fbpx
Arquivo - Mosteiro de San Salvador de Celanova / Concello de Celanova

O cárcere, Meirás e Celso Emilio Ferreiro, eixos das Xornadas de Memoria Antifascista de Celanova

Tempo de lectura: 2 min.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova organiza este mes de novembro as Xornadas de Memoria Antifascista: A Transición Española, un ciclo de tres sesións que se desenvolverán os días 15, 22 e 29 de novembro de 2025 en distintos espazos da vila. As actividades contan coa colaboración do Concello de Celanova e da Fundación Curros Enríquez.

A programación comezará o sábado 15 de novembro, cunha homenaxe ás presas do cárcere de Celanova (1936–1937), que se celebrará ás 11:00 horas na praza das Pitas, diante do antigo cárcere de mulleres. O acto contará coa intervención da poeta Belém de Andrade, e servirá para lembrar ás mulleres represaliadas durante os primeiros anos da ditadura.

A continuación, ás 11:45 horas, o Salón de Arcos da Casa do Concello acollerá a conferencia ‘Meirás e o cárcere da Coruña, o franquismo sen Franco’, a cargo de Rubem Centeno, investigador da memoria histórica, e Carlos Babío, coautor de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio. Ambos analizarán a continuidade das estruturas de poder e represión do réxime tras a morte do ditador.

O segundo encontro terá lugar o sábado 22 de novembro, ás 11:45 horas, no Auditorio Municipal Ilduara, centrado na figura de Celso Emilio Ferreiro. Presentaranse os volumes O Cabronario e Pido unha patria ao mundo, dous textos inéditos do poeta. Participarán Xabier Ferreiro, fillo do escritor e vicepresidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro; Xabier Romero, director da Editorial Elvira, e contarán coa intervención de María Xosé Porteiro, Ramón Nicolás e Antonio García Teijeiro, que afondarán na vixencia literaria e política do autor de Longa noite de pedra.

O ciclo pecharase o sábado 29 de novembro, na Casa dos Poetas, cunha dobre sesión dedicada á análise histórica da Transición. Ás 11:45 horas, o historiador Francisco X. Redondo, coautor do ensaio colectivo A Transición na Galiza (Laiovento), presentará a obra e reflexionará sobre o proceso galego de democratización.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase unha mesa redonda titulada ‘A Transición en Ourense’, que reunirá a tres protagonistas daquela etapa: Dolores Alonso Reverter, Manuel Peña Rey e Nemesio Barxa, moderados por Moncho Boán. O encontro buscará ofrecer unha visión plural e próxima da realidade política e social ourensá durante aqueles anos de cambio.

Xornadas de Memoria Antifascista de Celanova / Adiante

Pode que che interese...