O castro de Trelle afronta dez xornadas de escavación coa continuidade dos traballos iniciados en 2024
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o castro de Trelle, no concello de Toén, coincidindo co inicio dunha nova campaña arqueolóxica destinada a afondar no coñecemento deste enclave. Na visita participou tamén o alcalde de Toén, Ricardo González, e o rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.
A intervención, financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cun investimento superior aos 16.000 euros, dará continuidade aos traballos iniciados en 2024 e desenvolverase nunha superficie de 80 metros cadrados, resultado da unión dos sondeos abertos en Toén e Barbadás o pasado ano. O delegado sinalou que estes procedementos permitirán avanzar na documentación e caracterización do xacemento, ao tempo que fornecerán información útil para orientar actuacións futuras.
Pardo explicou que, unha vez completadas as tarefas de campo, os restos quedarán cubertos de maneira provisional, á espera dun proxecto específico de consolidación e restauración. Subliñou ademais que esta intervención se enmarca no Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025, que reúne 81 proxectos en Galicia, dos cales 15 corresponden á provincia de Ourense, cun investimento conxunto de 260.000 euros. Segundo afirmou, o incremento da partida para arqueoloxía responde a que “cada vez son máis os bens que precisan investigación e divulgación”.
A nova campaña está dirixida por Andrés Rodríguez Soutelino e executada polos equipos de Árbore Arqueoloxía e Breogán Arqueoloxía. A continuidade dos traballos é posible grazas ao apoio institucional e á colaboración dos concellos de Barbadás, Toén e Cartelle, ademais da Axencia Xeral de Patrimonio da Xunta.
O proxecto, porén, naceu do impulso veciñal. En 2024, as asociacións Porta da Cadea (Barbadás) e Amigos do Patrimonio de Toén promoveron a primeira campaña tras recadar 19.000 euros con fondos propios. Aqueles quince días de traballo permitiron recuperar estruturas como unha vivenda circular de dous metros e medio de diámetro, identificar dúas murallas e localizar materiais como un fragmento dunha ánfora da Bética, que apunta a contactos comerciais durante a romanización. As evidencias recollidas ata agora sitúan a ocupación do sitio arredor do cambio de era, sen descartar períodos anteriores ou posteriores.
Na segunda campaña, a prioridade é documentar con detalle cada achado. “Desexamos entender mellor o xacemento, coñecer o uso do material cerámico”, explicou David Sabucedo, presidente de Amigos do Patrimonio de Toén, quen avanzou que se identificou unha estrutura que polo seu tamaño “pode que tivera outro tipo de función; sabémolo cando remate a campaña”.
O presidente da asociación destacou tamén o carácter comunitario dun proxecto que “vén de abaixo a arriba” e que conseguiu mobilizar colaboración institucional. A recuperación do castro forma parte dun programa máis amplo das entidades locais para revitalizar a memoria e o patrimonio dos municipios de Toén e Barbadás grazas ao labor de documentación e aos testemuños veciñais.
O castro de Trelle, situado a 600 metros de altitude, domina a panorámica completa de Ourense e os vales do Arnoia e do Miño. Pola súa extensión, podería ser un dos castros de maior superficie entre os situados na contorna próxima da cidade. Hoxe, o enclave combina o interese arqueolóxico cun uso habitual como espazo natural frecuentado por sendeiristas, ciclistas e veciños.
Segundo a Xunta, a finalidade desta nova intervención é ampliar o coñecemento científico, facilitar a planificación de futuras escavacións e avanzar cara a unha futura valorización patrimonial dun sitio que continúa revelando fragmentos da vida cotiá de hai máis de dous mil anos.

