fbpx
Traballos de estudio e exhumación da foxa en Teo / Histagra

Un equipo multidisciplinar da USC comeza en Teo a recuperación dunha fosa da Guerra Fría interior

Tempo de lectura: 2 min.

O grupo de investigación Histagra da USC iniciou este luns os traballos de estudo e exhumación dunha fosa común no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou, no concello de Teo (A Coruña). Segundo a documentación recompilada, neste lugar poderían atoparse os restos de catro integrantes do V Agrupación da guerrilla antifranquista galega, vinculada ao histórico combatente Benigno Andrade “Foucellas”.

O equipo investigador, coordinado polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, traballa no marco do Plan Cuatrienal de Memoria Democrática 2023–2026, impulsado pola USC en colaboración coa Xunta de Galicia. Os labores inclúen a intervención arqueolóxica e a análise forense e xenética, co obxectivo de identificar e restituír a identidade dos guerrilleiros asasinados en maio de 1948.

Segundo o informe histórico elaborado por Histagra, a fosa de Luou albergaría os restos de Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, de Peñarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, coñecido como “Barbarroxa”, de Iria Flavia (Padrón); e Vicente López Novo, “o fillo da Nova”, de Santa Uxía de Ribeira. Todos eles pertencían á V Agrupación da guerrilla antifranquista, unha das máis activas na Galicia interior durante os anos corenta.

Os investigadores apuntan que os catro combatentes morreron nun enfrontamento coa Garda Civil o 19 de maio de 1948, na aldea de Loureiro, parroquia de Luou. Nese combate tamén perdeu a vida un axente da Garda Civil, mentres que Foucellas e Xosé Ramuñán Barreiro conseguiron escapar. As fontes orais e documentais recompiladas conducen a “diversas hipóteses” sobre o desenvolvemento exacto do suceso, aínda hoxe envolto nunha densa memoria local.

Esta intervención en Teo inscríbese na Campaña de Memoria 2025, que inclúe tamén os traballos en curso nas fosas de Rianxo e Ribeiras do Sor (Mañón). No proxecto participan especialistas do Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro, dirixido por María Victoria Lareu, e o antropólogo forense Fernando Serrulla Rech, do Imelga, responsables da análise osteolóxica e xenética das mostras recollidas.

O proxecto aspira a recoñecer e dignificar ás vítimas da represión franquista, ao tempo que contribúe a documentar a historia da resistencia armada en Galicia, un episodio clave da posguerra que, segundo o equipo de Histagra, “segue pendente de ser plenamente coñecido e comprendido pola sociedade galega”.

Pode que che interese...