fbpx
Xacemento Pedra do Altar / Fundación Brandomil

As escavacións de Pedra do Altar revelan os primeiros muros romanos en Brandomil

Tempo de lectura: < 1 min.

As investigacións arqueolóxicas que se desenvolven dende hai varias semanas no xacemento de Pedra do Altar, en Brandomil (Zas), comezan a ofrecer datos significativos. As catro sondaxes manuais abertas no terreo permitiron localizar muros pertencentes á época romana, acompañados de materiais asociados que se sitúan nunha cronoloxía aproximada de entre 1.900 e 1.800 anos.

Estes traballos chegan despois da campaña de prospección tecnolóxica impulsada pola Fundación Brandomil no mes de maio. Nesa fase previa utilizáronse métodos non invasivos, como o gradiómetro, o xeorradar de última xeración e a teledetección por infravermellos, coa colaboración do equipo especializado do CSIC-INCIPIT. Segundo indica a entidade, esta análise permitiu detectar diversas anomalías estruturais que guiaron a planificación das intervencións actuais.

O arqueólogo e director da actuación, Lino Gorgoso, será o encargado de ofrecer nas vindeiras datas un informe detallado cos resultados completos das escavacións. A campaña forma parte do proceso de estudo continuado dun enclave considerado clave para a comprensión do pasado romano da comarca.

Pedra do Altar conserva restos dun asentamento romano de longa duración, no que destaca unha domus de época altoimperial (séculos I–II) xa escavada en campañas anteriores. O inmoble mostra unha distribución doméstica representativa do período, con espazos como o atrium, o tablinum ou lararia, a culina, as tabernae e outras dependencias que permiten aproximarse ás rutinas da vida diaria na antigüidade.

A relevancia histórica do lugar vai máis alá da arquitectura doméstica. As investigacións realizadas ata o momento apuntan á posición estratéxica de Brandomil dentro da rede viaria antiga, así como á súa relación coa minaría aurífera que caracterizou esta área durante a Idade Antiga e continuou tendo peso ao longo da Idade Media e Moderna. Os achados actuais contribuirán a precisar esta evolución e a contextualizar o papel do asentamento no territorio.

Pode que che interese...