garda Civil en 1948. Estaban onde a investigadora do Histagra, Silvia Santiago, cría que estaban desde que comezou a cruzar teorías e hipóteses logo dun arduo traballo de investigación. Estaban no adro da igrexa de Luou, en Teo, a dous quilómetros de onde foron asasinados. Por agora, son só os restos do primeiro guerrilleiro atopado, que aínda viste as botas que levaba ao morrer, e semella que ese corpo ten “signos de violencia”, como sinala o arqueólogo director da escavación, Sergio Sánchez, á espera de que sexa examinado polo antropólogo do grupo.
Meticulosa investigación
Silvia cre que nesta fosa foron inhumados Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, de Peñarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, o “Barbarroxa”, da Matanza (Iria Flavia, Padrón); e Vicente López Novo, co alcume de “el hijo de la Nova”, natural de Santa Uxía de Ribeira. Todos eles pertencentes a unha partilla guerrilleira comandada polo mítico Benigno Andrade, ‘O Foucellas’. El, xunto con outro guerrilleiro, Xosé Ramuñán, conseguiron fuxir do cerco que lles fixera un nutrido grupo de gardas civís.

Trátase dunha fosa da resistencia armada antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María. Foto: Lentes Diverxentes
No informe histórico preliminar, Silvia analizou as diferentes fontes e relatos que conducen a diversas hipóteses sobre o acontecido durante o enfrontamento que tivo lugar o 19 de maio de 1948 no lugar de Loureiro, na parroquia de Luou. Ese enfrontamento resultou na morte deles catro máis dun garda civil. O seu concienzudo traballo de reconstrución destes asasinatos levarona a consultar numerosa documentación, incluídos, rexistros civís e rexistros eclesiásticos. “A miña tarefa era intentar ser o máis precisa posible para dar co lugar exacto da inhumación. Atopei referencias en varios arquivos, contrastei con fontes orais en Luou, realicei visitas de campo e fixen, tamén, o traxecto do carro de bois que trouxo os corpos cara a igrexa”, destaca Silvia. A súa meticulosidade deu resultado. Os corpos apareceron onde ela cría que ían aparecer.
Reconstrución dunha pequena batalla
Esta reconstrución comeza nunha palleira da aldea de Loureiro. Alí durmían os cinco integrantes da V Agrupación Guerrilleira ata que foron rodeados por un nutrido número de gardas civís. “Posiblemente por mor dalgunha delación”, sinala Silvia. Comezou un enfrontamento a balazos, unha pequena batalla, que rematou con catro guerrilleiros e un garda civil mortos. Segundo os informes oficiais “dúas das vítimas apareceron nas inmediacións do aplendre e outras dúas a medio quilómetro, xa no monte”.
O que busca agora esta investigación é, ademais de atopar eses corpos, saber como foron asasinados e se houbo algún tiro de gracia ou violencia institucionalizada. Polo momento, e como comenta Sergio, semella que houbo “signos de violencia”. Tras escavar unha franxa de 2×2 metros, atoparon os primeiros restos a 1,2 metros de profundidade. Polo momento, só apareceu un corpo, pero o equipo cre que se poderán atopar os outros tres moi preto deste primeiro. O proceso é lento, pero seguro. “Rexistramos todo, levantamento 3D dos corpos que vaiamos atopando e logo un antropólogo fará a reconstrución dos cadáveres e os seu ADN será cotexado co dos familiares que pediron a exhumación para atopar coincidencias”, sinala Sergio. O equipo multidisciplinar está orgullosos do traballo. “Inicialmente estanse conseguindo os obxectivos que tiñamos, pero haberá que ver como evoluciona a escavación”, indica. Unha escavación que, se todo vai ben, rematará este venres cos restos de todos os guerrilleiros localizados.

Os traballos de exhumación da partida guerrilleira do Foucellas asasinados en Luou, Teo / Lentes Diverxentes
A campaña de 2025
O convenio de colaboración para poñer en marcha a anualidade 2025 do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, asinárono o pasado agosto a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Logo dos traballos en Rianxo e Teo, a campaña deste ano continuará coa investigación histórica da fosa de Riberias de Sor (Mañón). Así mesmo, procederase coas labores de recoñecemento nos espazos de defunción das campañas pasadas.
Por parte da USC, a través do Grupo Histagra, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o doutor en Historia e profesor Antonio Miguez Macho coordinan un equipo de investigación formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ dirixido por María Victoria Lareu.

