fbpx
Traballos no Castro de Doade (Lalín) / museoetnografico.net

O Castro de Doade encara 2026 con dúas novas catas para completar a investigación

Tempo de lectura: 2 min.

O Castro de Doade dará un novo paso no seu proceso de investigación arqueolóxica no ano 2026, cun proxecto que prevé abrir dúas catas adicionais para completar o estudo das estruturas defensivas e da área doméstica do recinto. Así o anunciou a directora técnica da intervención, Vanesa Trevín, durante a presentación dos resultados das últimas campañas, celebrada no auditorio do Museo Etnográfico Casa do Patrón.

No acto participaron tamén Roberto Pena, da Dirección Xeral de Patrimonio, o concelleiro de Política Social de Lalín, Avelino Souto, e o xerente do museo, Manuel Blanco. A sesión congregou a diversos profesionais da arqueoloxía e a un numeroso público, composto por arredor dun cento de veciños da parroquia.

Trevín fixo un repaso da evolución das escavacións, lembrando que os traballos realizados nos últimos anos permitiron documentar información extensa sobre a zona habitacional, así como escavar a dobre muralla e baleirar os tres fosos defensivos que protexían o asentamento. Tamén subliñou que parte dos materiais recuperados xa forman parte do fondo do museo anfitrión. Segundo explicou, coa campaña deste ano queda completado o proceso de recreación virtual das construcións, das defensas e do conxunto do castro, posibilitando unha visita inmersiva ao xacemento.

A arqueóloga avanzou que a próxima campaña prevé actuar en dous puntos concretos. Un deles dirixirase a profundar na cata aberta en 2024 nunha estrutura interpretada como un almacenamento sobreelevado, coa finalidade de localizar eventuais restos de sementes que poidan achegar información sobre o uso deste espazo. A segunda cata procurará rematar a investigación do tapiado da muralla oeste, un sector onde se baralla a existencia da porta de acceso, e permitirá tamén seguir o trazado do camiño situado entre as dúas liñas muradas.

Durante a súa intervención, Trevín apelou á continuidade do apoio institucional: “Solicitamos manter o habitual respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio para poder executar estas actuacións”, sinalou, aproveitando a presenza do responsable de arqueoloxía do departamento autonómico. Segundo indicou, ese acompañamento será determinante para garantir a continuidade dos traballos previstos.

Pode que che interese...