Luísa Cuesta, moito máis que unha pioneira na universidade
A historia de Luísa Cuesta Gutiérrez (1892–1962) é a dunha muller que chegou onde moi poucas podían chegar, pero tamén a dunha traxectoria marcada polos límites estruturais impostos ás mulleres no ámbito académico. Mestra, profesora universitaria, bibliotecaria e investigadora, a súa figura volve agora ao primeiro plano grazas a un traballo de investigación impulsado desde a Universidade de Santiago de Compostela e desenvolvido polas historiadoras Aldara Cidrás e Ana Cabana.
A investigación naceu por iniciativa da Reitoría da USC, co gallo do centenario da primeira clase impartida por Cuesta na universidade compostelá. Como explica Aldara Cidrás, o punto de partida non foi unha paixón previa pola personaxe, senón un encargo institucional: “Francamente, non a coñeciamos. Sabíase o nome, pero era unha grande descoñecida para a comunidade universitaria”. A sorpresa chegou axiña cando comezaron a afondar na documentación.
Unha etapa clave en Compostela
A obra céntrase de maneira especial na etapa galega de Luísa Cuesta, tradicionalmente tratada como un simple paréntese entre a súa orixe castelá e o seu destino final en Madrid. Porén, os datos desmontan esa idea. Entre 1921 e 1930, Cuesta non só foi a primeira bibliotecaria da USC, senón tamén a primeira profesora universitaria da institución e da universidade española en acceder a un posto remunerado en igualdade de condicións cos homes, algo excepcional na época.
Durante eses anos integrouse de cheo na vida cultural e académica de Santiago: matriculouse na Facultade de Dereito —sendo a primeira muller en facelo—, colaborou co Seminario de Estudos Galegos, participou na Sociedade Económica de Amigos do País e implicouse na campaña pola creación dunha residencia universitaria, defendendo explicitamente a necesidade dunha residencia feminina, inspirada na Residencia de Señoritas de Madrid.
“Pensabamos que fora pioneira, pero non sabiamos que o fora a esa escala”, recoñece Cidrás. A investigación permitiu reconstruír unha etapa de enorme intensidade profesional, docente e investigadora, na que Cuesta publicou estudos, realizou tarefas de catalogación e prestou especial atención ao fondo da Biblioteca América da USC, clave para os seus traballos sobre emigración e historia americana.
Máis alá do mito da pioneira
Un dos obxectivos centrais do libro é fuxir dunha biografía lineal e triunfalista. Aldara Cidrás advirte dos riscos do uso acrítico do termo pioneira: “Moitas veces empregámolo con boa vontade, pero deixa fóra a complexidade das mulleres ás que se aplica”. No caso de Luísa Cuesta, a súa brillantez conviviu coa inseguridade, coa precariedade económica e coa conciencia clara de que a carreira académica tiña límites case infranqueables para unha muller.
A pesar do recoñecemento que recibiu en Compostela —foi ben acollida polo alumnado, polo profesorado e mesmo pola prensa—, o seu salario principal seguía a proceder da biblioteca. Cando en 1930 consegue un ascenso na Biblioteca Nacional, abandona Santiago. Non por falta de vocación docente, senón por unha decisión pragmática: a necesidade dun soldo estable e dun futuro profesional viable.
“Luísa era consciente de que a carreira académica é unha carreira de fondo, e cando necesitas manterte, non sempre podes xogar esa baza”, explica Cidrás.
Lonxe da imaxe da muller illada que triunfa en solitario, a investigación pon o foco nun ecosistema feminino fundamental. A figura máis próxima é a da súa irmá Modesta Cuesta, que tamén desenvolverá unha carreira profesional destacada e coa que compartirá espazos e proxectos. Pero xunto a ela aparecen nomes como María de Maeztu, directora da Residencia de Señoritas, coa que mantivo unha relación de amizade e apoio documentada a través da correspondencia.
Estas redes funcionaron como apoios informais, tanto a nivel emocional como material: recomendacións, solicitude de bolsas, acompañamento nos primeiros anos profesionais. Segundo Cidrás, trátase dun universo no que o papel dos homes resulta secundario fronte á centralidade das relacións entre mulleres.
Guerra, depuración e marxinación
A traxectoria de Luísa Cuesta non se entende sen o seu compromiso político e profesional durante a Segunda República e a Guerra Civil. Formou parte da Comisión Gestora do Corpo Facultativo de Arquivos, Bibliotecas e Museos e participou activamente na protección do patrimonio bibliográfico ante os bombardeos sobre Madrid. En 1937 chegou a ser nomeada directora da Biblioteca Nacional, nun contexto extremo de guerra e ameaza constante.
A vitoria franquista supuxo a súa caída en desgraza. Foi denunciada, depurada, sancionada con redución de soldo e traslado forzoso. Aínda que finalmente regresou á Biblioteca Nacional en 1945, fíxoo nunha posición marxinada. As viaxes de estudo ao estranxeiro convertéronse no seu principal osíxeno intelectual. A pesar de todo, foi a única muller galardoada dúas veces co Premio Bibliográfico Nacional, aínda que algunhas das obras premiadas permaneceron inéditas durante anos.
Un legado por activar
Hoxe, Luísa Cuesta dá nome a aulas e espazos universitarios, pero o seu coñecemento segue a ser limitado mesmo dentro da USC. Para Aldara Cidrás, o libro é só un primeiro paso: “Gustaríame que Luísa Cuesta fose un nome de referencia, un espello no que mirarnos, coas súas luces e as súas sombras”.
A súa historia serve tamén como advertencia: a universidade perdeu talento feminino no pasado, especialmente entre a tese doutoral e a estabilización profesional, e segue a enfrontarse a desafíos semellantes. Recuperar a figura de Luísa Cuesta non é só un exercicio de memoria histórica, senón unha ferramenta para pensar o presente e o futuro da institución universitaria.

