O castro do Teso da Ermida revela novas vivendas e claves da arquitectura castrexa tras a última campaña arqueolóxica
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de concluír unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida, situado no concello de Navia de Suarna, cunha intervención que permitiu ampliar e mellorar o espazo visitable e avanzar no coñecemento da organización e da arquitectura do poboado. Os traballos contaron coa colaboración da asociación Ser, promovida por Oliver Laxe, así como do Concello de Navia de Suarna.
A actuación completou un conxunto de vivendas que ofrece unha visión máis ampla do asentamento e propuxo un itinerario de acceso e interpretación máis axeitado para o público, co obxectivo de facilitar a comprensión do xacemento. O enclave destaca polo alto grao de conservación das estruturas, con muros que, nalgúns casos, superan os catro metros de altura.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o castro ao remate da campaña e subliñou que o propósito das accións divulgativas asociadas aos traballos “é difundir entre a cidadanía o valor cultural e histórico do noso patrimonio arqueolóxico”. Como peche da intervención, a Xunta organizará este sábado, a partir das 12.00 horas, unha visita comentada ao Teso da Ermida, e o domingo, á mesma hora, unha actividade similar no castro de Formigueiros, en Samos, onde tamén se levaron a cabo tarefas de limpeza e conservación. Ambas propostas son gratuitas e sen inscrición previa.
Dende o ano 2020, a Consellería destinou ao Teso da Ermida máis de 117.000 euros, dos cales 65.015 euros se empregaron directamente en traballos arqueolóxicos e 52.093 euros na reconstrución da antiga capela situada no sector sueste do xacemento, integrando así investigación, conservación e posta en valor.
Durante a última campaña executáronse dous sondeos de grande extensión, cunha superficie total de 97 metros cadrados, que permitiron documentar sete vivendas: catro practicamente completas —tres de planta circular e unha rectangular— e tres parcialmente escavadas. Xunto a estas estruturas apareceron zonas de paso, calellos, muros de nivelación e descarga, escaleiras, pavimentos e sistemas de drenaxe, elementos que reflicten unha planificación complexa do espazo habitado.
As construcións presentan muros de lousa e pizarra cun espesor medio de entre 50 e 70 centímetros. A cuberta apoiábase en paramentos de cachotería, con teitos vexetais de palla sobre vigas de madeira. No interior das cabanas, organizadas en varios niveis mediante fallados de madeira, desenvolvíase o espazo doméstico, no que se identificaron lareiras, paraventos, braseiros e, nalgúns casos, bancos corridos.
A escavación permitiu tamén recuperar un conxunto de 176 pezas, maioritariamente cerámicas de uso doméstico. Entre os achados destacan materiais de época romana, incluído un fragmento de paredes finas procedente de Melgar de Tera, datado a mediados do século I d.C.. Este elemento apunta á existencia de intercambios comerciais integrados no mundo romano, achegando novos datos sobre a relación do poboado co contexto histórico máis amplo da época.

