fbpx
Arquivo - Pórtico da Gloria / INCIPT-CSIC

Patrimonio 3.0 analiza en Ames e Compostela a desconexión entre a sociedade e as políticas culturais

Tempo de lectura: 3 min.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a difundir os principais achados de ‘Patrimonio 3.0: Modelado Argumentativo e Conceptual para a Mellora da Participación e as Políticas de Xestión en Patrimonio Cultural (ACME)’, un proxecto iniciado en 2021 e financiado pola Axencia Estatal de Investigación. A iniciativa, liderada polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), examinou como se constrúen e expresan os discursos patrimoniais en cinco contextos distintos do Estado, entre eles Ames e Santiago de Compostela.

O equipo partiu da idea de que o patrimonio non é un concepto estático, senón o resultado dunha construción social baseada en valoracións, crenzas e argumentacións compartidas. Así o explica o investigador principal, César González Pérez (INCIPIT-CSIC):
“O patrimonio cultural fórmase a partir das percepcións e expresións das persoas sobre o seu entorno. Estes intercambios poden xerar consensos, aínda que non sempre totais, sobre que elementos merecen ser considerados patrimoniais”. A hipótese inicial do proxecto situaba a análise dos discursos veciñais como chave para identificar conflitos recorrentes entre a cidadanía e as políticas oficiais de conservación: “Comprender estes discursos permítenos detectar puntos de desconexión e suxerir melloras na xestión”, sinala.

Para iso empregouse a metodoloxía IAT/ML, desenvolvida parcialmente durante o proxecto, que permite examinar os textos desde perspectivas ontolóxicas, argumentais e agenciais, con apoio do software LogosLink. Recolléronse documentos e entrevistas en cinco espazos representativos: Ames (A Coruña), Mansilla de la Sierra (A Rioxa), o Pont del Diable (Barcelona), o Pórtico da Gloria (Santiago de Compostela) e a fábrica de vidro da Trinidad (Sevilla). En total analizáronse máis de 500 entrevistas, ademais de miles de palabras procedentes doutras fontes documentais.

Do conxunto dos estudos elaboráronse 23 recomendacións específicas e seis propostas xerais aplicables a calquera contexto. Entre estas últimas, destacan a necesidade de priorizar ás comunidades locais fronte aos visitantes cando existan intereses contrapostos, mellorar os canles de comunicación directa coa Administración, e clarificar que o valor patrimonial non deriva exclusivamente da protección legal, senón que é anterior e independente dela.

O caso de Ames

En Ames, a investigación centrouse na percepción do patrimonio inmediato entre alumnado de 11 a 13 anos. O obxectivo foi observar en que medida recoñecen os elementos patrimoniais do seu contorno, como valoran o tratamento que reciben e se se consideran parte activa na súa protección.

O corpus analizado incluíu 345 respostas, nas que se identificaron tres posturas principais. A máis estendida sostén que os elementos patrimoniais coñecidos polos estudantes están a sufrir algunha forma de deterioración, apoiada polo 16,88 % das proposicións rexistradas. Outras dúas liñas de pensamento subliñan, por unha banda, a necesidade de implicar máis á mocidade nas políticas patrimoniais e, pola outra, o papel educativo que xoga o coñecemento do entorno na participación social.

O equipo considera que o municipio podería reforzar a súa política patrimonial explicando mellor os procesos de negociación e toma de decisións, incorporando actividades específicas para a mocidade, atendendo ás singularidades do territorio rural e rururbano e tendo en conta as voces do alumnado nos seus propios termos.

O pórtico da Gloria

En Santiago, o foco situouse no impacto social da restauración do Pórtico da Gloria (2006–2018), un proceso seguido con atención tanto polas institucións como pola cidadanía. As entrevistas realizadas —a veciños, visitantes, peregrinos e profesionais vinculados á restauración— incluíron reflexións sobre o acceso público á obra e sobre o equilibrio entre conservación e afluencia.

As análises mostran unha diversidade moi equilibrada de opinións, sen que ningunha postura resulte claramente maioritaria. O equipo identificou tres posicións: quen considera que a restauración alterou en exceso o monumento, quen entende que o programa actual de visitas é adecuado, e quen defende que o acceso debe supeditarse ás necesidades de conservación. A última postura foi a máis apoiada, aínda que sempre nunha escala moderada.

Entre as melloras propostas para a xestión patrimonial do Pórtico destacan informar con máis detalle sobre os compromisos entre conservación e acceso, difundir de forma clara o funcionamento das visitas e incorporar dimensións sociais nos proxectos de restauración, situando o criterio veciñal por diante das expectativas dos visitantes.

Pode que che interese...