fbpx
As botas de José Antonio - Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica

Escavando foxas: A longa busca de José Antonio Rivas Carballés, o zoqueiro de Fraialde

Tempo de lectura: 6 min.

74 anos despois do seu asasinato, os restos de José Antonio Rivas Carballés, coñecido en Pol como o zoqueiro de Fraialde, saíron á luz nun lateral do cemiterio de San Mamede do Río (Portomarín). A exhumación, realizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) o 27 de agosto de 2010, puxo fin a décadas de procura da súa familia e evidenciou, unha vez máis, a combinación de violencia, silencio e trabas administrativas que rodeou a represión franquista no rural galego.

Segundo a documentación dispoñible, José Antonio naceu en Pol o 18 de xaneiro de 1897. Era ebanista e zoqueiro, simpatizante da causa republicana, lector habitual e cunha biblioteca pouco habitual para a súa contorna. Non estaba afiliado a ningún partido político, pero interesábase pola actualidade internacional e polas ideas da revolución rusa. Xunto á súa muller, Josefa Pérez Veiga, tivo varios fillos, entre eles Ramiro e María Digna, rexistrados con eses nomes pero coñecidos na casa como Lenin e Igualdad.

O 30 de agosto de 1936, un grupo de falanxistas presentouse na casa familiar en Fraialde. Levaron a José Antonio ao lugar coñecido como Rego do Can, en Portomarín, onde foi executado. Tiña 39 anos. O corpo apareceu pouco despois, e uns veciños trasladárono á parroquia de San Mamede do Río, onde foi enterrado fóra do recinto da igrexa. A acta de defunción rexistraba unicamente a morte dun home por feridas de arma de fogo, identificándoo como “un varón, de nombre desconocido”.

A ausencia marcou a vida dos fillos de José Antonio. Ramiro Rivas, nado en 1932, apenas tiña memoria do pai cando este foi sacado da casa. Anos despois, lembraba que se tivo que facer adulto de súpeto e que medrou como fillo dun home sinalado como “roxo”, nunha familia moi humilde, con seis menores ao cargo dunha nai soa.

En 1952, Josefa decidiu emigrar a Arxentina con dous dos fillos. Para poder saír do país precisaba acreditar que era viúva e que tiña a tutela en exclusiva dos nenos. Iso obrigouna a percorrer despachos e parroquias, ata que en Portomarín obtivo finalmente un documento que, lonxe de reparar a inxustiza, a fixo máis evidente: o certificado de defunción que precisaba falaba dun “varón, de nombre desconocido”. O nome de José Antonio Rivas Carballés seguía sen aparecer en ningures.

Décadas despois, aquela anotación anónima converteríase nun elemento clave para entender a dimensión da negación: non só se eliminara fisicamente ao zoqueiro de Fraialde, senón que tamén se borrara administrativamente a súa identidade.

Un fillo emigrado que volve unha e outra vez

A historia dá un xiro cando, xa instalado en Bos Aires, Ramiro decide iniciar a busca do seu pai. Segundo relata Carmen García-Rodeja, integrante da ARMH e responsable da investigación, foi el quen puxo en marcha todo o proceso: “Ramiro estivo de vila en vila buscando”, lembra.

Ramiro regresou a Galicia en varias ocasións, asumindo o custe económico de viaxes longas, estadías en pensións e desprazamentos por distintos concellos. Preguntou a familiares, veciñanza e autoridades locais. Buscaba un lugar concreto onde poder dicir que o seu pai estivera enterrado, pero non tiña ningunha certeza.

A partir deste impulso persoal, Ramiro contactou coa ARMH, que comezou un traballo sistemático de recollida de testemuños orais e revisión documental. A información de veciños de idade avanzada, cruzada coas referencias parroquiais e co rexistro da morte en Río (Portomarín), permitiu delimitar unha zona probable: un lateral do cemiterio de San Mamede do Río.

No relato de Carmen García-Rodeja aparecen dous nomes colectivos que se repiten: os curas. Non se mencionan identidades concretas, pero si o papel que, ao seu xuízo, desempeñaron dous sacerdotes en momentos distintos.

Por unha banda, sitúa o foco no crego de Fraialde en 1936, ao que atribúe unha responsabilidade inicial no sinalamento de José Antonio pola súa forma de vivir e educar a familia. Carmen sostén que o feito de non bautizar os fillos e de manter unha actitude crítica nun contexto moi controlado pola parroquia contribuíu a convertelo nun obxectivo. Refírese a el como un dos “dous demonios” desta historia.

Por outra banda, fala do párroco de San Mamede do Río en 2010, cando a ARMH xa preparaba a exhumación. Segundo a súa versión, este sacerdote opoñería obstáculos e ofrecería unha versión totalmente distinta á que despois revelou a escavación. Carmen asegura que lles afirmou que o corpo fora velado, que se celebrara misa e que se lle dera sepultura digna debaixo dunha tumba, o que impediría intervir na zona. Con todo, a realidade que aparecería baixo a terra sería outra: “Os resultados foron todo o contrario do que el dicía: nin fora velado, nin enterrado con dignidade nin debaixo dunha sepultura. Estaba onde dicían un par de veciños, malamente, tirado, botaron terra por riba e fóra, sen caixa nin nada”, explica.

García-Rodeja subliña que este tipo de trabas non son a norma, e lembra que noutros lugares atoparon curas que colaboran activamente, acompañan ás familias e mesmo participan nos traballos, pero reivindica que este caso amosa ata que punto determinadas posicións ideolóxicas seguen condicionando o acceso á verdade.

O traballo arqueolóxico en San Mamede do Río

A intervención en San Mamede do Río insírese no marco do plan de investigación e exhumación da ARMH, que insiste en actuar sempre a partir de peticións directas de familiares de vítimas. No caso de José Antonio Rivas Carballés, o expediente figura co código 2156/2010 Lugo e recolle que os seus restos se buscaron na parte exterior do cemiterio parroquial.

Segundo a información recollida pola asociación, o equipo de técnicos, dirixido polo arqueólogo René Pacheco, contou coa colaboración de veciños da zona para delimitar o lugar exacto. A memoria oral indicaba un punto concreto e, apenas iniciados os traballos, apareceu un primeiro indicio: unha das botas do cadáver.

A partir dese momento, a exhumación avanzou coa metodoloxía habitual da ARMH: combinación de medios mecánicos para retirar as capas superficiais de terra e un traballo minucioso con pa, cepillo e pincel a partir do nivel onde se detectan restos ou alteracións. Carmen insiste en que se trata dun labor arqueolóxico, lonxe da imaxe de “revolver nos mortos” que ás veces se proxecta sobre estas intervencións.

A escavación confirmou que o corpo de José Antonio fora enterrado boca abaixo, nunha pequena foxa aberta xunto ao muro do cemiterio. Presentaba un orificio no cranio asociado ao tiro de remate e non había caixa nin elementos de enterramento cristián. En cambio, o calzado conservábase nun estado chamativo despois de 74 anos baixo terra.

O informe antropolóxico forense foi realizado por Elena Vergara Díaz, antropóloga e bióloga forense da Universidade Complutense de Madrid. A identificación apoiouse nun conxunto de probas: a localización, os testemuños veciñais, a documentación previa, a idade estimada, o tipo de feridas e o relato da familia. Para Carmen, non había dúbida: “Estaba claro que era el. Tiñamos o informe documental, a recollida oral, a investigación previa… e despois a evidencia arqueolóxica. Todo apuntaba a José Antonio Rivas Carballés”, explica.

Un enterro digno 75 anos despois

Unha vez completado o estudo, os restos de José Antonio foron entregados á familia. O 4 de xuño de 2011, celebrouse o seu enterro en Fraialde (Pol), a aldea onde nacera e vivira.

Carmen describe aquel día como un dos actos máis emotivos nos que participou. Ao funeral asistiron familiares, veciños e representantes municipais de Pol e Portomarín. A ARMH organizou un acto no que se procurou reproducir, tantos anos despois, un enterro “normal”, como o que correspondería a calquera veciño falecido recentemente: xente vestida de loito, música, recordatorio impreso e convidados acompañando á familia.

Un dos momentos simbólicos foi a entrega a Ramiro das botas que apareceran intactas na foxa, parte esencial da memoria material do seu pai. Segundo lembra Carmen, o propio alcalde de Pol axudou a Ramiro a colocarse a gravata antes do enterro. A escena, para ela, sintetizaba o que significa reparar parcialmente unha inxustiza: “Fixeron un enterro como se acabase de morrer. A xente vestiu de negro, houbo música… Foi un acto moi bonito, porque por fin se lle daba ao zoqueiro de Fraialde o despedimento que nunca tivera”, relata.

Pouco despois, Ramiro expresaría que, despois de enterrar ao seu pai como consideraba debido, podía morrer tranquilo. Carmen destaca ademais “a importancia e o cariño da veciñanza de Fraialde e do alcalde de Pol, Lino R. Ónega, así como da entón alcaldesa de Portomarín, Silvia Rodríguez Díaz”.

Un caso singular nun mapa de foxas diverso

A experiencia acumulada pola ARMH en exhumacións por toda Galicia leva a Carmen García-Rodeja a insistir nunha idea: non existe unha “foxa tipo”. Cada caso ten características propias, tanto na forma do crime como na reacción da comunidade, o papel do clero ou a implicación das administracións.

No caso de San Mamede do Río, conflúen varios elementos: a morte dun artesán coñecido na comarca, sen militancia política acreditada; un certificado de defunción anónimo; a resistencia inicial dalgunhas autoridades relixiosas; a teimosía dun fillo emigrante; e un proceso de investigación que combina memoria oral, documentación e arqueoloxía.

A exhumación de José Antonio produciuse, ademais, nun contexto de intensa actividade da ARMH na provincia de Lugo. O mesmo equipo participou naqueles días na recuperación de tres guerrilleiros nunha foxa en Triacastela, o que amosa a densidade de episodios de violencia política aínda pendentes de esclarecer.

Pode que che interese...