Navia 3D leva ao Museo do Viño unha viaxe ao pasado para descubrir a orixe do viño galego
O Museo do Viño de Galicia, situado en Ribadavia, estreou recentemente novos contidos de realidade virtual que permiten visitar a histórica Granxa de Gomariz, considerada a bodega máis antiga do Ribeiro. A iniciativa, presentada durante a Feira do Viño, foi desenvolvida pola empresa Navia 3D, especializada na aplicación de tecnoloxías inmersivas ao patrimonio cultural.
Segundo explicou o propio museo na súa web, o proxecto de virtualización da Granxa de Gomariz ofrece ao público a posibilidade de coñecer o interior desta construción medieval mediante gafas de realidade virtual, recreando con detalle o seu aspecto e funcionamento orixinal. A ferramenta dixital permite achegarse á historia dunha das zonas vitivinícolas máis antigas de Galicia, estreitamente ligada á actividade monástica da Idade Media.
A Granxa de Gomariz foi erguida no século XIII por encargo do mosteiro de Toxosoutos, co obxectivo de garantir o abastecemento e comercio de viños en todo o territorio. A súa primeira referencia documental data de 1206, o que a converte nun dos edificios non relixiosos máis antigos da península ibérica. O lugar destaca polo seu estilo románico rural galego, a súa gran amplitude e a presenza de tres lagares, que testemuñan o peso económico do viño na economía medieval.
O vídeo explicativo incluído na visita virtual lembra que durante a Idade Media os monxes beneditinos e cistercienses transformaron Gomariz nun centro vital de produción de viño, introducindo novas técnicas e sistemas de explotación. As granxas monásticas funcionaban como nodos intermedios entre os mosteiros e os centros de produción, e eran dirixidas por un frade ou converso encargado da administración, a compra e venda de terras e o envío das rendas ao mosteiro. O documento tamén sinala que, pola súa riqueza agrícola, o territorio foi escenario de conflitos entre mosteiros e nobres que buscaban controlar estas terras fértiles.
Hoxe, a antiga granxa atópase en mans privadas, rodeada de viñedos pertencentes a outra adega do Ribeiro, mais continúa a ser un símbolo do legado vitivinícola galego. A recreación dixital, segundo destaca Rita Pérez, arqueóloga e fundadora de Navia 3D, “non substitúe a experiencia real, pero permite achegarse ao patrimonio e visualizar como era en época medieval”.
A empresa, creada hai catro anos co propósito de “poñer a tecnoloxía ao servizo do patrimonio”, traballa con técnicas de fotogrametría, deseño 3D e realidade mixta para elaborar experiencias interactivas e divulgativas. Entre os seus proxectos recentes figuran o vídeo sobre o forno calero de San Adrián de Cobres, a reconstrución virtual da torre fortaleza do castro de Montes e o escaneado 3D de elementos patrimoniais de diversa natureza.
Navia 3D combina a investigación arqueolóxica coa creación de contidos inmersivos, grazas a un equipo multidisciplinar formado por especialistas en historia, arqueoloxía, programación, enxeñaría e deseño tridimensional. “A tecnoloxía evoluciona moi rápido e permítenos crear proxectos máis inmersivos, creativos e accesibles”, sinala Pérez, quen subliña que a dixitalización “non debe substituír o patrimonio real, senón potencialo e complementalo”.
A compañía traballa actualmente en novas liñas de investigación en realidade estendida, integrando intelixencia artificial para o desenvolvemento de solucións en distintos dispositivos. Estes avances —explican desde a empresa— combinan o mundo físico co dixital, ofrecendo experiencias que permiten interactuar co patrimonio coma se fose un espazo vivo.

