fbpx
Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que ata agora son propiedade da familia Franco

Santiago fixa data para a recepción das esculturas do Pórtico da Gloria expoliadas polos Franco

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Santiago anunciou este xoves que as esculturas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo, chegarán á cidade o próximo 11 de decembro, día no que quedarán instaladas no Museo do Pobo Galego para a súa exhibición pública. Trátase das mesmas pezas que permaneceron durante décadas no Pazo de Meirás, tras seren incorporadas ao inmoble durante a etapa franquista, e que o Tribunal Supremo ordenou devolver ao consistorio compostelán no pasado mes de xuño.

A alcaldesa Goretti Sanmartín fixo público o anuncio nunha xornada de forte carga simbólica, coincidindo co 50 aniversario da morte de Francisco Franco. A rexedora destacou que o traslado representa “a recuperación de dúas obras de arte”, mais tamén “un acto de xustiza histórica e de dignidade colectiva”. Subliñou ademais que as figuras foran obxecto “dun expolio e dunha apropiación indebida”, polo que a súa restitución “pon fin a unha longa demanda institucional”.

As pezas forman parte do conxunto escultórico do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e saíran do templo compostelán a mediados do século XX, no contexto da utilización de Meirás como residencia da familia do ditador. A súa permanencia na capela do pazo converteuse ao longo dos anos nun dos símbolos máis coñecidos do debate sobre o patrimonio retido en mans privadas tras o franquismo.

O proceso xudicial para recuperar as esculturas prolongouse durante anos. A corporación municipal compostelá iniciou a vía legal durante o mandato de Martiño Noriega, e o litixio continuou con diferentes gobernos locais ata que o Supremo estimou os recursos de casación e infracción penal interpostos polo concello. A sentenza obrigou á familia Franco a entregar as figuras, que seguen gardadas en Meirás de maneira preventiva mentres continúa aberto o procedemento xeral sobre a titularidade do pazo.

Sanmartín agradeceu o traballo realizado por profesionais e institucións que contribuíron ao proceso. A alcaldesa recoñeceu “o labor de xuristas, historiadores e historiadoras, persoal da administración e representantes das corporacións municipais anteriores”, así como a implicación da “xente activista da memoria” que acompañou as reivindicacións sociais arredor de Meirás.

O Museo do Pobo Galego prepara xa a recepción das obras, que poderán ser visitadas desde o propio 11 de decembro. O Concello cualifica esa data como “un día histórico para Galicia” e anima a cidadanía a participar no acto de chegada das esculturas e a achegarse posteriormente ao museo para contemplalas. Segundo Sanmartín, a restitución das figuras ofrece unha oportunidade para realizar “un exercicio de memoria histórica” nun momento no que continúa en marcha o proceso xudicial sobre Meirás e avanza a proposta estatal para declarar o pazo Lugar de Memoria Democrática.

Pode que che interese...