Dos ogros aos pontádegos: as pontes medievais que artellaron a Galicia histórica
Nun país descrito tantas veces como terra de ríos, as pontes deixan de ser un simple elemento funcional para converterse nunha chave de lectura da historia. Esa foi a idea que guiou a recente xornada sobre pontes históricas celebrada o 4 de decembro en Melide, no marco do ciclo ‘A unha voz na metade do Reino’, que organizan conxuntamente o Consello da Cultura Galega e o Museo Terra de Melide. Nela, o historiador Xosé M. Sánchez Sánchez, profesor da USC, propuxo mirar ás pontes medievais non só como infraestruturas, senón como documentos culturais capaces de contar boa parte do pasado galego.
“O mundo medieval é un mundo moi comunicado“, resume o investigador, enfrontándose á imaxe tópica dunha Idade Media illada e encerrada en si mesma. As pontes, di, son unha das probas máis visibles desa vontade de se conectar, viaxar e manter relacións entre comunidades afastadas.
Para Xosé M. Sánchez Sánchez, as pontes medievais son pezas centrais na organización do territorio, tanto no rural coma nas cidades. Os camiños antigos buscan vaos e pasos naturais, pero son as pontes as que fixan de maneira estable as rutas sobre o territorio e as que acaban concentrando non só o tránsito, senón tamén actividades económicas e formas de vida.
As pontes artellan o espazo rural, permitindo que aldeas e parroquias se comuniquen e que determinados puntos se convertan en referencias colectivas. A documentación medieval recolle con frecuencia mencións a feitos que acontecen “entre dúas pontes”, o que revela a súa función como marcadores xurídicos e xeográficos. Son límites de xurisdición, referencias en contratos ou arrendamentos, sinais que axudan a definir que é de quen.
Mais o fenómeno non se limita ao mundo rural. Tamén no espazo urbano, explica o historiador, as pontes actúan como eixes de crecemento. Cita casos como as pontes de Compostela ou os pasos sobre o Miño en cidades como Ourense e Lugo, que aparecen reiteradamente na documentación dos séculos XII ao XIV como elementos referenciais na vida das urbes. Nun momento de expansión demográfica e económica das cidades europeas, as pontes facilitan a extensión dos núcleos cara aos cursos fluviais e abren novos ámbitos de ocupación.
Nalgúns casos, unha ponte pode incluso dar lugar a un novo poboamento. Xosé M. Sánchez Sánchez lembra o exemplo do burgo de Ponte Ulla, nado arredor do paso que cruzaba o río e que a finais do século XII xa aparece dotado da súa propia carta de natureza. As fontes mencionan veciños situados “a este lado” e “ao outro lado” da ponte, sinal de que o tránsito acaba por consolidar un asentamento estable nos dous extremos.
“As pontes son testemuños mudos, pero decisivos“, sintetiza o historiador. “Artellan o espazo rural e urbano e, en ocasións, favorecen a aparición de novas vilas e burgos”.
Do territorio ás crenzas: pontes como espazos liminares
A xornada de Melide non se limitou á dimensión material das pontes. O relatorio de Xosé M. Sánchez Sánchez, titulado As pontes medievais de Galicia. Dos ogros aos pontádegos, puxo o foco tamén nos valores simbólicos, lendarios e inmateriais asociados a estes pasos.
O historiador lembra que as fontes medievais son moi parcas á hora de explicar que pensaba a xente das pontes que cruzaba a diario. A pesar diso, a tradición europea e algúns textos específicos permiten intuír que eran percibidas como lugares de fronteira, espazos liminares nos que o tránsito podía ter tamén unha lectura espiritual.
Obras atribuídas a autores como san Gregorio Magno refiren a ponte como lugar de paso cara a outro ámbito que pode ser lido en clave de salvación ou condena. “O cruce dunha ponte pode poñer en contacto cun espazo non só natural, senón tamén sobrenatural”, resume Sánchez. Ao outro lado pode agardar un mundo “paradisíaco” ou, pola contra, un territorio de treboadas, escuridade e castigo.
Na tradición galega, algunhas pasaxes conservadas en testamentos tardomedievais evocan precisamente ese tránsito derradeiro en clave de ponte, mentres que textos como o Códice Calixtino recollen episodios nos que a ponte é un lugar de intervención divina, como no relato da traslación do corpo do apóstolo Santiago, no que Deus derruba o paso cando os perseguidores tentan alcanzaren os discípulos.
O historiador menciona tamén un relato ligado á cova da Curuxa, no que membros da nobreza baixomedieval se internan, guiados por un monxe nigromante, nun espazo subterráneo onde atopan seres ricamente vestidos e tesouros asociados aos mouros. Entre eles e ese outro mundo media un río que deben cruzar, aínda que finalmente non o fan. Non se menciona explicitamente unha ponte, pero o motivo do río como fronteira reaparece con forza.
Para Sánchez, todo isto apunta a que as pontes —e, por extensión, outros pasos fluviais— poden ser lidas como lugares de tránsito entre dous ámbitos, tamén no imaxinario colectivo. “Son elementos que darían para facer unha historia cultural estupenda”, conclúe, abrindo a porta a futuras investigacións sobre mentalidades e crenzas.
Alén da súa dimensión histórica e simbólica, as pontes medievais actuais son tamén marcas de identidade para as comunidades que viven arredor delas. Xosé M. Sánchez Sánchez considera que a valoración social destes bens resulta decisiva á hora de pensar a súa protección e conservación.
“As pontes medievais son enormemente identitarias para as comunidades“, afirma. Non só pola súa antigüidade, senón porque remiten aos tempos orixinarios das vilas e cidades, ás xeracións que as construíron e camiñaron por elas. Iso fai que moitas localidades perciban as súas pontes como elementos propios, asociados á memoria colectiva.
Para o historiador, a defensa do patrimonio ponte non pode reducirse a unha cuestión de aproveitamento turístico: “Non é unha cuestión turística, é unha cuestión patrimonial e identitaria”. Sitúa as pontes ao lado doutras realidades materiais e inmateriais —capelas, camiños, roteiros tradicionais— que axudan a definir quen somos e como nos relacionamos co territorio.
A xornada de Melide incorporou tamén unha mirada máis concreta ás pontes dunha contorna especialmente marcada polos camiños históricos e as rutas de peregrinación. A intervención de Cristina Vázquez Neira, do Museo Terra de Melide, centrouse nas pontes históricas da zona, entre elas a ponte de Furelos e outros pasos que conforman un auténtico itinerario patrimonial no territorio.
Nunha das pontes do entorno apareceu recentemente unha pedra con inscrición fundacional do século XIX, que engade novas capas de información á historia do paso e á súa relación coa veciñanza. Para Sánchez, a achega de Vázquez Neira supón un exemplo de como o estudo de ámbito local permite combinar documentación, arqueoloxía, paisaxe e memoria viva.
A colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Museo Terra de Melide enmárcase nun ciclo iniciado en 2020, que xa se ten detido en temas como os cruceiros góticos (2022), as vilas cercadas da Idade Media (2023) ou os hospitais e albergarías vinculados aos camiños históricos (2024). O título xenérico, ‘A unha voz na metade do Reino’, remite á publicación homónima que lembraba os cincocentos anos da Xunta de Melide e a centralidade histórica desta vila nas dinámicas políticas e territoriais de Galicia.
Pontes e cambio climático: ameazas para o patrimonio menor
A análise histórica das pontes medievais non pode desligarse do presente nin das condicións cambiantes do territorio. Entre os factores que hoxe condicionan a súa preservación destaca a evolución dos caudais e a maior intensidade dos episodios hidrolóxicos, un escenario que afecta de maneira desigual ás distintas tipoloxías de pasos fluviais.
Para Xosé M. Sánchez Sánchez, esta realidade incide especialmente no que denomina “pequeno patrimonio”: pontellas, pasos menores e estruturas tradicionais que, malia a súa aparencia modesta, forman parte esencial da arquitectura histórica das comunidades rurais. Son obras que falan das necesidades de comunicación máis básicas, do deseño tradicional do territorio e das prácticas cotiás que sustentaron a vida local durante séculos. A súa vulnerabilidade fronte ás variacións do clima, explica, é maior ca na das grandes pontes medievais, cuxa solidez estrutural as coloca nunha posición máis resistente.
Neste contexto, o historiador subliña a importancia de reforzar tarefas continuadas de vixilancia, conservación e consolidación das estruturas existentes, acompañadas de políticas públicas sensibles ao territorio e ao patrimonio. A prevención e o mantemento, máis ca nunca, convértense en ferramentas clave para garantir a supervivencia dun conxunto de bens que non só forman parte da historia técnica da enxeñaría, senón tamén da memoria social das comunidades que medraron ao seu carón.

