Lugo celebra 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade
A cidade de Lugo celebra estes días o 25 aniversario da declaración da súa Muralla romana como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, unha efeméride que culminará o domingo 30 de novembro, coincidindo coa data na que, no ano 2000, o comité internacional recoñeceu oficialmente o monumento. O Concello, a Xunta de Galicia, o sector da hostalaría e o tecido asociativo lucense artellan un programa que se estende ao longo de tres semanas e que combina actos institucionais, culturais, deportivos, educativos e gastronómicos arredor do principal símbolo da cidade.
Un dos momentos máis agardados chegará este venres 28, co espectáculo luminoso de máis de 150 drons nas costas do parque, no miradoiro sobre o Rosalía de Castro. A partir das 20.30 horas, os aparellos debuxarán figuras no ceo ao ritmo dunha banda sonora creada polo músico lucense Abraham Cupeiro, nunha coreografía aérea concibida especificamente para esta celebración. Desde a Alcaldía sublíñase que se trata dun formato que combina tecnoloxía, arte e patrimonio, pensado para convocar a veciñanza ao redor do monumento.
Ese mesmo venres, ás 19.00 horas, as asociacións do Arde Lvcvs realizarán unha ofrenda á Muralla e un desfile que partirá da contorna de A Mosqueira e percorrerá o casco histórico, ligando a festa de recreación histórica co aniversario do monumento romano.
O acto central do día da conmemoración, o domingo 30 de novembro, será a gala institucional no auditorio Fuxan Os Ventos, desde as 19.30 horas, con invitacións dispoñibles en entradaslugo.es. O programa prevé un repaso á evolución da Muralla, ás políticas de conservación e ao camiño percorrido ata lograr a distinción da Unesco, así como encontros con persoas que tiveron un papel relevante naquel proceso desde os ámbitos político, xornalístico e cultural. A música correrá a cargo da orquestra Xoven Terra Nova, nunha velada que o Concello define como “unha noite para o recordo, na que a cultura será protagonista”.
Ao longo destas semanas tamén pasaron polos escenarios lucenses artistas de proxección internacional. Entre eles, o pianista James Rhodes, que actuou no propio auditorio Fuxan Os Ventos o día 19 dentro da programación deseñada pola Alcaldía, e formacións como o grupo de jazz March Mallow, integrado no Festival de Jazz de Lugo co apoio municipal.
Na presentación do programa, o alcalde Miguel Fernández subliñou que a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade “supuxo un antes e un despois; non só para Lugo, senón tamén para que a cidadanía fose capaz de renovar e enriquecer o orgullo de ser de Lugo e de ter na nosa Muralla o auténtico símbolo de enaltecemento desta cidade”. Segundo explicou, o obxectivo foi configurar un calendario no que “os protagonistas sexan os que contribuíron a esa declaración; lucenses de todos os ámbitos da sociedade, que antes e despois desta distinción tiveron moito que ver en que Lugo sexa hoxe unha cidade única, como o é a nosa Muralla”.
O tenente de alcalde Rubén Arroxo lembrou que se celebra non só o 25º aniversario da Muralla, senón tamén o 10º aniversario da declaración do Camiño Primitivo e da Catedral de Lugo como Patrimonios da Humanidade. Definiu a Muralla como “a muralla completa máis antiga de todo o planeta” e destacou a participación de corais lucenses, a Banda Municipal, compañías de teatro, magos e diferentes colectivos que encherán de actividade tanto o adarve como o entorno urbano.
Educación, memoria e participación cidadá
A conmemoración conta cun forte compoñente educativo. En colaboración con centros escolares, organizouse unha xornada en A Mosqueira na que centos de estudantes de diversos colexios fixeron unha camiñata pola Muralla e montaron un gran puzzle conmemorativo do aniversario. As crianzas combinaron o traballo en equipo co baile e a música, nunha actividade que serviu para reforzar o coñecemento deste legado romano entre os máis novos.
“O que máis nos gustou foi colocar as pezas do puzzle“, explicaban Raquel e Laura, alumnas do CEIP Illa Verde, que tamén valoraron a importancia da música no encontro. Para Noa Pascual e Darama Barrul, a Muralla é “moi importante” e forma parte da súa vida cotiá. Noa confesa que lle gusta subir a pasear polo adarve, aínda que lle impresiona “que sexa tan longa”.
A Xunta de Galicia desenvolve ao longo da semana un programa específico nos centros educativos, que inclúe a elaboración dun mural colectivo de felicitacións á Muralla, elaborado polo alumnado e exposto na Delegación territorial en Lugo. No mesmo edificio poderá visitarse desde o día 25 a exposición interactiva ‘Voces da muralla’, con vídeos de veciños e veciñas contando a súa relación persoal co monumento, co obxectivo de recoller os vínculos afectivos que mantén coa cidadanía.
Tamén a Biblioteca de Lugo, integrada na Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, se suma á conmemoración cunha mostra bibliográfica sobre a Muralla e a antiga Roma en diferentes xéneros e formatos, poñendo en valor a produción editorial vinculada ao monumento.
Concertos, acordeóns e teatro para todos os públicos
Dentro da programación autonómica, un dos fitos será o primeiro concerto en Lugo da pianista galega Isabel Dobarro tras recibir o Grammy Latino ao Mellor Álbum de Música Clásica por Kaleidoscope. A actuación terá lugar na Delegación territorial o martes 25, ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
No mesmo espazo celebrarase o sábado 29, ao mediodía, unha actuación conxunta de máis de 160 acordeonistas procedentes de toda Galicia e doutras partes de España, entre eles a agrupación Terras do Miño, integrada por lucenses maiores de 60 anos. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, as 13 agrupacións participantes ofrecerán actuacións por separado.
A programación da Xunta complétase coa conferencia do escritor Santiago Posteguillo, titulada ‘O corazón romano de Galicia: o latexar dunha historia que non remata’, o 2 de decembro, ás 20.00 horas, tamén na sede da Delegación. O autor, especializado na antiga Roma e Premio Planeta en 2018, centrará a charla na chegada dos romanos á Hispania e na pegada histórica, cultural e social da romanización no noroeste peninsular.
Pola súa banda, a Tenencia de Alcaldía programou ao longo de novembro concertos como os de Victor Wooten & The Wooten Brothers e Chucho Valdés no auditorio Fuxan Os Ventos, así como un encontro de corais no propio auditorio o día 26, con agrupacións como Cántigas e Flores, a coral do cuarto ciclo da USC, Solo Voces ou o grupo Coral Lugh. A Muralla serve ademais de escenario para espectáculos de maxia a cargo do Mago Rafa nos días 22, 23, 29 e 30, e para un percorrido teatral polas súas portas, con pequenas escenas a cargo de compañías afeccionadas e profesionais.
O 27 de novembro, empresas lucenses e comunidade educativa organizan, coa colaboración do Concello, un “abrazo quilométrico” á Muralla, rodeando o monumento para simbolizar o apoio da cidadanía a estes 25 anos de recoñecemento internacional. Ese mesmo día, o MIHL acolle unha actividade familiar de contacontos de cociña coa profesora Alba e o espectáculo teatral ‘Ellos y yo’, de Jordi Font, dirixido ao público adulto.
Xa no propio día 30, ademais da gala institucional, a Banda Municipal de Lugo ofrecerá un concerto no Templete da Música da Praza Maior, espazo ligado historicamente á súa traxectoria, e o auditorio Gustavo Freire acollerá dous pases (17.00 e 18.30 horas) da peza ‘SUM’, Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo para primeira infancia.
Deporte e vida saudable arredor do adarve
A Muralla será tamén escenario de propostas deportivas. O domingo 30 celebrarase unha marcha ciclista polo Día da Bicicleta, cun percorrido accesible de cinco quilómetros arredor do recinto amurallado. A saída será desde A Mosqueira, ás 11.45 horas, e trátase dunha actividade gratuíta, aberta a todas as idades e sen necesidade de inscrición previa.
Na mesma xornada, a Praza de Ferrol acollerá, a partir das 13.30 horas, unha flashmob preparada polas escolas de baile Gravitty e Star Dance, cunha exhibición aberta e de balde, pensada para que calquera persoa poida sumarse ao baile en homenaxe ao monumento romano.
Tapas con sabor a Muralla
A celebración esténdese tamén ás barras e comedores da cidade. A Alcaldía, en colaboración coa Asociación Provincial de Hostalería de Lugo (APHL), puxo en marcha unha tapa conmemorativa do 25º aniversario, dispoñible nos días 28, 29 e 30 en doce establecementos: Cachivaches, Glam Taoo, Gran Café, Karrusel, La Perdiz, O Postigo, Pasarela, Porta Santiago, Saxo, Taberna Daniel, Tapería O Peque e Toni Portela. Cada local ofrecerá unha elaboración exclusiva inspirada na Muralla, combinando tradición culinaria, produto de proximidade e referencias históricas.
O alcalde explicou que a intención é unir dous sinais de identidade da cidade: “a Muralla e a gastronomía”. Segundo indicou, “queriamos que esta celebración chegase a todos os espazos posibles da vida da cidade, e a hostalaría é un sector esencial para entender quen somos. A creación dunha tapa especial serve para poñer en valor a nosa tradición culinaria e reforzar esta conmemoración cun elemento próximo, popular e moi querido pola cidadanía”. Engadiu que “a Muralla representa a nosa historia colectiva e a nosa memoria, e a gastronomía representa a creatividade, a hospitalidade e o talento da xente de Lugo; unir ambas expresións culturais é unha maneira de reivindicar quen somos e celebralo con orgullo”.
A madrugada en que a Muralla se fixo universal
Alén do programa actual, o 25º aniversario trae de volta a lembranza da noite na que Lugo escoitou por teléfono, dende Australia, que a súa Muralla pasaba a ser Patrimonio da Humanidade. A reunión do Comité do Patrimonio Mundial iniciárase arredor da medianoite, hora española, e apenas catro horas despois, ás 3:50 da madrugada, chegaba a chamada dende Cairns confirmando a resolución.
A nova foi recollida por un xornal lucense, que tiña desprazado un enviado especial á cidade australiana. O monumento lucense foi a única candidatura sen obxeccións naquela sesión, nun contexto no que España presentaba cinco propostas e algúns países, como Tailandia ou Sudáfrica, mostraran reticencias a continuar ampliando a lista de bens de estados con numerosos recoñecementos. Segundo o testemuño do xornalista, a Muralla logrou múltiples adhesións e recibiu mesmo o apoio daqueles estados máis prudentes, o que consolidou unha decisión rápida e clara.
Naquela crónica relatábase, en primeira persoa, o sentimento de quen se definía como lugués lonxe da casa nese “puzzle de culturas, idiomas e xentes tan diversas”. Contaba como conseguira entrar, a primeira hora, na sala de xuntanzas do comité —”será a famosa pillería galega”, ironizaba— antes de que a seguridade o deixase fóra xunto ao resto dos medios. Dende alí transmitiu a alegría pola noticia e tamén certa melancolía porque “a nosa muralla, que sempre será nosa, é agora universal. É Patrimonio da Humanidade, aínda que seguiremos a ser nós os que principalmente disfrutaremos dela”. Remataba cun convite á veciñanza: “Hoxe é un día importante para a nosa cidade. Disfrúteno, que o temos ben merecido”.

