O CIAG reconstrúe a Galicia que xa non vemos: 500 proxectos para devolver memoria visual ao país
O Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) naceu como idea en 2010 e cristalizou nun proxecto colectivo que aspira a virtualizar o patrimonio desaparecido, desvirtuado, inconcluso ou proxectado e nunca construído ao longo de séculos. O director, Carlos Paz, explica a motivación inicial: “Ningún organismo público estaba a recuperar virtualmente e de forma sistemática todo ese patrimonio. Vimos que a magnitude era enorme e decidimos poñernos mans á obra”.
Segundo relata, o equipo —unha agrupación de 15 artistas dixitais freelance constituída como asociación profesional e cultural— leva 15 anos de traballo acumulado e opera cunha premisa que resume o espírito do proxecto: crear memoria visual nova para facer visible o que saíu do imaxinario colectivo. A estimación que manexan, a partir de consultas a ámbitos universitarios, dá idea do reto: entre 40.000 e 50.000 elementos susceptibles de virtualización en Galicia; “farían falta 1.500 anos para cubrilo todo”, di con ironía.
O CIAG prepara unha presentación pública do proxecto en abril de 2026, no edificio Fontán, cun amplo conxunto de reconstrucións que se foron desenvolvendo en colaboración con investigadores e institucións. Ata o momento, teñen cargados arredor de 200 proxectos e están a integrar outros 200, co obxectivo de acadar os 500 a curto prazo.
Os responsables piden non publicitar plataformas provisionais de consulta porque “é un proxecto en evolución”: as pezas publícanse, reciben revisión académica, mellóranse e volven subirse, nun ciclo iterativo que non se pecha coa primeira versión. “Queremos facer a presentación oficial cando estea sólida; ata entón non a estamos a publicitar”, subliña Paz.
O abano de reconstrucións que fai o CIAG é amplo e vai da arquitectura monumental á arquitectura efémera ou proxectos de papel. Entre os casos citados destacan, a Catedral de Santiago románica, cunha liña de traballo aberta tamén sobre a fase gótica; o Coro do Mestre Mateo, reconstruído con alta precisión e fotogrametría, e integrado en motores de videoxogo para visualización interactiva; o Castelo da Rocha Forte (Santiago), modelado con arqueólogos municipais a partir de fotogrametrías das ruínas e descricións históricas; a Torre de Altamira (Brión), onde a orientación defensiva foi deducida durante o propio proceso de modelaxe, cruzando documentación e análise espacial; o Edificio Castromil (Santiago), reconstruído tras un complexo cruce de planos e fotografías ata localizar unha placa de vidro de gran resolución que permitiu completar a decoración superior con “unha precisión descomunal”, e planos e proxectos de Antonio Palacios para Vigo, Santiago e Ourense, xunto a liñas de traballo con obras de Alejandro de la Sota, Rafael González Villar ou Manuel Gómez Román.
A metodoloxía é sempre documental e comparada. “Partimos de toda a documentación precisa; cada proxecto vai asociado a un historiador ou dous que guían o proceso”, explica Paz. Alí onde hai lagoas, aplícase arquitectura comparada e contraste funcional: “O propio 3D forma parte da investigación: hai cousas que só ves cando modelas; se non encaixa, revísase”.
O carácter aberto e revisable é outra das marcas da casa: “Todos os proxectos son propostas visuais dunha época concreta; poden mellorarse con novos achados”. Un exemplo: a partir dun gravado reconstruíuse unha porta neomudéxar efémera en Ourense; seis anos despois apareceu a fotografía que inspirara o gravado e o modelo foi actualizado.
Rigor académico e tecnoloxía de vangarda

Lanobriga: unha cidade galaica, Século I AC / CIAG-USC
O CIAG combina asesoramento universitario con técnicas avanzadas: fotogrametría, texturizado PBR (materiais fisicamente correctos con múltiples mapas de reflexión, refracción, desprazamento, etc.), e motores en tempo real como Unreal Engine ou Twinmotion. O obxectivo é hiperrealismo para “conectar mellor co público”.
A elección de motores de videoxogo permite cargar grandes cantidades de xeometría e detallar con alta resolución con equipos asumibles, abrindo tamén a porta a experiencias inmersivas e recorridos interactivos.
Na visión do CIAG, as gafas de realidade mixta incorporarán no futuro unha capa histórica de datos: “Poderemos andar polas cidades e ver os edificios desaparecidos, geolocalizados, mesmo en varias fases”. O metaverso, entendido como espazo virtual onde se loxean datos urbanos e patrimoniais, facilitaría consultas técnicas (infraestruturas e servizos) e lecturas arqueolóxicas: “Se nunha obra aparece un resto, documéntase en fotogrametría e poderase ver baixo o chan sen destapar”.
Un dos piares do CIAG é crear unha gran base de datos 3D na que non só haxa imaxes, senón os modelos completos, preservados en multiformato para evitar o problema da obsolescencia do software. “Queremos que os modelos acaden consideración de documento dixital avalado por universidades e investigadores; servirán para investigacións futuras”, sinala Paz. A interface de consulta permitirá buscar por séculos, por arquitectos ou por provincias, e engadir capas de bibliografía, imaxes e renders.
Transferencia e acceso: libros, docencia e uso público
O CIAG defende a transferencia de coñecemento: os contidos xerados para libros universitarios, revistas ou exposicións ábrese posteriormente ao público. “Traballamos con material que é galego e público; debe volver ao público”, resume o director. En paralelo, preparan unha liña editorial en formato visual divulgativo, tamén como copia en papel fronte a hipotéticos escenarios de perda de acceso dixital.
No día a día, as reconstrucións úsanse xa como recurso pedagóxico en aulas universitarias e obradoiros, e comparten avances con grupos de investigación para obter feedback e introducir correccións antes de peches expositivos.
O CIAG promove accións formativas en VFX, videoxogos, modelado 3D, texturizado e motores de render co obxectivo de xerar perfís altamente especializados. A idea inclúe programas colaborativos coas administracións para detectar talento novo, incluso entre mozos con fracaso escolar, e orientalo a itinerarios profesionais dixitais: “Hai rapaces que collen ferramentas de esculpido dixital e fan auténticas marabillas; queremos darlles camiño e método”.
O labor do CIAG é sistemático e acumulativo: reconstrúe, verifica, publica, recibe revisión e mellora. “Cada modelo é unha proposta aberta”, insiste Paz. A medio prazo, anunciaron recreacións urbanas medievais completas —Santiago, Lugo— en diferentes fases históricas, e a continuidade de liñas sobre patrimonio moderno e contemporáneo (como Castromil ou os plans de Antonio Palacios).

