Do século XII ao Xacobeo 2027: unha tese destaca o legado compartido entre Santiago e Pistoia
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Turismo de Galicia, distinguiu o traballo Santiago de Compostela y Pistoia: articulación de un patrimonio histórico compartido hacia el hermanamiento institucional, de Michele Alesi, co Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao e Fin de Máster sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións.
O estudo, dirixido polo profesor Juan Manuel Monterroso Montero no Mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da USC, reconstrúe os lazos históricos, relixiosos e culturais que uniron durante séculos as cidades de Santiago de Compostela e Pistoia, en Toscana. A relación entre ambas remóntase ao século XII, cando o bispo Atto de Pistoia recibiu de Diego Xelmírez unha reliquia do apóstolo Santiago o Maior, un fragmento óseo que contribuíu á expansión do culto xacobeo en Italia e á consolidación da cidade toscana como centro de peregrinación europeo.
A investigación destaca o papel que Pistoia desempeñou na lexitimación da cultura xacobea, especialmente durante o proceso de autenticación dos restos apostólicos de Compostela no século XIX, cando a reliquia pistoyesa foi comparada cos ósos atopados na catedral galega, fortalecendo a súa autenticidade. Alesi analiza tamén a dimensión contemporánea desa memoria compartida, marcada pola proposta de irmandamento presentada en 2017 polo concello italiano e polos intercambios culturais desenvolvidos entre ambas cidades nas últimas décadas.
Segundo explica o investigador, o traballo “traza unha cartografía simbólica que revela a persistencia dunha memoria compartida inscrita na arquitectura sacra, nas prácticas devocionais e nas redes de peregrinación europeas”. O estudo recolle fontes documentais primarias e secundarias, material de prensa e entrevistas a figuras institucionais e culturais implicadas na revitalización desta relación, como Francisco Singul, director da Área de Cultura do Plan Xacobeo, ou o concelleiro Alessandro Sabella, responsable das tradicións xacobeas en Pistoia.
O texto sitúa a proposta de irmandamento entre Pistoia e Santiago como unha oportunidade para fortalecer a cooperación cultural, académica e patrimonial entre Galicia e Italia. Ademais de abordar a dimensión histórica do vínculo, o traballo examina a actual rede de colaboración entre entidades culturais, arquivos e administracións, como o Archivio di Stato di Pistoia, cuxas iniciativas durante o Ano Santo 2021-2022 contribuíron a difundir o legado xacobeo.
Na súa conclusión, o estudo propón concibir o patrimonio como un espazo de encontro e diálogo europeo, e presenta o caso de Santiago e Pistoia como un modelo de cooperación intercultural, onde o legado relixioso e histórico serve de base para novas alianzas no ámbito da cultura e do turismo sustentable. Alesi salienta tamén o papel da tradición investigadora italiana na configuración dos estudos composteláns e a necesidade de seguir integrando a dimensión internacional do Camiño de Santiago nos proxectos de investigación e divulgación contemporáneos.
Traxectoria do autor
Michele Alesi é investigador en historia da arte e xestión do patrimonio, cunha traxectoria internacional que inclúe formación na Manchester Metropolitan University, na Universitat de Barcelona e na USC. Traballou en institucións como o Auditorio de Galicia, Manchester Contemporary ou a Whitworth Art Gallery, en proxectos de comisariado, mediación cultural e deseño de programas educativos. A súa liña de investigación céntrase nas relacións entre arte, territorio e identidade, con especial atención ás dinámicas de inclusión e sustentabilidade no ámbito cultural.
Co recoñecemento outorgado pola Cátedra do Camiño, a súa investigación contribúe a revitalizar a dimensión europea do fenómeno xacobeo e a consolidar o diálogo entre Santiago de Compostela e Pistoia como dúas cidades unidas por séculos de historia, fe e patrimonio compartido.

