fbpx
Arquivo - Castro de San Cibrao de Lás / Xunta de Galicia

O Castro de San Cibrao de Lás acada a protección BIC e reivindica dous mil anos de historia

Tempo de lectura: 2 min.

O Diario Oficial de Galicia fixo públicou este luns a declaración do Castro de San Cibrao de Lás como Ben de Interese Cultural (BIC), unha protección que lle concede o máximo rango de salvagarda patrimonial. A Xunta avalou a proposta na súa última reunión, salientando o valor científico dun asentamento considerado un dos máis representativos da Idade do Ferro en Galicia e fundamental para comprender a transición ao período romano.

Máis alá da protección, o recoñecemento pon o foco nun xacemento cuxo percorrido histórico permite seguir a evolución dun dos maiores poboados castrexos da Comunidade. Situado nos concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, a uns 20 quilómetros de Ourense, San Cibrao de Lás foi cualificado tradicionalmente como un oppidum do cambio de Era. As investigacións recentes precisan a súa ocupación entre os séculos II a.C. e II d.C., con fases posteriores que confirman o uso continuado do espazo ata o século XI d.C., cando se documenta o derrube da muralla e o abandono definitivo.

O asentamento ocupa unha elevación natural dividida en dous recintos concéntricos de planta ovalada, un deseño que, segundo os informes técnicos, manifesta unha planificación pouco habitual no contexto castrexo. A súa estrutura interna destaca pola presenza de rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga e vivendas articuladas arredor de patios, organizadas en unidades que a investigación cualifica como barrios. Trátase dun modelo urbano complexo que ofrece información esencial sobre os procesos de transformación social e arquitectónica da Idade do Ferro na súa fase final.

As intervencións realizadas ao longo de máis dun século permitiron a identificación de múltiples estruturas defensivas e domésticas —entre elas murallas, portas monumentais e alxibes— xunto cun amplo conxunto de materiais arqueolóxicos. O expediente da declaración subliña a presenza de cerámica, pezas líticas, obxectos de vidro, metais e moedas, elementos que contribúen á reconstrución da vida cotiá e ao estudo das relacións comerciais da época.

O castro mantén conservada de maneira notable a súa morfoloxía, un aspecto que favoreceu a creación, en 2014, do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro impulsado pola Xunta que consolidou as áreas escavadas e reforzou a dimensión divulgativa do enclave. Hoxe é un dos xacementos máis visitados de Galicia e un referente para interpretar o mundo castrexo.

Coa súa inclusión no catálogo autonómico, Galicia suma 793 Bens de Interese Cultural, unha cifra que, segundo o Goberno galego, expresa o compromiso de protección e posta en valor do patrimonio histórico da Comunidade.

Pode que che interese...