fbpx
Escavacións baixo a Catedral / Catedral de Santiago

A lauda de Teodomiro e o mausoleo romano, claves dun percorrido pola historia soterrada da Catedral de Santiago

Tempo de lectura: 5 min.

A visita ás escavacións arqueolóxicas da Catedral de Santiago, desenvolvida este martes 2 de decembro no marco da semana dedicada ao Patrimonio Invisible de Compostela, permitiu a un pequeno grupo de persoas acceder a un dos espazos menos coñecidos —e máis decisivos— para comprender a formación da cidade. Baixo o pavimento do templo románico agóchase un conxunto estratificado de restos que documentan, con continuidade excepcional, a transformación dun enclave romano nun centro de peregrinación medieval. O guía, Carlos Castelao, conduciu un percorrido que combinou explicación histórica, análise arqueolóxica e unha lectura crítica das investigacións realizadas dende o século XIX ata a actualidade.

Segundo explicou Castelao, os niveis máis antigos conservados baixo a catedral corresponden a restos romanos: tramos de pavimento, cerámica, ladrillos e canalizacións que indican a existencia dun asentamento de certa entidade. A natureza deste enclave segue aberta ao debate, mais a presenza de condutos hidráulicos e de pavimentos preparados para soportar calor suxire que podería ter existido unha pequena área termal ou un espazo doméstico complexo.

Os materiais achados vínculanse tamén co debate toponímico sobre a localización das estacións romanas mencionadas nos itinerarios antigos. Entre as hipóteses citadas polo guía está a posible identificación co nome Assegonia, aínda que outras propostas sitúan o enclave noutros puntos da comarca. A este nivel tamén pertencen algunhas aras romanas, conservadas no museo catedralicio, das que se amosaron reproducións ao comezo da visita.

Pezas prerrománicas das escavacións arqueolóxicas da Catedral / Catedral de Santiago

 

Escaleiras de acceso ás escavacións arqueolóxicas da Catedral / Catedral de Santiago

O mausoleo romano e o núcleo do culto xacobeo

O elemento central deste estrato é o mausoleo romano, estrutura funeraria de dous niveis onde, segundo a tradición, terían sido soterrados os restos do Apóstolo Santiago e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro. A documentación arqueolóxica recolle que, no exterior do mausoleo, se achou no século XVII unha inscrición funeraria romana dedicada á neta dunha familia acomodada que encargara a construción do monumento.

A explicación guiada repasou como, en época tardoantiga, o mausoleo foi progresivamente cuberto, reforzado con muros e finalmente ocultado baixo un pequeno túmulo artificial. Estes procesos de soterramento, motivados pola inestabilidade política e relixiosa, explican que a estrutura permanecese preservada ata o seu redescubrimento.

Segundo a tradición transmitida dende a Idade Media, o eremita Pelayo identificou luces sobre o bosque próximo, o que deu lugar ao achado do sepulcro polo bispo Teodomiro de Iria. Sobre este punto, Castelao lembraba que o achado do sepulcro marcou o inicio da primeira igrexa dedicada ao Apóstolo, a chamada basílica de Alfonso II.

As escavacións permiten identificar algúns dos seus elementos: muros perimetrais, o trazado dun corpo único e o espazo onde se situaba o altar sobre o mausoleo. A este edificio sucedeulle, a finais do século IX, a basílica de Alfonso III, de maior tamaño e xa equipada cun pórtico occidental. Parte dos seus límites arquitectónicos —como os escalóns e a traza dos piares— puideron observarse in situ durante a visita.

Un dos puntos onde o relato histórico se fixo máis visible foi o sector que conserva restos de madeira carbonizada. Estes fragmentos, atopados durante as campañas de mediados do século XX, coinciden co relato das crónicas que describen a entrada de Almanzor na cidade no ano 997 e a destrución da basílica. Segundo o guía, a análise estratigráfica confirma que a zona foi queimada, e que a basílica de Alfonso III tivo que ser reconstruída e usada de forma provisional ata que a catedral románica comezou a levantarse a partir de 1075.

A necrópole medieval: centos de vidas soterradas ao pé da catedral

A visita permitiu acceder tamén á zona onde se conserva parte da necrópole medieval. As intervencións de Manuel Chamoso Lamas nos anos 40 e 50 documentaron 43 tumbas e 66 individuos, aínda que se sabe que existiron máis sepulturas que foron destruídas na procura dos niveis máis antigos.

Destacan especialmente as laudas chamadas “de dobre estola”, características dos séculos VI ao VII, e outras posteriores, dos séculos IX ao XI. Estes enterramentos ocupan o espazo exterior ás basílicas, xa que só persoas canonizadas ou de excepcional relevancia podían recibir sepultura dentro dos templos.

Entre os achados máis significativos da campaña de 1955 está a lauda sepulcral do bispo Teodomiro, figura esencial na historia do descubrimento apostólico. A tumba apareceu nunha cámara formada por varias laxas, situada no sector privilexiado inmediato ao mausoleo. A peza, hoxe exposta no museo da catedral, foi explicada cun detalle especial, pois permite corroborar que se trataba dun espazo destinado a personaxes destacados.

Ósos soterrados baixo a Catedral / Catedral de Santiago

A investigación científica recente: unha cidade de inmigrantes

A visita incorporou tamén as achegas do proxecto dirixido por Patxi Pérez-Ramallo en 2015 e 2017, que revisou a necrópole mediante técnicas osteoarqueolóxicas, análises isotópicas e datacións por radiocarbono. Os resultados publicados en Archaeological and Anthropological Sciences revelan transformacións sociais relevantes, como o feito de que máis do 50% das persoas enterradas eran foráneas, procedentes de territorios peninsulares diversos, incluíndo áreas de baixo control do Califato. A partir do século XI, segundo as investigacións, aparecen individuos procedentes doutros reinos cristiáns e de Europa occidental. Moitos destes habitantes chegaron para establecerse de xeito permanente, atraídos polos beneficios sociais dunha cidade en expansión.

A sá dieta, reconstruída a través dos isótopos, indica diferenzas sociais e un consumo notable de peixe e a posición das tumbas escavadas confirma unha xerarquización do espazo funerario: canto máis próximo ao sepulcro apostólico, máis prestixio social ou relixioso.

Segundo explicou Castelao, as análises de ADN e orixe xenética recollen perfís moi diversos, con trazos asociados a distintos ámbitos xeográficos. A combinación destas técnicas permite entender Compostela como unha cidade precozmente urbana, multicultural e dinámica desde os seus inicios.

Outro dos elementos tratados foi o complexo sistema de sostemento do edificio actual. A visita permitiu observar o desnivel que obriga a construír forxados, cámaras e soportes diversos baixo o chan da basílica. A cripta do Pórtico da Gloria e as ventilacións que se observan no interior da catedral teñen a súa explicación nunha topografía marcada pola pendente cara ao oeste.

Un patrimonio preservado para futuras investigacións

As escavacións accesibles ao público —a cripta e parte dos niveis inferiores— constitúen só unha fracción do espazo arqueolóxico total. Moitas áreas non son visitables por cuestións de conservación ou seguridade, pero continúan sendo obxecto de estudo mediante proxectos científicos internacionais.

Pode que che interese...